Saltar navegación

1. Comeza o percorrido

 

Glosario

Biodiversidade ou diversidade biolóxica

Exemplo de ecosistema de augas continentais

Definición:

Variedade de seres vivos que habitan na Terra ou nun ecosistema.

Exemplo:

A presenza de gran variedade de fungos, musgos, fentos e árbores na ribeira dos ríos galegos evidencia a elevada biodiversidade que pode albergar un mesmo ecosistema.

Especie

Clementina

Definición:

Grupo de individuos que comparten características semellantes e poden reproducirse entre sí dando descendencia fértil.

Exemplo:

A laranxeira doce (Citrus sinensis) e a mandarineira (Citrus reticulata) pertencen a especies diferentes, aínda que se poden cruzar e dar lugar a unha nova froita como a clementina.

Paseniño

Hai millóns de anos, a vida comezou no mar, con organismos tan pequenos que só se podían ver cun microscopio. Aquelas primeiras formas de vida déronlle paso a seres cada vez máis complexos: bacterias que sobrevivían nas condicións máis extremas, algas que flotaban na auga, fungos que crecían en lugares húmidos, e, finalmente, as primeiras plantas que conquistaron a terra firme.

Nesta unidade faremos unha viaxe fascinante por catro dos cinco reinos da vida: Moneras, Protoctistas, Fungos e Plantas. Pasaremos do invisible ao visible, da auga á terra, descubrindo como viven, se alimentan e se adaptan ao medio que os rodea. Como xa sabes a clasificación en cinco reinos baséase no parentesco evolutivo, é dicir, que todas as especies que integran grandes grupos teñen antepasados comúns, así, esta clasificación reflicte a historia evolutiva dos grandes grupos de organismos.

Esquema coas relacións evolutivas do reinos

Anímaste a observar, pensar, preguntar... E asombrarte coa marabillosa biodiversidade!

Neste sentido propoñémosvos o reto da nosa misión "Coñece, observa e protexe". Neste reto recolleredes información científica sobre a biodiversidade da vosa contorna e a rexistraredes na plataforma Natusfera. Faredes saídas pola medio natural para rexistrar organismos dos reinos Moneras, Protoctistas, Fungos, e Plantas. Así contribuímos á ciencia como verdadeiros exploradores e exploradoras e aprendemos a valorar a nosa contorna.

Explorade, fotografade e contribuíde: a ciencia comeza con vós! 

Lectura facilitada

  • Hai millóns de anos a vida comezou no mar.
  • As primeiras formas de vida, as bacterias, que eran microscópicas, deron paso a seres máis complexos como as algas, os fungos e finalmente ás plantas que conquistaron a terra firme.
  • Nesta unidade imos estudar catro dos cinco reinos: Moneras, Protoctistas, Fungos e Plantas.
  • A clasificación dos reinos baséase no parentesco evolutivo, é dicir, que todas as especies que integran grandes grupos teñen antepasados comúns.
  • O reto consistirá en rexistrar organismos dos reinos Moneras, Protoctistas, Fungos e Plantas nunha plataforma online chamada Natusfera.

Que vas aprender?

Ao longo deste recurso aprenderás a: 

  • Recoñecer as principais características e funcións vitais dos organismos dos reinos Moneras, Protoctistas, Fungos e Plantas
  • Aproximarse a clasificación dos catro reinos estudados.
  • Valorar a importancia dos seres vivos pertencentes aos catro reinos para as sociedades humanas e para os ecosistemas.
  • Explorar e identificar organismos pertencentes ao reinos Moneras, Protoctistas, Fungos e Plantas presentes na nosa contorna.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)