Saltar navegación

Clasificación

 

Glosario

Himenio

Himenio

Definición:

Capa fértil dos fungos onde se producen e liberan as esporas.

Exemplo:

Nos cogomelos, o himenio está situado nas laminillas da parte inferior do sombreiro.

Fermentación

Lévedos

Definición:

Proceso no que certos organismos obteñen enerxía transformando materia orgánica en ausencia de osíxeno.

Exemplo:

Os lévedos realizan fermentación ao transformar o azucre da masa e producir gas, o que fai que o pan suba.

Fungos para todos os gustos

Os fungos poden clasificarse nos seguintes tipos:

Cogomelos

  • Os fungos máis coñecidos son os que forman os cogomelos, que son a súa parte reprodutiva. A súa unidade básica estrutural non reprodutiva é a hifa, filamentos finos e tubulares con parede de quitina que viven enterrados no solo e absorben nutrientes. O conxunto de hifas forma o micelio, que é o verdadeiro corpo de fungo.
  • Cando as condicións son axeitadas, o micelio xera o cogomelo que é a estrutura reprodutiva visible. Esta estrutura está formada por diferentes partes como o sombreiro, o pé, a volva e o anel. Na parte inferior do sombreiro atópase o himenio que pode ter forma de láminas, poros, pregues ou agullas, e é onde se producen as esporas, encargadas de dar lugar a novos fungos. 

CogomeloNacemento dun cogomelo

  • Medran no chan, sobre madeira ou follas mortas. As setas aparecen rapidamente cando as condicións son favorables, e despois desaparecen, pero o fungo queda vivo baixo terra. Na seguinte montaxe podes ver diversas formas de fungos (preme na imaxe para agrandala).

Diversidade de cogomelos

Mofos

  • Forman filamentos finos chamados hifas, que se entrelazan formando unha estrutura chamada micelio, con aspecto de algodón. Mofo
  • Medran sobre alimentos e outras superficies húmidas.
  • Exemplos: O Penicillium que produce penicilina e pode verse en queixos curados e o mofo do pan (Mucor). Na imaxe podes observar ao Penicillium digitatum, preme sobre ela para ampliala.

Cando escoitamos "mofo", adoita virnos á mente os fungos que estragan os alimentos ou invaden os recunchos máis húmidos das casas. Porén...Sabías que algúns mofos tamén axudan a facer queixos deliciosos ou medicamentos importantes? Se queres descubrir os seus segredos, segue lendo!


Lévedos

  • Son unicelulares, de forma ovalada ou redondeada, só se ven ao microscopio.
  • Reprodúcense por xemación que é cando aparece un avultamento chamado xema do que nace un novo lévedo.
  • Utilízanse para facer pan, cervexa e viño. Exemplo: o lévedo do pan e para fabricar a cervexa (Saccharomyces cerevisiae).

Neste vídeo poderás observar lévedos ao microscopio con diferentes aumentos, chegando ata 1500X. Que significa iso? A cantas veces vémolos máis grande?

Liques

Lique

  • Son unha asociación entre un fungo e unha alga (Protoctista) ou cianobacteria (Moneras). O fungo protexe a alga dándolle humidade e a alga realiza a fotosíntese polo que lle proporciona nutrientes ao fungo.

Na imaxe vese un corte do talo do liquen Physcia, onde se distinguen as hifas do fungo e as cianobacterias por cores diferentes. Saberías identificar cal é cal? Podes debuxalo

  • Os máis comúns somo como costras pegados ás superficies denominados liques crustáceos; outros semellan follas planas ou pequenas láminas chamados liques foliáceos e outros parecen fíos finos que colgan chamados liques fruticulosos. Pódense atopar sobre rochas, muros, cortizas dos árbores en ambientes húmidos.

Liquen

Lectura facilitada

Cogomelos

  • Son a parte reprodutiva visible dalgúns fungos.
  • O verdadeiro corpo do fungo está baixo terra e está formado por filamentos chamados hifas, que o seu conxunto forman o micelio.
  • Cando as condicións ambientais son favorables, o micelio forma o cogomelo.
  • As partes do cogomelo son: sombreiro, pé, volva e anel.
  • O cogomelo produce esporas na parte inferior do sombreiro, que permiten a reprodución.

