Saltar navegación

3.2. Ultimate

 

Glosario

Cutter

Pictograma de correr

Definición:

En ultimate, os cutters son os xogadores ou xogadoras que corren para recibir o disco. O seu traballo principal é facer cortes efectivos (movementos rápidos e direccionados) para quedar libres e recibir un pase dos handlers (os lanzadores ou lanzadoras principais).

Exemplo:

O equipo rival tiña unha xogadora cutter que estaba todo o tempo correndo para conseguir recepcionar o disco.

Disco voador

Pictograma de disco voador

Definición:

Obxecto central do xogo. É o que os xogadores pasan duns a outros co obxectivo de chegar á zona de anotación.

Exemplo:

O equipo rival lanzaba tan ben o disco que chegaban moi rápido á zona de anotación.

Handler

Pictograma de ultimate

Definición:

Os handlers son os xogadores ou xogadoras que se encargan principalmente de lanzar e distribuír o disco. Son como os ou as “armadoras” ou “cerebros” do equipo en fase ofensiva, moi parecidos aos mediocampistas en fútbol ou os bases en básquet.

Exemplo:

O equipo rival tiña unha xogadora handler que estaba todo o tempo obrigándonos a movernos porque lanzaba o disco moi ben.

Stack

Pictograma de defender

Definición:

Formación ofensiva organizada que axuda a xerar espazo para cortes e pases. É unha maneira de ordenar os xogadores ou xogadoras para que non estean todos ou todas correndo ao mesmo tempo e se facilite o avance do disco.

Exemplo:

O equipo rival realizaba todo o tempo stacks para liberar xogadoras rivais e facer punto.

Ultimate

Pictograma de ultimate

Definición:

Tamén coñecido como ultimate frisbee, é un deporte de equipo sen contacto que se xoga cun disco voador (frisbee), nunha cancha rectangular con zonas de anotación en cada extremo (similares ás de fútbol americano ou rugby).

Exemplo:

O grupo de 1º de ESO está a practicar ultimate nas sesións de Educación Física.

Poñendo o chándal!

É o momento de coñecer 4 deportes alternativos e levalos á práctica nas sesións de Educación Física.

É importante que, á vez que os vaiades coñecendo, comecedes a pensar que estes deportes se poderán practicar no medio natural.

A vosa xornada deportiva intercentros dependerá dos coñecementos que ides adquirir nesta fase 3 de "Naturalizando deportes".

O ultimate

Infografía que achega a información necesaria sobre o deporte do ultimate

Nos deportes hai dúas compoñentes moi importantes que habitualmente se confunden: a técnica e a táctica.

Queres saber máis sobre estes conceptos? Fai clic en cada un deles e aprende o seu significado para levalos á práctica nas sesións de Educación Física.

Lectura facilitada

Nos deportes confúndese a técnica e a táctica.

Fai clic no botón de técnica e táctica.

Aprende sobre estes conceptos.

Aspectos técnicos

A técnica pódese definir como a execución motriz dun xesto deportivo. Que quere dicir isto?

Son aqueles movementos ou partes de movemento que permiten realizar accións de ataque e defensa en base a unha determinada intención de xogo, e cunha calidade de execución máis ou menos boa. Hai unha gran variedade de xestos dependendo do deporte que practiquedes. Agora ides coñecer os aspectos técnicos do ultimate para que os practiquedes nas sesións de Educación Física.

Lectura facilitada

A técnica pódese definir como a execución motriz dun xesto deportivo.

Que quere dicir isto?

Son aqueles movementos ou partes de movemento que permiten realizar accións de ataque e defensa

en base a unha determinada intención de xogo, e cunha calidade de execución máis ou menos boa.

Hai unha gran variedade de xestos dependendo do deporte que practiquedes.

Agora ides coñecer os aspectos técnicos do ultimate para que os practiquedes nas sesións de Educación Física.

Lanzamentos

Pictograma de ultimate para representar os lanzamentos neste deporte alternativoNo ultimate, os lanzamentos básicos son esenciais para xogar ben e manter o disco en movemento.

Un bo lanzamento facilítalle a recepción ao teu compañeiro ou compañeira.

Aquí podes coñecer os lanzamentos máis comúns e fundamentais:

De revés (Backhand)

É o lanzamento máis natural e común para principiantes.

Lánzase co brazo cruzando ao corpo (como no revés do tenis).

Proporciona boa estabilidade e control.

Moi útil para lanzamentos longos e pases seguros.

Se queres ver como se realiza este lanzamento fai clic aquí.

De dereita (Forehand)

Un pouco máis avanzado, pero moi importante.

O disco lánzase desde o costado do corpo, sen cruzalo.

Permite lanzamentos rápidos, con ángulos máis pechados.

Ideal para situacións onde o defensor cobre o revés.

Se queres ver como se realiza este lanzamento fai clic aquí.

Hammer

Lanzamento por enriba da cabeza, co disco inclinado cara a abaixo.

