Reinos e naturalistas: un paseo con nomes propios
Como xa comentamos anteriormente, imos estudar os catro reinos Moneras, Protoctistas, Fungos e Plantas... Case nada! Cada un deles agrupa seres vivos con características propias, formas de vida diversas e un papel fundamental nos ecosistemas. Desde as bacterias microscópicas ata as árbores máis impoñentes, todos estes organismos forman parte da enorme diversidade da biosfera.
O coñecemento que hoxe temos sobre estes reinos e sobre a clasificación dos seres vivos foi posible grazas ao esforzo de moitas/os naturalistas e científicas/os, non só a nivel mundial, senón tamén na nosa contorna máis próxima. Debemos lembrar que este coñecemento tamén foi posible grazas á sociedade que, en diferentes momentos da historia, apoiou a ciencia, a educación e a curiosidade polo mundo natural. Sen o apoio das institucións e da sociedade, que permitiron a investigación e a formación científica, moitos destes avances non terían sido posibles.
Estes estudos permítenos identificar, nomear e comparar os organismos vivos, recoñecendo o seu valor e importancia na natureza.
Lectura facilitada
- Os catro reinos que imos estudar: Moneras, Protoctistas, Fungos e Plantas agrupan seres vivos moi diversos, cada un cun papel esencial nos ecosistemas.
- O coñecemento sobre estes reinos foi posible grazas ao traballo de naturalistas, da comunidade científica e o apoio da sociedade á ciencia e á educación.
- Estudar e clasificar os seres vivos axúdanos a recoñecer o seu valor e importancia na natureza.
Audio
Estudamos os naturalistas
Actividade "estudamos as e os naturalistas" Como axudaron as/os naturalistas e/ou científicas/os de Galicia e España ao coñecemento dos organismos pertencentes aos catro primeiros reinos?
Que debe incluír a investigación?
- Quen foi? Breve presentación: nome completo, lugar e data de nacemento, fotografía se é posible. Ademais, escribide que foi o que máis vos chamou a atención da súa vida ou traxectoria.
- Que estudou? Breve resumo das súas áreas de investigación e descubrimentos.
- Con que reino ou reinos se relaciona principalmente o seu traballo?
Como reflexión final, cal pensades que é o reino que foi ou é o máis estudado? Por que cres que sucede isto?
Estás lista/o para converterte nun/ha naturalista e científico/a? Prepárate para viaxar na vida dos catro reinos e observar a súa diversidade e comprender como funcionan.