Saltar navegación

Co tempo todo cambia

 

Glosario

Xentrificación

Imaxe dun barrio recuperado

Definición:

Proceso polo que un sector degradado da cidade vai sendo rehabilitado e atrae poboación de maior poder adquisitivo.

Exemplo:

  As beiras do Támesis viviron un proceso de xentrificación despois de teren sido rehabilitadas integralmente.

Procesos de cambio nas cidades

O aspecto das cidades vai cambiando co paso do tempo: cambian as beirarrúas, as farolas, o mobiliario urbano (marquesiñas, por exemplo), o tipo de asfalto ou enlousado ou empedrado, póñense ou quítanse árbores... Tamén os edificios modifican as súas fachadas, algúns desaparecen e son substituídos por outros. Mesmo os cascos históricos son hoxe diferentes de como eran no pasado, hai séculos. Sería moi longo ver todos os procesos de cambio na cidade, así que imos centrarnos en como o cambio morfolóxico (cambio na forma, no aspecto) supón ás veces un cambio social, diferente segundo unha área urbana evoluciona cara á súa degradación ou pola contra cara á súa rehabilitación.

Museo das peregrinacións de Santiago
Lateral do Museo das Peregrinacións en Santiago de Compostela.

O lateral do Museo das Peregrinacións e de Santiago, cuxa fachada dá á Praza das Praterías (ao fondo, na imaxe), mostra como os cascos históricos tamén van cambiando e renovándose.

Lectura facilitada

O aspecto das cidades vai cambiando

co paso do tempo:

cambian as beirarrúas,

as farolas,

o mobiliario urbano

(marquesiñas, por exemplo),

o tipo de asfalto

ou enlousado ou empedrdo,

póñense ou quítanse árbores...

Tamén os edificios modifican as súas fachadas,

algúns desaparecen

e son substituídos por outros.

Mesmo os cascos históricos

son hoxe diferentes

de como eran no pasado, hai séculos.

Sería moi longo ver todos os procesos de cambio,

así que imos centrarnos

en como o cambio morfolóxico

(cambio na forma, no aspecto),

supón ás veces un cambio social,

se unha área urbana evoluciona cara á súa degradación

ou pola contra cara á súa rehabilitación.

O lateral do Museo das Peregrinacións en Santiago,

cuxa fachada dá á Praza das Praterías

mostra como os cascos históricos

tamén van cambiando e renovándose.

Degradación vs. Rehabilitación

Algúns sectores urbanos degrádanse, é dicir, deterióranse: os edificios presentan mal estado ou mesmo están en ruínas, os negocios pechan ou trasládanse a outro sector, a poboación con maior poder adquisitivo abandona a área, e chegan a aparecer bolsas de marxinalidade. En sectores de moitos cascos históricos vimos e vemos este proceso, por non estaren preparados para o tráfico e teren inmobles vellos moi caros de manter e de adaptar ás comodidades modernas. Nos primeiros suburbios obreiros e áreas industriais tamén hai sectores degradados, por exemplo arredor de antigas fábricas que quedaron baleiras cando as empresas se trasladaron á periferia. Ás veces un barrio empeza a percibirse como perigoso ou pouco atractivo e inicia este deterioro.

A continuación tes imaxes dunha rúa de Camden (New Jersey, EEUU) na esquerda e do barrio do Raval (Barcelona) na dereita. Son exemplos de sectores urbanos que viven procesos de degradación. O valor dos pisos diminúe, a poboación que pode abandona a área, así como moitos negocios. 

Imaxe de Candem, NJ., USA
Imaxe de Candem, NJ., USA
Imaxe de El Raval, Barcelona
Imaxe de El Raval, Barcelona

Porén, ás veces estes sectores degradados viven despois procesos de rehabilitación: arránxanse os edificios ou substitúense por outros novos, adecéntanse os espazos públicos, novos negocios instálanse na zona revitalizando a súa vida económica... A vivenda encarécese, e a poboación con menor poder adquisitivo diríxese a outras áreas máis baratas, sendo substituída por outro grupo social de maior nivel económico. Este proceso chámase xentrificación. A súas causas son variadas:

  • A valoración do patrimonio histórico, sobre todo desde as décadas finais do século XX.
  • A instalación dun ou de varios edificios singulares moi atractivos ou prestixiosos, como un museo, un centro de investigación ou a sede de organismos estatais ou empresariais.
  • A explotación turística.
  • A decisión das autoridades de rehabilitar todo unha área da cidade.

En Cincinatti, Ohio, EEUU, (imaxe inferior) vemos un exemplo do antes e despois da rehabilitación urbana: os edificios renóvanse, reábrense negocios, e chega nova poboación de maior nivel económico que a que vivía na área degradada.

