Saltar navegación

Relación

 

Glosario

Estímulo

Folla orientada á luz

Definición:

Calquera cambio no ambiente que é detectado por un ser vivo e provoca unha resposta.

Exemplo:

As plantas poden orientar as súas follas cara á luz como resposta a un estímulo luminoso.

Cirro

Cirro

Definición:

Filamento fino e enrolado que usan algunhas plantas para suxeitarse a outras estruturas mentres medran.

Exemplo:

Os cirros das plantas trepadoras axúdanlles a suxeitarse a outras plantas ou estruturas mentres medran.

A relación nas plantas

Na función de relación, as plantas detectan un estímulo ambiental e elaboran unha resposta fronte a ese estímulo.

As plantas non teñen un sistema nervioso complexo como os animais, máis si que son capaces de reaccionar fronte a distintos estímulos ambientais, fundamentalmente fronte á luz e a temperatura.

Tropismos

Os tropismos son cambios permanentes no crecemento das plantas. Estas medran en función do estímulo. Por exemplo, os talos teñen un tropismo positivo fronte á luz, e dicir, medran en dirección á luz. Imos ver os distintos tipos de tropismos:Cirros da vide

  • Fototropismo. Os talos medran cara á luz e as raíces medran cara á escuridade.
  • Xeotropismo. As raíces medran cara á terra e os talos ao revés.
  • Tigmotropismo. As plantas rubideiras medran arredor dun obxecto. Por exemplo os cirros das vides enróscanse en ramas ou outros obxectos.
  • Hidrotropismo. As raíces medran cara ás partes da terra con máis humidade.

Movementos násticos

Son movementos temporais que realizan as plantas en función de distintos estímulos. Podemos ter os seguintes tipos:

  • Movementos en función da luz. Algunhas plantas, como a esta margarida de xardín, pechan ou abren as súas flores segundo a intensidade da luz solar.
  • Movementos fronte aos cambios de temperatura. Algunhas plantas pechan ou abren as súas flores dependendo da temperatura. É o caso dos tulipáns.
  • Movementos como resposta ao contacto. Como no caso das plantas carnívoras que se pechan como resposta ao contacto dun insecto. Podes ver aquí un exemplo.

Margaridas de xardín con flor abertaMargaridas de xardín con flor pechada

Floración

Flor loureiro romano

En moitas plantas a floración está regulada pola luz ou temperatura. Por exemplo, as maciñeiras necesitan "pasar frío" durante o inverno. É por iso que nas zonas tropicais non florecen as maciñeiras e non hai cultivo destas plantas.

Noutras moitas especies, necesítanse unhas determinadas horas de luz diarias para que as plantas comecen a producir flores. Son a maioría de plantas de latitudes medias que florecen na primavera e verán, cando os días son máis longos e hai máis horas de luz.

Brotación

Agromo de fento

A brotación tamén é un proceso regulado pola luz e a temperatura.

Moitas plantas de folla caduca comezan a agromar na primavera cando hai máis horas de luz e maior temperatura.

Caída da folla

A caída das follas das plantas de folla caduca é tamén unha resposta á falta de luz e á baixada das temperaturas do outono.

Caída follas ginkgo

Lectura facilitada

O proceso de relación consiste en detectar un estímulo ambiental e elaborar unha resposta fronte a ese estímulo.

As plantas non teñen un sistema nervioso complexo como os animais, mais si que son capaces de reaccionar fronte a distintos estímulos ambientais, fundamentalmente fronte á luz e a temperatura.

Tropismos

Son cambios no crecemento das plantas que se orientan en función do estímulo.

Por exemplo, os talos teñen un tropismo positivo fronte á luz, e dicir, medran en dirección á luz.

Imos ver os distintos tipos de tropismos:

  • Reacción fronte á luz (Fototropismo). Os talos medran cara á luz e as raíces medran cara á escuridade.
  • Reacción fronte á Terra. As raíces medran cara á terra e os talos ao revés.
  • Resposta á presenza de obxectos. As plantas rubideiras medran arredor dun obxecto. Por exemplo os cirros das vides enróscanse en ramas ou outros obxectos.

zarciños vide

  • Resposta fronte á auga. As raíces medran cara ás partes da terra con máis humidade.

Movementos násticos

Son movementos temporais que realizan as plantas en función de distintos estímulos.

Movementos en función da luz. Algunhas plantas, como as margaridas de xardín, pechan ou abren as súas flores segundo a intensidade da luz solar.

Como resposta aos cambios de temperatura algunhas plantas pechan ou abren as súas flores. Por exemplo o tulipán.

Movementos como resposta ao contacto. Como no caso das plantas carnívoras que se pechan como resposta ao contacto dun insecto.

Floración

En moitas plantas a floración está regulada pola luz ou temperatura. Por exemplo, as maciñeiras necesitan "pasar frío" durante o inverno.

Noutras moitas especies, necesítanse unhas determinadas horas de luz diarias para que as plantas comecen a producir flores.

Brotación

A brotación tamén é un proceso regulado pola luz e a temperatura.

Moitas plantas de folla caduca comezan a agromar na primavera cando hai máis horas de luz e maior temperatura.

Caída da folla

A caída das follas das plantas de folla caduca é tamén unha resposta á falta de luz e á baixada das temperaturas do outono.

Apoio visual

Lembra consultar o apoio visual desta páxina na icona en forma de ollo na parte inferior dereita.

Miniexperiencia: fototropismo

Fototropismo en acción

Imos comprobar desde o punto de vista práctico o efecto polo cal as plantas medran cara á luz. O fenómeno recibe o nome de fototropismo e está presente na maioría das plantas. Para facer esta experiencia segue os seguintes pasos:

  1. Colle unha caixa de zapatos de cartón ou similar.
  2. Dentro da caixa coloca dous obstáculos de cartón como os da figura.
  3. Colle un vasiño de iogur ou similar para sementar e faille un furado pola parte de abaixo para que o exceso de auga poida sair.
  4. Enche e vasiño con sustrato para plantas e coloca 3 sementes de fabas ou lentellas das que teñas pola casa. Tamén podes usar dous vasiños e colocar nun fabas e noutro lentellas.
  5. Rega ben o sustrato e non volvas a regalo ata que as plantas xermolen, senón corres o risco de que non medren adecuadamente.
  6. Ponlle a tapa á caixa  e pona de pé como na imaxe.
  7. Aos 4 ou 5 días revisa a caixa e vai anotando no teu caderno o observado. Fai tamén fotografía da evolución da experiencia.
  8. Cada 3 días revisa a caixa, anotando e fotografando. Rega tamén con moderación.
  9. Ao rematar a experiencia fai un pequeno informe da evolución e do resultado final acadado.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)