En sentido moi amplo, toda a área urbana que rodea a cidade central.
Exemplo:
As áreas periurbanas teñen medrado moito desde mediados do século XX porque os coches permiten desprazamentos cada vez máis longos entre domicilio e traballo.
Área rururbana
Definición:
Área caracterizada por un aspecto rural pero con poboación urbana.
Exemplo:
Moitas áreas rururbanas son antigos núcleos rurais absorbidos polo crecemento das cidades.
Urbanización difusa
Definición:
Modelo de crecemento urbano no que as áreas urbanas se espallan moi amplamente polo territorio sen un núcleo claro. A área urbanizada resultante é coñecida tamén como cidade difusa.
Exemplo:
A urbanización difusa é moi típica das Rías Baixas galegas.
A definición do urbano
Mira a seguinte imaxe. É unha zona rural ou urbana?
Foto aérea dun sector con vivendas e vexetación
E agora ampliamos a área. En vermello está a área que acabas de ver…. Que pensas? Quizais os edificios da parte esquerda da imaxe confunden un pouco?
Foto aérea que inclúe a anterior pero cunha maior área
E agora? Produce a mesma sensación a imaxe en canto a se é urbana ou rural?
Foto aérea de Vigo
Xa non hai dúbida. Estamos nunha cidade. Vigo, concretamente. Así que a definición de cidade como un espazo con grandes edificios e enorme densidade de poboación non é de todo adecuada.
O que define unha cidade é ser un asentamento con servizos e funcións que atenden o territorio que a rodea, e cunha poboación que non se dedica principalmente nin á agricultura nin á gandaría. E cales son esas funcións urbanas? Podemos resumilo dicindo que as cidades son centros administrativos, sanitarios, financeiros, comerciais, ademais de prestaren outros moitos servizos á poboación propia e á doutros núcleos. Por iso dise que as cidades organizan o territorio.
Mira agora esta imaxe, dirías que esta é unha área rural?
Fotografía de Baqueira Beret - Val de Arán (Lleida)
Non, porque aquí non vive poboación dedicada nin á agricultura nin á gandaría. Non sendo rural, é unha área urbana, ou cando menos urbanizada. Pero é unha cidade? Tampouco. Trátase dunha estación de esquí, a de Baqueira Beret.
Mira agora este sector da costa sur de Gran Canaria. Hai 60 anos aquí non había nada nin vivía ninguén.
Fotografía aérea de Patalavaca (Gran Canaria)
Desde logo non é rural. É unha cidade? Non realmente, porque case o único que hai son apartamentos de vacacións e hoteis. É unha área urbana? Por suposto que si.
Así que xa ves que existen áreas urbanas sen que necesariamente exista unha cidade como tal. En moitos casos este fenómeno está vinculado, como nos exemplos que vimos, ao turismo.
Lectura facilitada
Definir cidade como un espazo con grandes edificios,
con gran densidade,
non é de todo adecuado.
O que define unha cidade é
ser un asentamento con servizos e funcións
que chegan a todo o territorio que a rodea,
e cunha poboación que non se dedica
nin á agricultura nin a gandería.
Cales son as funcións urbanas?
Administrativas.
Sanitarias.
Financeiras.
Comerciais...
Préstanse estes servizos á poboación das propias cidades
e á de outros núcleos.
Por iso dicimos que as cidades
organizan o territorio.
Pódese dicir
que existen áreas urbanas
sen que necesariamente exista unha cidade como tal.
En moitos casos este fenómeno está vinculado,
ao turismo.
Audio
Novas formas urbanas
A cidade como espazo de edificación concentrada e alta densidade da poboación é unha herdanza do pasado, pero na actualidade o espazo urbano adopta formas moito máis variadas. O fenómeno urbano é hoxe complexo e as áreas urbanas, ou urbanizadas, espállanse polo territorio mesmo onde non hai propiamente unha cidade. Por iso foi necesario crear novos termos para referirse aos novos espazos urbanos, como por exemplo:
Área periurbana, que é en xeral a área urbana que rodea a cidade central. A continuación tes o exemplo de Birmingham, cunha extensa área periurbana.
Área periurbana de Birmingham
Área rururbana, que se caracteriza por ter un aspecto rural pero con poboación que non o é porque non traballa no campo. Con frecuencia trátase de antigos núcleos rurais que pasan a formar parte funcional da cidade, é dicir, funcionan como unha parte da mesma, como se fosen un barrio máis. A continuación tes unha imaxe da aldea de Pousada, en Santiago de Compostela (podes ver as torres da catedral á esquerda). Mantén un aspecto rural, pero está incluída na área urbana de Santiago.
Aldea de Pousada en Santiago de Compostela
Urbanización difusa, que designa a todas as modalidades polas que o espazo urbano se espalla polo territorio, mesmo se non hai propiamente unha cidade. Na imaxe da ría de Pontevedra podes ver como hai núcleos claramente diferenciados, pero logo as vivendas se espallan ocupando practicamente toda a costa. É un bo exemplo de urbanización difusa, e non sucede só na ría de Pontevedra, senón en todas as Rías Baixas. Cando unha cidade medra enormemente na súa periferia deste xeito, recibe o nome de cidade difusa. Que pensas? Poderiamos dicir que as Rías Baixas forman unha gran cidade difusa?
Ría de Pontevedra desde o miradorio de Dorrón
Lectura facilitada
A cidade ten edificación concentrada.
A cidade tamén ten alta densidade da poboación.
Isto é unha herdanza do pasado,
pero na actualidade o espazo urbano
adopta formas moito máis variadas.
O fenómeno urbano é hoxe complexo
e as áreas urbanas,
ou urbanizadas,
espállanse polo territorio
mesmo onde non hai propiamente unha cidade.
Creáronse novos termos para referirse
aos novos espazos urbanos,
como por exemplo:
Área periurbana,
é en xeral a área urbana que rodea a cidade central.
Área rururbana,
que se caracteriza por ter un aspecto rural
pero con poboación que non o é porque non traballa no campo.
Con frecuencia trátase de antigos núcleos rurais
que funcionan como unha parte da mesma,
como se fosen un barrio máis.
Urbanización difusa,
que designa a todas as modalidades
polas que o espazo urbano se espalla polo territorio,
mesmo se non hai propiamente unha cidade.
Na Ría de Pontevedra
podedes ver como hai núcleos claramente diferenciados,
pero logo as vivendas espállanse
ocupando practicamente toda a costa.
É un bo exemplo de urbanización difusa,
e non sucede só na Ría de Pontevedra,
senón en todas as Rías Baixas.
Cando unha cidade medra enormemente na súa periferia deste xeito,
recibe o nome de cidade difusa.
Audio
Sopa de letras
2
Atopa na sopa de letras os nomes de cidades do mundo.