Preme enriba da imaxe para que a poidas ver con maior claridade

Imaxe duha rúa de Cincinatti antes e despois da súa rehabilitación
Imaxe duha rúa de Cincinatti antes e despois da súa rehabilitación.

O río Támesis, en Londres, estaba cheo no seu sector oriental de almacéns e fábricas. A contaminación, entre outros motivos, deron lugar á súa degradación. Despois de anos dun intenso traballo de rehabilitación impulsado polas autoridades, hoxe as beiras do Támesis son un lugar xentrificado, no que vive unha poboación de alto poder adquisitivo. Fíxate nas imaxes de abaixo: o Butler Wharf antes (esquerda) e despois (dereita) da rehabilitación de todo o litoral oriental do río.

Imaxe do Butlers Wharf antes da rehabilitación
Imaxe do Butlers Wharf antes da rehabilitación
Imaxe do Butlers Wharf despois da rehabilitación
Imaxe do Butlers Wharf despois da rehabilitación

Lectura facilitada

Algúns sectores urbanos degrádanse,

é dicir, deterióranse:

os edificios presentan mal estado

ou mesmo están en ruínas,

os negocios pechan

ou trasládanse a outro sector,

a poboación con maior poder adquisitivo

abandona a área,

e chegan a aparecer bolsas de marxinalidade.

En sectores de moitos cascos históricos

vimos e vemos este proceso,

por non estaren preparados para o tráfico

e teren inmobles vellos

moi caros de manter

e de adaptar ás comodidades modernas.

Nos primeiros suburbios obreiros

e áreas industriais

tamén hai sectores degradados,

por exemplo arredor de antigas fábricas

que quedaron baleiras

cando as empresas se trasladaron á periferia.

Ás veces un barrio empeza a percibirse

como perigoso ou

pouco atractivo e inicia este deterioro.

O valor dos pisos diminúe,

a poboación que pode abandona a área,

así como moitos negocios. 

Porén, ás veces estes sectores degradados

viven despois procesos de rehabilitación:

arránxanse os edificios

ou substitúense por outros novos,

adecéntanse os espazos públicos,

novos negocios se instalan

na zona revitalizando a súa vida económica...

A vivenda encarécese,

e a poboación con menor poder adquisitivo

diríxese a outras áreas máis baratas,

sendo substituída

por outro grupo social de maior nivel económico.

Este proceso chámase xentrificación. A súas causas son variadas:

A valoración do patrimonio histórico,

sobre todo desde as décadas finais do século XX.

A instalación dun edificio singular

moi atractivo ou prestixioso, como un museo,

un centro de investigación

ou a sé dun goberno.

  • A explotación turística.
  • A decisión das autoridades
    de rehabilitar todo unha área da cidade.

O río Támesis, en Londres,

estaba cheo no seu sector oriental

de almacéns e fábricas.

A contaminación, entre outros motivos,

deron lugar á súa degradación.

Despois de anos dun intenso traballo de rehabilitación

impulsado polas autoridades,

hoxe as beiras do Támesis son un lugar xentrificado,

no que vive unha poboación de alto poder adquisitivo.

Pregunta Verdadeiro-Falso

Observa as seguintes imaxes. Corresponden a un mesmo sector da cidade de Bilbao en datas diferentes. Á esquerda, a área a carón do meandro do río está ocupada polos estaleiros Euskalduna en 1983. É unha área industrial. Á dereita, a mesma área en 2024, con zonas verdes, algúns edificios modernos e, á dereita, o museo Guggenheim. Preme sobre elas para velas máis grandes.

Despois, responde se as afirmacións que figuran a continuación son verdadeiras ou falsas.

Ortofoto asteleiros Euskalduna 1983
Ortofoto área antigos asteleiros Euskaduna

Pregunta 1

Entre as dúas imaxes tivo lugar un proceso integral de rehabilitación da ría de Bilbao.

Pregunta 2

A zona rehabilitada revalorizouse (elevou o seu valor), pero a que a rodea perdeu valor.

Pregunta 3

O de Bilbao é un exemplo de xentrificación dun sector urbano.

Analizamos imaxes

A continuación tes varias imaxes do sector central de París, a chamada Île de la Cité, na que está situada a catedral de Notre Dame. Á da esquerda é un plano do século XVIII, no que a catedral está na parte central superior. A imaxe central é un plano actual da illa. A imaxe da dereita móstrache a vista desde unha das torres da fachada da catedral.

Plano da área de Notre Dame de París do século XVIII
Plano de la Île de la Cité, París.
Vista da praza Xoán Pablo II de París desde as torres de Notre Dame.

Anota que cambios se produciron desde o século XVIII na contorna de Notre-Dame.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)