Conxunto de cidades e áreas urbanas dun territorio, xunto coas súas interrelacións.
Exemplo:
Todas as áreas urbanas de España se relacionan entre si formando o sistema urbano español.
Xerarquía urbana
Definición:
Ordenación por importancia das cidades dun sistema urbano.
Exemplo:
A Coruña e Vigo ocupan os primeiros lugares da xerarquía urbana galega.
Cidade global
Definición:
Cidade que ocupa un posto moi destacado no sistema económico mundial.
Exemplo:
Nova Iork é unha cidade global porque a súa influencia económica esténdese a todo o mundo.
O sistema urbano
O conxunto de cidades e áreas urbanas dun territorio forman a súa rede urbana. Pero prefírese en xeral falar de sistema urbano, porque estas cidades relaciónanse entre si, e un sistema é precisamente un conxunto de elementos interrelacionados. A continuación tes as cidades máis destacadas de España por número de habitantes.
Preme sobre o mapa para amplialo.
Mapa dos concellos españois de máis de 10.000 habitantes
Nesas relacións que se establecen entre cidades, ou entre áreas urbanas, porque xa sabes que non son o mesmo, non todas son igual de importantes. As máis grandes teñen máis funcións, máis servizos e máis especializados (non é o mesmo un centro de saúde pequeno que un gran hospital, aínda que nos dous casos se preste servizo médico; nin unha escola infantil é o mesmo que unha universidade, sendo os dous servizos educativos). Tamén son sedes de empresas, de centros de investigación, de institucións culturais... Así que en función do número e da especialización destas funcións e servizos urbanos, as cidades ordénanse por importancia, ou sexa, gardan unha xerarquía.
No seguinte mapa podedes ver onde se ubican as cidades máis poboadas do mundo, as que teñen máis dun millón de habitantes.
Preme sobre o mapa para ampliar a imaxe
Mapa de cidades con máis dun millón de habitantes
Podemos falar de xerarquía a nivel mundial (Nova Iork é máis importante que Madrid), continental (Londres é máis importante que Munich), estatal (Madrid é máis importante que Logroño) ou rexional (Sevilla é a cidade máis importante de Andalucía, Barcelona a de Cataluña). Unha cidade que ocupa un posto destacado no sistema económico mundial é chamada cidade global. Neste mapa podedes ver as cidades consideradas globais no mundo no ano 2011.
Preme sobre o mapa para amplialo.
Mapa das cidades globais do mundo no ano 2011
A xerarquía urbana vai cambiando co paso do tempo, porque as circunstancias cambian. Hai 300 anos Vigo era unha vila pequena, e Tui era unha cidade destacada. Hoxe Vigo é o centro dunha das dúas grandes áreas metropolitanas de Galicia, e Tui é unha cidade moito máis pequena e de moita menos importancia.
Cada cidade ten a súa área de influencia, que será maior canto máis grande sexa a cidade e máis arriba se sitúe na xerarquía urbana.
Nos países e rexións máis desenvolvidos, a rede urbana é ampla, e as áreas urbanas gradúanse progresivamente en tamaño e importancia. En cambio, nos países e rexións menos desenvolvidos é frecuente que a cidade máis importante sexa enorme, con miles ou millóns de habitantes, e logo as seguintes cidades sexan moito máis pequenas. Este gran contraste crea moitos desequilibrios.
Lectura facilitada
O conxunto de cidades
e áreas urbanas dun territorio,
xunto coa relación que gardan entre elas,
forman a súa rede urbana.
As cidades establecen relacións entre elas,
e por iso fálase de sistema urbano,
xa que un sistema é un conxunto de elementos interrelacionados.
Nesas relacións que se establecen entre cidades,
ou entre áreas urbanas,
porque xa sabes que non son o mesmo.
Non todas as áreas urbanas son igual de importantes.
As máis grandes teñen máis funcións,
máis servizos e máis especializados
(non é o mesmo un centro de saúde pequeno
que un gran hospital,
aínda que nos dous casos se preste servizo médico;
nin unha escola infantil é o mesmo
que unha universidade,
prestando os dous servizos educativos).
Tamén son sedes de empresas,
de centros de investigación,
de institucións culturais...
Así que en función do número
e especialización destas funcións
e servizos urbanos,
as cidades ordénanse por importancia,
ou sexa, gardan unha xerarquía.
Podemos falar de xerarquía a nivel mundial
(que é máis importante, Madrid ou Nova Iork?),
continental (Londres é máis importante que Munich),
estatal (Madrid é máis importante que Logroño)
ou rexional
(Sevilla é a cidade máis importante de Andalucía,
Barcelona a de Cataluña).
Unha cidade que ocupa un posto destacado
no sistema económico mundial
é chamada cidade global.
A xerarquía urbana vai cambiando co tempo,
porque as circunstancias cambian.
Hai 200 anos Vigo era unha vila pequena,
e Tui era unha cidade moi destacada.
Hoxe Vigo ten gran importancia,
e Tui é unha cidade moito máis pequena
e de moita menos importancia.
Cada cidade ten a súa área de influencia,
que será maior canto máis grande sexa a cidade
e máis alto o lugar que ocupa na xerarquía urbana.
Nos países e rexións máis desenvolvidos,
a rede urbana é ampla,
e as áreas urbanas escálanse en tamaño e importancia.
En cambio, nos países e rexións menos desenvolvidos
é frecuente que a cidade máis importante
sexa enorme,
con miles ou millóns de habitantes,
e logo as seguintes cidades sexan moito máis pequenas.
Este gran contraste crea moitos desequilibrios.
Audio
A xerarquía urbana en España e Galicia
En España o sistema urbano está dominado por dúas cidades: Madrid e Barcelona. Por debaixo temos cidades como Bilbao, Zaragoza, Valencia, Málaga ou Sevilla. Nun terceiro chanzo estarían cidades algo máis pequenas como A Coruña ou Vigo. As seguintes categorías estarían ocupadas por cidades/áreas urbanas de cada vez menor tamaño e menor área de influencia.
Podes atopar máis información ao respecto nesta ligazón.
Mapa da xerarquía urbana española
Comprendendo a información: o sistema urbano español e galego
Fíxádevos no mapa anterior e respondede a estas dúas cuestións:
1. Cales son as dúas cidades máis importantes de España? E as de Galicia?
2. Compara o sistema urbano aragonés e o andaluz. En cal deles hai un maior desequilibrio?