Saltar navegación

3.3. Fungos: o reino dos heroes silenciosos

 

Glosario

Heterótrofo

Animal herbívoro

Definición:

Organismo que obtén o seu alimento a partir doutros seres vivos.

Exemplo:

Os animais herbívoros son heterótrofos.

Serendipia

Unha placa como as de Fleming

Definición:

Descubrimento valioso que ocorre de forma inesperada ou por casualidade, mentres se buscaba outra cousa.

Exemplo:

Por serendipia, Alexander Fleming descubriu a penicilina ao ver que un fungo impedía o crecemento das bacterias nunha placa de cultivo.

Simbiose

Lique

Definición:

Relación estreita de dependencia entre dous organismos diferentes na que ambos se benefician.

Exemplo:

Algunhas cianobacterias viven en simbiose con fungos formando os liques.

Quitina

Cogomelos

Definición:

Substancia resistente que forma a parede celular de certos organismos.

Exemplo:

A parede celular dos fungos está composta por quitina.

Benvidos ao mundo dos fungos

CogomeloImos empezar por coñecer este mundo cun contiño "O cogomelo curioso Funghiño".

Nun bosque de Galicia, entre carballos e castiñeiros, vivía un cogomelo chamado Funghiño. Non era un cogomelo calquera: Funghiño era moi curioso e quería saber por que el non era unha planta nin un animal.

—Se non teño raíces como as árbores, nin podo correr coma os esquíos… Entón, que son? —preguntábase todos os días.

Unha mañá, decidiu saír da sombra da árbore onde nacera e foi falar coa súa amiga Florinda, unha margarida moi sabida.

—Florinda, ti sabes se son unha planta coma ti?

—Non, Funghiño, non! As plantas fan a súa propia comida co Sol, pero ti non podes facer iso. Ti es diferente… Ti pertences ao reino dos fungos!

—O reino dos que?, preguntou Funghiño todo sorprendido.

Florinda explicoulle que os fungos teñen o seu propio reino, onde viven cogomelos, mofos, lévedos… E que, aínda que non son plantas nin animais, teñen un papel moi importante na natureza. Axudan a descompoñer a materia morta, fan medrar as plantas e mesmo se usan para facer pan e queixos!

Desde ese día, Funghiño estivo moi orgulloso de ser un fungo, contaba a todos os animais como eran os seus parentes: os fungos microscópicos, os que vivían no pan, os que brillaban na noite e mesmo os que salvaban vidas nos hospitais.

E así, Funghiño, o cogomelo curioso, descubriu que ser un fungo era algo fungtástico!

Entre sombras e humidade

Os fungos e os animais proceden de diferentes grupos de protoctistas heterótrofos, e están máis relacionados entre si que coas plantas. A súa orixe remóntase a organismos moi antigos que vivían en ambientes húmidos. Ao longo da evolución, adaptáronse ao medio terrestre e desenvolveron estruturas especializadas para obter nutrientes doutros seres vivos, xa que non realizan a fotosíntese. Deste xeito, xurdiron os distintos tipos de fungos que coñecemos na actualidade, como os cogomelos, os mofos ou os lévedos. Estas son algunhas das súas características:

  • Están formados por células eucariotas.
  • Presentan unha parede celular composta de quitina, como a dos insectos.
  • Habitan principalmente en medios terrestres húmidos e sombríos, aínda que tamén existen especies acuáticas.
  • A maioría son pluricelulares, agás os lévedos que son unicelulares.

Lectura facilitada

  • Os fungos e os animais teñen unha orixe común en protoctistas heterótrofos e están máis próximos entre si que coas as plantas.
  • Proceden de organismos antigos que vivían en ambientes húmidos e evolucionaron para adaptarse á vida terrestre.
  • Non fan a fotosíntese, obteñen nutrientes doutros seres vivos.
  • Están formados por células eucariotas, é dicir, con núcleo definido
  • Existen distintos tipos de fungos como cogomelos, mofos e lévedos.
  • Viven en ambientes húmidos e sombríos, maioritariamente terrestres.
  • A maioría son pluricelulares, agás os lévedos que son unicelulares.

O día a día dun fungo

Nutrición

Os fungos son heterótrofos: non realizan a fotosíntese senón que obteñen os nutrientes do exterior. A súa dixestión é externa, é dicir,  segregan substancias que descompoñen os restos orgánicos, como follas mortas ou madeira podre. Este proceso é moi importante porque transforma eses restos orgánicos en sales minerais, que logo poden ser aproveitadas polos produtores (plantas, algas e fitoplancto).

