Saltar navegación

Clasificación

 

Glosario

Extremófilo

Fotografía de detalle dunha conducción de ferro no Mar Morto

Definición:

Organismo que vive en condicións extremas nas que se pensaría que non é posible a vida.

Exemplo:

Algúns extremófilos viven no Mar Morto, onde non é doado sobrevivir para o resto de seres vivos.

PCR

Fotografía macro de tubos de PCR

Definición:

PCR: siglas de Reacción en Cadea da Polimerasa en inglés. Técnica de laboratorio que permite crear moitas copias dunha molécula de ADN partindo de moi poucas.

Exemplo:

Chindasvinto soubo que tiña gripe porque lle fixeron unha PCR.

Non tódolos moneras son iguais

O Reino Monera está formado por seres unicelulares e procariotas, é dicir, organismos moi pequenos que teñen unha soa célula sen núcleo. Neste reino atopamos dous grandes grupos: as bacterias e as arqueas.

1. Bacterias e cianobacterias

As bacterias son moi diversas e pódense clasificar segundo a súa forma:

  • Representación das principais formas das células bacterianasCocos: esféricas.
  • Bacilos: en forma de bastón.
  • Espirilos: en forma de espiral.
  • Vibrións: en forma de coma.

As cianobacterias tamén son bacterias, pero teñen unha particularidade: realizan a fotosíntese, como as plantas.

Estas bacterias poden vivir en moitos ambientes, mesmo en lugares extremos, e producen oxíxeno. De feito, foron moi importantes para crear a atmosfera que temos hoxe no planeta. Ademais, forman parte do fitoplancto, a base de moitas  cadeas tróficas acuáticas.

2. Arqueas

Fotografía dun géyser en YellowstoneAs arqueas son parecidas ás bacterias, pero diferentes en moitos aspectos. Aínda que tamén son unicelulares e procariotas, teñen unha composición celular especial.

  • Características principais:
    • Viven en condicións extremas, onde case ningún outro ser vivo pode vivir.
    • Non causan enfermidades (que se saiba).
    • Teñen xenes e procesos celulares máis parecidos aos dos organismos complexos (coma nós!) que aos das bacterias.
    • Tipos de arqueas (segundo onde viven):
      • Halófilas: viven en lugares con moito sal, como lagos salgados.
      • Termófilas: soportan altas temperaturas, como as fontes termais.
      • Acidófilas: viven en medios moi ácidos.
      • Metanoxénicas: producen gas metano, e poden vivir en pantanos ou no intestino dalgúns animais.

Curiosidade: o organismo que adoita considerarse o primeiro extremófilo descrito formalmente foi Thermus aquaticus, unha bacteria termófila que vive en augas de máis de 70 °C nos mananciais termais de Yellowstone (EE. UU.). A súa descrición, en 1969, deu pé ao desenvolvemento da técnica coñecida coma PCR.

Lectura facilitada

  • O Reino Monera está formado por seres unicelulares e procariotas, sen núcleo, e inclúe bacterias, cianobacterias  e arqueas.
  • As bacterias son moi diversas e clasifícanse pola súa forma: poden ser redondas (cocos), en forma de bastón (bacilos), en espiral (espirilos) ou en forma de coma (vibrións).
  • As cianobacterias  son bacterias fotosintéticas, producen oxíxeno e forman parte do fitoplancto.
  • As arqueas aínda que son unicelulares procariotas teñen características celulares diferentes ás bacterias. Viven en ambientes extremos, non causan enfermidades.
  • Existen varios tipos de arqueas segundo onde viven: unhas viven en lugares moi salgados, outras en sitios moi quentes, outras en lugares moi ácidos, e algunhas producen gas metano en pantanos ou no intestino doutros animais.

Bacterias en mundos insólitos

A vida sorpréndenos. Cando pensabamos que só podía existir en lugares cómodos e cálidos, a ciencia descubriu que hai seres vivos que prosperan nos ambientes máis extremos da Terra: augas fervendo, xeos eternos, desertos de sal ou océanos escuros a quilómetros de profundidade.

Estes organismos chámanse extremófilos, e moitos deles son bacterias ou arqueas que desafían os límites da bioloxía. Son tan resistentes que os científicos cren que poderían vivir incluso noutros planetas.

Neste mapa interactivo poderás explorar algúns dos lugares máis asombrosos do planeta onde foron atopados.

Prepárate para viaxar por un mundo invisíbel… Mais incrible!

Instrucións

  • Pasa o rato por riba de calquera punto. Verás o nome do organismo extremófilo localizado nese lugar do mapa.
  • Fai clic no punto para abrir un globiño de texto que inclúe:
    • Nome científico do organismo.
    • Tipo de extremófilo que é.
    • Unha ligazón para acceder a "máis información"
  • Fai clic na ligazón para ver un artigo no que descubrir curiosidades sobre o microorganismo de que se trate.
 
Ten en conta que as ligazóns contidas no mapa se abren en novas xanelas; para voltar ao mapa só tes que pechalas.

Lectura facilitada

  • A vida pode aparecer nos lugares máis inesperados.
  • Antes pensabamos que os seres vivos só estaban en lugares con condicións normais.
  • A ciencia descubriu que hai seres vivos en ambientes extremos:
    • augas moi quentes,
    • con xeos conxelados todo o ano,
    • desertos con moito sal,
    • fondos do mar moi escuros e profundos.
  • Estes seres chámanse extremófilos.
  • Moitos son bacterias ou arqueas.
  • Mesmo poderían vivir noutros planetas.

A continuación, en grupo, escollede tres organismos e completade o seguinte: o nome de cada organismo, a súa localización, o tipo de ambiente no que habita, un dato curioso sobre el e, por último, a resposta á pregunta final que aparece no documento que atoparedes no ficheiro anexo. Todos os datos deben quedar recollidos nesa ficha.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)