Mofos

  • Están formados por filamentos finos chamados hifas, que forman unha rede chamada micelio.
  • Medran sobre alimentos e outras superficies húmidas.
  • Aínda que moitas veces se asocian coa podredume, algúns mofos teñen usos beneficiosos na elaboración de queixos e medicamentos.

Lévedos

  • Son fungos unicelulares, só visibles ao microscopio.
  • Reprodúcense por xemación (nace un novo individuo a partir dun avultamento).
  • Teñen múltiples usos na elaboración de pan, cervexa e viño.

Liques

  • Son unha asociación simbiótica entre un fungo e unha alga ou cianobacteria.
  • O fungo proporciona protección e humidade, mentres a alga ou cianobacteria achega nutrientes mediante a fotosíntese.
  • Existen diferentes tipos segundo o seu aspecto: crustáceos, foliosos e filamentosos.
  • Viven en ambientes húmidos sobre superficies como rochas, muros ou cortizas de árbores.

Seres fungosos

A continuación podes ver o vídeo onde se observan diferentes tipos de cogomelos. Onde cres que se atopan as esporas? Despois de visualizalo, acertaches coa túa resposta?

No vídeo aparecen todos o tipos de fungos? Enumera cales aparecen e cita se falta algún tipo.

Miniexperiencias. Fermentos: bioloxía ou química?

Experimento 1. Por que temos que deixar repousar a masa do pan antes de metela no forno?

Na elaboración do pan, é fundamental deixar repousar a masa para que medre de volume. Isto ocorre grazas ao lévedo, un fermento que, ao activarse, libera gas (CO2) en forma de  pequenas burbullas que quedan atrapadas na masa, facéndoa subir. Coa calor do forno, o gas expándese e o pan queda tenro e lixeiro. Pero, que condicións necesita o lévedo para activarse?.

Ímolo descubrir cun experimento: presta atención aos materiais necesarios e as instrucións para facelo por ti mesma/o!

Cuestións para reflexionar

  1. Os lévedos son microorganismos do reino dos fungos, que precisan para activarse?
  2. Que gas forma as burbullas na masa?
  3. Que fan os lévedos co azucre?
  4. Que efecto tivo a temperatura elevada?
  5. Entón, por que hai que ferver a auga para que sexa potable?

Experimento 2.  Por que nalgunhas masas non é preciso esperar antes de cocer?

Agora que sabemos que os lévedos son seres vivos, comprendremos que necesitan auga morna e azucre para activarse. Ao facelo, producen dióxido de carbono e unha pequena cantidade de alcohol. Este proceso chámase fermentación alcohólica e require tempo, por iso é importante deixar repousar a masa antes de cocela.

Pero… Por que non hai que esperar tanto tempo cando facemos biscoitos? Imos descubrilo cun experimento moi sinxelo!

Cuestións para reflexionar

  1. Por que o po de enfornar reacciona rapidamente na botella 2, mentres que o lévedo na botella 1 necesita mais tempo para fermentar?
  2. Que produto empregaremos para elaborar unha magdalena? E unha barra de pan?
  3. Investiga: de que de está composto o po de enfornar? Serías capaz de elaboralo ti mesma/o?

Fungos: resumo visual para entendelos mellor

Aquí tes un vídeo que resume o que aprendemos ata agora sobre os fungos. Presta atención e responde ás preguntas no teu caderno despois de velo.

Cuestión 1

  1. Se os fungos non son animais nin plantas... porque se consideran seres vivos?
  2. Son organismos eucariotas ou procariotas?
  3. As súas células teñen parede celular?

Cuestión 2

  1. Que tipo de fungos coñeciches a través do vídeo? Podes nomear algún e dicir para que serve?
  2. No vídeo coméntase dúas causas polas que se poden transmitir os fungos entre personas. Cales son? 

Cuestión 3

  1. Que significa que os fungos sexan organismos heterótrofos?
  2. Moitos fungos descompoñen restos mortos, follas... (materia orgánica) que transforman en sustancias útiles para uns organismos, cales?

Feito con eXeLearning (Nova xanela)