Segundo o xeito no que obteñen a materia, distinguimos tres tipos de fungos:

  • Saprófitos: aliméntanse de restos orgánicos mortos e teñen un papel esencial como descompoñedores. Un exemplo son os mofos que medran sobre os alimentos como o o Penicillim ou o Mucor.
  • Parasitos: viven a costa doutros seres vivos e poden provocar enfermidades coma a tiña en animais, o caruncho do centeo ou o mildio na vide. Exemplos de fungos parásitos: Claviceps purpurea, Tinea.
  • Simbiontes: asócianse con outros seres vivos e ambos se benefician. Exemplo: os liques, unha asociación entre fungo e unha alga ou cianobacteria.

Reprodución

Os fungos poden reproducirse de dúas maneiras:

  • Reprodución asexual: prodúcense novas células ou esporas sen necesidade doutro fungo. As esporas son moi pequenas e poden espallarse polo aire ou a auga. Cando atopan un lugar axeitado (húmido e con alimento), xerminan e dan lugar a un novo fungo. Un só fungo pode formar novos individuos iguais a el, é dicir, os descendentes son clons do fungo orixinal. É unha forma rápida de multiplicarse.
  • Reprodución sexual: require a unión de dúas células diferentes, que poden proceder de dous fungos distintos ou do mesmo fungo, segundo a especie. Esta unión dá lugar a esporas sexuais que presentan variación xenética, é dicir, son diferentes aos seus proxenitores, ao contrario do que ocorre na reprodución asexual.

Relación

Os fungos non teñen órganos dos sentidos como os animais pero son capaces de percibir cambios no medio e reaccionar ante eles. Así:

  • Crecen cara a zonas máis húmidas ou onde hai máis alimento.
  • Producen esporas cando as condicións do ambiente cambian (como a falta de auga, frío ou calor extremos) para asegurar a súa supervivencia.

Un mofo que aparece nun pan húmido non sae por casualidade. As esporas do fungo estaban no aire, a ao atopar un lugar favorable (pan húmido e temperatura axeitada), responden ao medio, xerminan e medran.

Lectura facilitada

Nutrición

  • Os fungos son heterótrofos: non fan fotosíntese e obteñen nutrientes do exterior mediante dixestión externa.
  • Descompoñen materia orgánica como follas ou madeira, transformándoa en sales minerais útiles para os produtores (plantas, algas e plancto vexetal).

Hai tres tipos de fungos segundo como obteñen a materia:

-Saprófitos: aliméntanse de materia orgánica morta e son descompoñedores.

-Parasitos: viven a costa doutros seres vivos e poden causar enfermidades.

-Simbiontes: viven en asociación con outros seres vivos e ambos se benefician, como os liques.

Reprodución:

  • Asexual: prodúcense esporas sen necesidade doutro fungo; estas espállanse e xerminan en condicións favorables. É unha forma rápida de multiplicarse e os descendentes son idénticos.
  • Sexual: implica a unión de dúas células diferentes o que favorece unha mellor adaptación ao medio.

Relación:

Aínda que non teñen órganos dos sentidos, perciben cambios no ambiente e responden:

  • Crecen cara a zonas con máis humidade ou alimento.
  • Producen esporas cando o ambiente se volve desfavorable, garantindo a súa supervivencia.
  • As esporas poden estar no aire e desenvolverse só cando atopan condicións axeitadas.

O poder escondido dos fungos

Papel ecolóxico

Para os ecosistemas son moi relevantes:

  • Os fungos saprófitos descompoñen os restos orgánicos transformándoa en substancias minerais que posteriormente usarán as plantas, como por exemplo: Mucor mucedo, Trametes versicolor, Penicillium...
  • Algúns fungos establecen relacións simbióticas coas raíces de certas plantas, formando as chamadas micorrizas. Neste tipo de asociación, ambos saen beneficiados: a planta recibe máis auga e nutrientes do solo grazas á rede de filamentos do fungo, mentres que o fungo obtén azucres e outras substancias orgánicas producidas pola planta durante a fotosíntese.
  • Outros fungos asócianse con algas ou cianobacterias para formar os liques, organismos que actúan como importantes bioindicadores da calidade do aire, como é o caso dos xéneros Usnea, Ramalina ou Evernia.