Voa nunha parábola invertida.

Moi útil para pasar sobre os defensores ou cambiar rapidamente o lado do campo.

Se queres ver como se realiza este lanzamento fai clic aquí.

Recepcións

En ultimate as recepcións (ou catches) son tan importantes como os lanzamentos. Existen varios tipos e cada un úsase dependendo da situación do xogo, a posición do corpo e a dirección do disco.

Aquí vanche os tipos básicos de recepcións:

Con dúas mans

Pancake/clap catch (tipo sandwich):

- A forma máis segura de atrapar o disco.

- Faise cunha man por arriba e outra por baixo do disco, como facendo un aplauso.

- Ideal para discos á altura do peito ou do torso.

- É a opción máis usada cando hai tempo para posicionarse ben.

Dúas mans laterais (grip lateral):

- Usado cando o disco está ao carón ou á altura da cabeza.

- As mans colócanse aos lados do disco, como suxeitando un volante.

Cunha man

Usado cando non hai tempo ou espazo para usar as dúas mans.

A técnica varía dependendo de se o disco chega por arriba, o costado ou abaixo.

Require máis precisión e forza nos dedos.

Moi común en xogadas rápidas ou saltos.

No aire

Jump catch (recepción en salto):

- Úsase para alcanzar discos altos ou competir por discos cun defensor.

- Pode ser cunha ou dúas mans.

Layout catch (recepción en voo):

- O xogador ou xogadora lánzase de cabeza ou de costado para atrapar un disco baixo ou fóra do seu alcance.

- É espectacular e útil en xogadas críticas ou defensas pechadas.

- Necesítase boa técnica para evitar lesións.

Segundo a dirección

Recepción estática:

- Cando o receptor xa está posicionado e espera o disco.

Recepción en movemento (in-cut / deep-cut):

- O xogador ou xogadora vai correndo cara a quen lanza, ou afastándose.

- Necesítase boa coordinación para atrapar sen perder velocidade.

Vídeo

Neste vídeo podedes ver exemplos dos tipos de recepcións que se acaban de explicar:

Aspectos tácticos

A táctica en ultimate frisbee é unha parte clave do xogo, tanto en ataque (ofensiva) como en defensa (defensiva). Aínda que o deporte parece moi libre, en realidade hai estruturas e estratexias bastante definidas que axudan o equipo para moverse de forma organizada e efectiva.

Aquí tedes un resumo por partes:

Que facer en ataque?

O obxectivo é manter a posesión e avanzar o disco ata anotar, evitando forzalo ou perdelo. Para iso, úsanse distintas formacións e movementos coordinados.

A continuación explícanse as formacións ofensivas máis habituais:

Vertical stack

Os ou as cutters (receptores/as) alíñanse nunha fila central no campo.

Libérase espazo para que un ou dous fagan cortes cara a adiante (in-cuts) ou cara ao fondo (deep-cuts).

Moi común en niveis principiantes e intermedios.

Horizontal stack

Os ou as cutters alíñanse horizontalmente, creando máis espazo vertical.

Permite máis cortes diagonais e flexibilidade.

Require boa sincronización e comunicación.

Side stack

Todos os ou as cutters sitúanse nun costado do campo.

Libérase o lado oposto (isolation play) para un corte máis claro.

Útil para xogadas rápidas e lanzamentos longos.

Split stack ou dominador

En zona, o equipo ofensivo pode usar formacións máis compactas e móbiles, como tríos dinámicos (dominator sets) para mover o disco con pases curtos.

Queres saber máis sobre a táctica ofensiva no ultimate?

Claves ofensivas

Timing nos cortes: evitar que dous xogadores/as corten ao mesmo tempo (evitar conxestión).

Clear despois do corte: se non recibes, sae da área activa para non estorbar.

Handler movement: os ou as handlers (lanzadores/as principais) deben moverse ben para ofrecer opcións de pase seguras.

Swing e break: mover o disco dun lado ao outro para desorganizar a defensa.

Que facer en defensa?

O obxectivo é forzar erros, cortar opcións de pase e recuperar o disco.

Pódese xogar con defensa individual ou por zona.

Defensa individual

- Cada xogador ou xogadora marca alguén do equipo contrario.

- Hai que anticipar cortes e manterse preto, sen perder visión do disco.

- Require boa condición física.

Defensa en zona

- Os defensores/as cobren áreas, non xogadores/as específicas.

- Úsase especialmente contra vento forte ou lanzadores/as débiles.

- Moi efectiva para forzar pases laterais e erros.

- Hai distintas zonas: 3-3-1, cup (tripla marca frontal), junk etc.

Forzar cara a un lado

- O defensor/a frontal (mark) obriga o ou a lanzadora a tirar só cara a un lado (forza exterior, interior ou lateral).

- O resto do equipo axusta a súa defensa segundo ese lado.

- É un principio táctico clave para controlar o fluxo ofensivo.

