Dúas pioneiras da ciencia
Presentamos agora dúas mulleres que dedicaron a súa vida a promover a ciencia e a investigación, deixando unha pegada significativa no seu campo. Imos coñecelas!
Lynn Margulis
Lynn Margulis naceu en Chicago, Estados Unidos, no ano 1938. Desde pequena sentía unha gran curiosidade pola natureza e sempre facía preguntas que outros non se atrevían a facer. Xa de adulta, converteuse nunha das científicas máis importantes do século XX.
Grazas á súa teima por comprender como evolucionaron as células, descubriu algo revolucionario: que algunhas partes das células actuais, como as mitocondrias e os cloroplastos, foran un día bacterias libres que aprenderon a vivir dentro doutras células. Esta idea, chamada teoría endosimbiótica, axúdanos a entender mellor a orixe dos protoctistas a partires de moneras e mesmo doutras formas de vida complexa.
No seu traballo, Lynn non só investigaba, senón que tamén colaboraba con outros científicos e animaba a pensar de maneira crítica. A súa historia é un exemplo perfecto para nós: facer preguntas, observar con atención e traballar en equipo poden levarnos a grandes descubrimentos.
Non perdas a oportunidade de ver o vídeo- preme no icono do ollo para velo- no que Lynn Margulis fala apaixonadamente sobre a simbiose, unha das ideas máis fascinantes da bioloxía moderna.
Marisa Castro
María Luisa Castro Cerceda, máis coñecida como Marisa Castro naceu en Lugo o 20 de decembro de 1955, é bióloga, especialista en micoloxía e unha das maiores estudosas da botánica galega. En 1982, xunto con Luís Freire, publicou o primeiro libro de divulgación micolóxica en galego, con máis de 50 especies comestibles e tóxicas.
Na fotografía da porta do laboratorio de Bioloxía do IES Isaac Díaz Pardo (Sada, A Coruña), pintada polo alumnado e profesorado do departamento de Artes Plásticas, aparece a figura de Luís Freire. Atópao entre os cogomelos! Marisa Castro escribiu un texto sobre este científico, que podes ler a continuación, no que describe a súa vida e a súa destacada contribución á ciencia en Galicia.
Actualmente, Marisa Castro continúa divulgando ciencia, defendendo a conservación dos ecosistemas galegos e inspirando a novas xeracións.
Lectura facilitada
Lynn Margulis
- Lynn Margulis naceu no estado norteamericano de Chicago no ano 1938.
- Desde pequena sentía unha gran curiosidade pola natureza.
- Sempre facía preguntas que outros non se atrevían a facer.
- De adulta, converteuse nunha das científicas máis importantes do século XX.
- Descubriu que as mitocondrias e os cloroplastos das células actuais foron un día bacterias libres.
- Esta teoría endosimbiótica axúdanos a entender mellor a orixe dos protoctistas a partires de moneras.
- Lynn tamén colaboraba con outros científicos e animaba a pensar de maneira crítica.
- A súa historia apréndenos que observar con atención e traballar en equipo pode levarnos a grandes descubrimentos.
- Fai clic na icona do ollo para ver o vídeo de Lynn.
Marisa Castro
- María Luisa Castro Cerceda naceu en Lugo o 20 de decembro de 1955.
- É bióloga, especialista en micoloxía e unha das maiores estudosas da botánica galega.
- En 1982 publicou o primeiro libro de divulgacion micolóxica en galego xunto a Luis Freire.
- No libro describiron máis de 50 especies novas de cogumelos comestibles e tóxicos.
- Marisa Castro describiu a importante contribución á ciencia en Galicia de Luís Freire.
- Marisa Castro continúa divulgando ciencia, defendendo a conservacion dos ecosistemas galegos e inspirando a novas xeracións.
