Plan de seguridade intercentros
Como persoas organizadoras do evento debedes saber que a elaboración dun protocolo básico de seguridade para unha xornada deportiva intercentros vos permitirá adquirir a responsabilidade necesaria e, a maiores, faravos conscientes da importancia da seguridade en actividades no medio natural.
A continuación propóñensevos varios retos cun obxectivo claro: deseñar en equipos un protocolo básico de seguridade para a xornada deportiva intercentros que garanta o benestar de todas as persoas participantes. Ollo! Todos os retos están relacionados, polo que a comunicación entre grupos será fundamental para poder superar cada un deles.
Cada un/ha de vós poderedes decidir o reto no que queredes participar.
Descubrídeos nas seguintes lapelas!
Lectura facilitada
Como persoas organizadoras debedes saber que todo evento debe ter un protocolo básico de seguridade.
Crear o voso propio permitirá:
- Adquirir responsabilidade.
- Ser conscientes da importancia da seguridade en actividades no medio natural.
A continuación, propóñensevos varios retos cun obxectivo claro
- Deseñar en equipos un protocolo básico de seguridade para a xornada deportiva intercentros que garanta o benestar de todas as persoas participantes.
Todos os retos están relacionados.
A comunicación entre grupos será fundamental para poder superalos.
Podedes decidir o reto no que queredes participar.
Descubrídeos nas seguintes lapelas!
Audio
Botiquín
O obxectivo neste reto é que identifiquedes o que debe conter un botiquín de primeiros auxilios tendo en conta o alumnado e a actividade deportiva ao aire libre que ides realizar.
Neste reto deberedes:

- Investigar que materiais son esenciais.
- Reflexionar sobre que materiais poderían necesitarse se se coñecen alerxias ou condicións específicas do alumnado.
- Propoñer a persoa ou equipo encargado de levar o botiquín, e se é necesario contar con varias.
Produto final deste reto:
Checklist con todos os materiais que serán necesarios.
Esta checklist empregarase antes de saír, evitando esquecer algún material.
Audio
Puntos seguros
Neste reto deberedes identificar zonas seguras e deseñar puntos de encontro para facilitar evacuacións ordenadas se é necesario.
Que ides facer? Usar un mapa real do lugar onde se desenvolverá a xornada. O mapa ou plano pode ser físico ou dixital.
Que tedes que facer?
- Indicar nun plano do lugar no que se vai desenvolver a xornada deportiva o punto no que estará a persoa ou equipo encargado do botiquín. Recordade que o plano pode ser físico ou dixital.
- Localizar zonas seguras afastadas de riscos (auga, tráfico, desniveis…).
- Establecer un punto de encontro principal e secundarios.
- Marcar rutas seguras desde as diferentes zonas de actividades cara os puntos de encontro.
- Propoñer sinais visibles para indicar a localización destes puntos (pancartas, bandeiras, cores etc).
Produto final deste reto:
Plano co punto no que estará o botiquín, as zonas seguras, punto de encontro principal e os secundarios e rutas marcadas coas súas sinais.
Audio
Contactos emerxencia
O obxectivo neste reto é crear unha ficha ou cartel cos números e persoas clave en caso de emerxencia.
Que tedes que facer?
- Buscar e apuntar os teléfonos oficiais: emerxencias (112), centro de saúde máis próximo, Policía Local, Protección Civil etc.
- Designar unha persoa adulta como “Coordinadora de Emerxencias”.
- Propoñer como comunicar incidencias leves ou necesidades inmediatas entre responsables (chifre, walkie-talkies, sinais visuais, carteis...).
Produto final deste reto:
- Crear unha ficha cos contactos de emerxencia locais.
- Propoñer un sistema de comunicación rápida co profesorado responsable (chifre, walkie-talkies, sinais visuais, carteis...).
Audio
Ficha médica
O obxectivo neste reto é asegurar que cada centro participante proporcione a información básica sobre as necesidades sanitarias e alimentarias do alumnado.
Que tedes que facer?
Nomear unha persoa ou grupo para comunicarse cos centros participantes a través dun mestre ou mestra para que as familias (a través do profesorado de cada centro) completen datos esenciais dos participantes.
Que información hai que recompilar?
- Alerxias alimentarias ou médicas.
- Necesidades especiais (medicación, mobilidade, comunicación…).
- Persoa de contacto en caso de emerxencia.
- Crear un sinal ou sistema para que quen teña algunha condición específica estea identificado/a, sen vulnerar a súa intimidade (pulseiras de cores, por exemplo).
Produto final deste reto:
Crear un cuestionario (físico ou dixital) para recompilar a información dos participantes.
Reflexionade en grupo sobre como gardar e consultar esta información de forma segura e confidencial.
Audio
Organización de responsables
O obxectivo deste reto é asegurar a supervisión de cada zona e fomentar o protagonismo activo do alumnado como axudantes responsables.
Que tedes que facer?
- Dividir as zonas de actividade e asignar a cada unha persoa adulta responsable.
- Crear quendas ou grupos de alumnado axudante con funcións como:
- Guías do grupo.
- Apoio a compañeiros ou compañeiras con dificultades.
- Control de materiais.
- Comunicación entre zonas.
- Deseñar unha forma de identificar o alumnado axudante (chalecos, brazaletes, tarxetas…).
Produto final deste reto:
Lista de responsabilidades.
Identificación de axudantes.