Actividades en grupo: experimentando co disco

Poñede en práctica todos os coñecementos vistos sobre o ultimate nas sesións motrices de Educación Física.

Realizaredes diferentes xogos e tarefas co voso docente.

Pensade que para crear a vosa xornada intercentros na natureza debedes ter un certo dominio práctico dos xestos técnicos e tácticos deste deporte alternativo.

A xogar!

Sesión 1

Coñecemento inicial e técnica básica de lanzamento e recepción.

Obxectivos:

  • Dominar os lanzamentos e recepcións básicas.
  • Comprender as regras principais do ultimate.

Quecemento

“Atrapa e corre”: por parellas, lánzanse o frisbee e, tras recollelo, corren ata un cono desprazándose de maneira indicada (lateral, cara a atrás, elevando xeonllos…) antes de volver lanzar.

Parte principal

Circuíto: Lanzamentos técnicos por estacións

  • Estación 1: Revés (backhand).
  • Estación 2: Dereita (forehand).
  • Estación 3: Hammer (opcional ou demostración para motivar).

Recepcións

  • Práctica de clap catch (tipo sandwich).
  • Lateral e unha man (en movemento).
  • Mini circuito con recepción en movemento (in-cut) e estática.

Explicación das regras básicas do ultimate (sen contacto, non se pode correr co disco, obxectivo: anotar na zona de marca) e práctica.

Mini xogo

3 vs 3 nun espazo reducido sen marcador final.

Volta á calma

Estiramentos e reflexión. Cal foi o lanzamento máis doado? E o máis difícil?

Sesión 2

Movementos ofensivos e defensa individual.

Obxectivo:

  • Entender as funcións básicas en ataque e defensa, e aplicar as primeiras estratexias colectivas.

Quecemento

Por parellas: desprazamentos e mobilidade articular repasando os lanzamentos e recepcións vistas na sesión anterior.

Parte principal

Cortes en in-cut e deep-cut a partir dun vertical stack simulado.

Exercicio con 3 roles: lanzador/a, cortador/a e defensor/a para traballar a lectura do espazo, a finta e o corte efectivo:

Tarefa en grupos de 3:

Un xogador/a co disco (lanzador/a), un xogador/a sen disco (cortador/a) e un xogador/a defendendo (defensor).

O cortador ou cortadora tenta enganar o defensor cunha finta e elixe facer un in-cut ou deep-cut.

O lanzador ou lanzadora tenta pasar se hai espazo libre.

Cambian os roles tras varios intentos.

Xogo reducido 4 vs 4

A defensa debe ser individual e centrando atención en:

- Aplicación das normas básicas.

- Facer os dous tipos de cortes para tratar de recibir o disco sen que sexa interceptado polo defensor ou defensora.

Volta á calma

Estiramentos e posta en común. Que funciona mellor: correr moito ou moverse con intelixencia?

Tamén se fará unha asimilación de conceptos: recordar os tipos e nomes de pases, recepción e desmarques.

Sesión 3

Xogo real e iniciación táctica.

Obxectivo:

  • Aplicar as técnicas aprendidas nun xogo guiado, introducindo estruturas ofensivas e defensivas básicas.

Quecemento

"Pase e ocupa":

Cada vez que lanzas, corres a unha nova posición (movemento continuo).

Variacións con lanzamento en carreira e recepción.

Parte principal

Organización ofensiva. Vertical stack:

- Formación en liña central.

- Cortes organizados por parellas. Práctica sen defensa → con defensa.

Organización defensiva: individual + forzar lateral. Obxectivo: aprender a defender o seu par e entender o concepto de "forzar lateral" para que os ataques sexan máis previsibles.

Demostración dun mark + resto da defensa en axuste:

- Mark: o defensor ou defensora que está diante do lanzador debe forzar a lanzar só a un lado (por exemplo, sempre á súa dereita). A idea é pechar un lado para que todo o equipo saiba por onde vai ir o xogo e poida axustarse. Os demais defensores ou defensoras ou defensoras colocan o corpo tendo en conta o lado forzado, deixando un pouco máis cuberta a parte libre e pechando o lado prohibido.

Práctica en parellas e grupos:

  • Por parellas: un lanzador ou lanzadora e un defensor ou defensora traballan só o mark, intentando manter o lado forzado. Pódese facer en estático primeiro, e logo con finta.
  • En grupos: pequenos xogos 3x3 ou 4x4 onde todos/as deben forzar ao mesmo lado (p. ex. todos/as forzan cara á dereita do lanzador ou lanzadora). Cambian roles e rotan.

Partido 5 vs 5: Campo reducido con zona de marca. Só se pode lanzar cara ao lado forzado (por exemplo, só á dereita). Se se lanza ao lado prohibido, pérdese a posesión.

Volta á calma

Estiramentos guiados en círculo.

Reflexión. Que aprendín nestas sesións? Cales son as claves para xogar ben ao ultimate?

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)