Saúde

Os fungos teñen un papel moi relevante na saúde humana, tanto positivo coma negativo:

  • Producen medicamentos: algúns fungos xeran substancias útiles, como a penicilina, un antibiótico que é tóxico para as bacterias. Foi descuberta por Alexander Fleming no ano 1928, e marcou un antes e un despois no tratamento das enfermidades infecciosas.
  • Uso en medicina: certos fungos producen substancias alucinóxenas que, en pequenas doses controladas, poden ter aplicacións terapéuticas. Un exemplo son os alcaloides do caruncho do centeo (Claviceps purpurea), utilizados na fabricación de medicamentos.
  • Enfermidades: algúns fungos causan problemas de saúde, como alerxias e micoses (infeccións fúnxicas). Exemplos frecuentes en humanos son Candida, Aspergillus, Mucor . Tamén poden afectar en plantas e animais.
  • Toxicidade: certos fungos son moi perigosos se se consomen por erro. É o caso de Amanita phalloides ou Amanita muscaria, que poden ser mortais se se confunden con especies comestibles como no lugar de Amanita caesarea, unha das máis apreciadas.

Alimentación

Os fungos teñen múltiples aplicacións no ámbito alimentario, en concreto:

  • Elaboración de produtos por fermentación: certos fungos empréganse na produción de alimentos e bebidas. Por exemplo, o lévedo Saccharomyces cerevisiae utilízase para elaborar pan, cervexa e viño, mentres que o fungo Penicillium roqueforti participa na produción de queixo roquefort.
  • Uso culinario de fungos comestibles. Algunhas especies de cogomelos son apreciadas na cociña polo seu sabor e valor nutritivo:

Níscalos: Lactarius deliciosus
Boletus: Boletus edulis
Champiñóns: Agaricus bisporus
Seta ostra: Pleurotus ostreatus
Trufas: Tuber melanosporum

Lectura facilitada

Papel ecolóxico

  • Os fungos saprófitos descompoñen materia orgánica, converténdoa en minerais que aproveitan as plantas.
  • Algúns establecen simbioses coas raíces das plantas (micorrizas), mellorando a absorción de auga e nutrientes.
  • Outros forman liques ao asociarse con algas ou cianobacterias, actuando como indicadores da calidade do aire.

Saúde

  • Producen medicamentos, como antibióticos que combaten bacterias.
  • Algúns conteñen substancias con potencial terapéutico, útiles en pequenas doses controladas.
  • Poden causar enfermidades como alerxias e infeccións na pel ou mucosas.
  • Certos fungos son velenosos e poden ser mortais se se consumen por erro.

Alimentación

  • Empregados en procesos de fermentación para elaborar pan, bebidas e queixos.
  • Algunhas especies comestibles son moi valoradas pola seu sabor e valor nutritivo.

Despois de ler a importancia dos fungos na natureza e para as sociedades humanas crea unha presentación visual con imaxes, baseada nas diferentes cuestións que se che solicitan.

Cuestión 1

  1. MicorrizaObserva a imaxe. Que tipo de asociación simbiótica se mostra entre o fungo a a raíz da planta? Por que cres que esta relación axuda a medrar mellor en solos pobres? Atopa e inclúe outra imaxe que reflicte esta asociación entre fungos e raíces das plantas
  2. Moitas árbores, como os piñeiros, dependen desta asociación para medrar de forma saudable. Investiga en internet que fungo ou fungos forman esta asociación coas raíces dos piñeiros. Inclúe imaxes destes fungos na túa presentación.

Cuestión 2

  1. Que medicamento importante se descubriu grazas a un fungo e revolucionou a historia da medicina?
  2. Quen foi o seu descubridor e en que ano? Por que se di que foi un caso de serendipia?
  3. Contra que tipo de microorganismos é eficaz: virus ou bacterias?
  4. Cita e describe dúas enfermidades causadas por fungos. Indica a quen afectan e inclúe unha imaxe de cada unha.
  5. Que tipo de cogomelo se cre que causou a morte do emperador Claudio? Investiga que especie velenosa puido ser confundida cunha comestible e que consecuencias ten esta confusión. Inclúe unha imaxe de ámbalas dúas especies.

Cuestión 3

  1. Busca unha foto de Saccharomyces cerevisiae. A partir da súa imaxe, que opinas? É un organismo unicelular ou pluricelular? 
  2.  Describe brevemente os sabores e en que pratos ou receitas se adoitan empregar os seguintes cogomelos: níscalos (Lactarius deliciosus), boletus (Boletus edulis), champiñón (Agaricus bisporus), seta ostra (Pleurotus ostreatus) e trufas (Tuber melanosporum) e o borro (Ustilago maydis). Inclúe fotos representativas de cada un deles na túa presentación.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)