Saltar navegación

3.4. Datchball

 

Glosario

Botar

Pictograma botar a pelota

Definición:

Acción de enviar a pelota contra o chan para que rebote.

Exemplo:

O xogador realiza a acción de botar para avanzar coa pelota.

Esquivar

Pictograma esquivar

Definición:

Evitar, con habilidade, ser tocado por unha das pelotas co obxectivo de non ser eliminado/a.

Exemplo:

O outro equipo non me eliminou porque conseguín esquivar todos os lanzamentos.

Lanzamento

Pictograma lanzar a pelota

Definición:

Acción e efecto de lanzar un balón ou unha pelota nunha modalidade deportiva.

Exemplo:

O lanzamento da pelota impactou no xeonllo da súa compañeira.

Recepción

Pictograma recepcionar

Definición:

Acción de recibir o balón coas mans.

Exemplo:

Fixo unha gran recepción, pois o balón viña moi rápido.

O datchball

Infografía para coñecer máis o datchball

Nos deportes hai dúas compoñentes moi importantes que habitualmente se confunden: a técnica e a táctica.

Queres saber máis sobre estes conceptos? Fai clic en cada un deles e aprende o seu significado para levalos á práctica nas sesións de Educación Física.

Lectura facilitada

Nos deportes confúndese a técnica e a táctica.

Fai clic no botón de técnica e táctica.

Aprende sobre estes conceptos.

Aspectos técnicos

A técnica pódese definir como a execución motriz dun xesto deportivo. Que quere dicir isto?

Son aqueles movementos ou partes do movemento que permiten realizar accións de ataque e defensa en base a unha determinada intención de xogo, e cunha calidade de execución máis ou menos boa. Hai unha gran variedade de xestos dependendo do deporte que practiquedes. Agora ides coñecer os aspectos técnicos dun deporte alternativo: o datchball.

Lectura facilitada

A técnica é a execución motriz dun xesto deportivo.

Son aqueles movementos que permiten realizar accións de ataque e defensa.

Hai gran variedade de xestos dependendo do deporte que practiquedes.

Agora vamos coñecer os aspectos técnicos do datchball.

O pase

O pase consiste en trasladar o balón cara a outro compañeiro ou compañeira que se encontra en estático ou en desprazamento. No datchball realízase cunha ou dúas mans entre as persoas integrantes dun equipo, co obxectivo de enganar o ou a rival para que sexa máis fácil eliminalo ou eliminala a través dun lanzamento.

En datchball pódense diferenciar diferentes tipos de pase.

Pase directo

Xogadora realizando un pase directo

Acción que consiste en enviar o balón entre xogadores ou xogadoras do mesmo equipo que se atopen a pouca distancia sen que impacte contra nada.

Pase con bote

Acción que consiste en enviar o balón entre xogadores ou xogadoras do mesmo equipo intentando que rebote no chan antes de ser recibido polo receptor ou receptora.

Pase raso

Xogadroa realizando un pase raso

Acción que consiste en enviar o balón entre xogadores ou xogadoras do mesmo equipo estando moitas veces a pelota en contacto co chan.

Os lanzamentos

O lanzamento en datchball ten como obxectivo a eliminación dos xogadores e xogadoras rivais.

Tendo en conta a normativa deste deporte, están permitidos os seguintes tipos de lanzamentos:

Lanzamento directo

Xogadora realizando un lanzamento directo

Acción que consiste en lanzar o balón a un ou unha xogador ou xogadora rival co obxectivo de que impacte nel ou nela sen que existan interferencias previas.

O rival podería decidir se esquivar o lanzamento ou intentar recepcionar a pelota.

Lanzamento con bote

Xogadora realizando un lanzamento con bote

Acción que consiste en lanzar o balón contra o chan co obxectivo de que, ao rebotar, impacte contra un xogador ou xogadora rival.

O rival podería decidir se esquivar o lanzamento ou intentar recepcionar a pelota.

Lanzamento raso

Xogadora realizando un lanzamento raso

Acción que consiste en enviar o balón contra un xogador ou xogadora rival impactando varias veces contra o chan.

O rival podería decidir se esquivar o lanzamento ou intentar recepcionar a pelota.

A recepción

A recepción en datchball é unha habilidade que consiste en recibir o balón ou pelota para a cal, o xogador ao que vai dirixida, adopta unha posición apropiada.

As recepcións máis habituais neste deporte son as seguintes:

Directa

Xogadora realizando unha recepción directa

Acción que consiste en atrapar o balón procedente dun lanzamento do rival sen que se produzan interferencias na traxectoria.

Isto tamén se coñece no datchball como "facer un aire", o que implica poder salvar o ou a integrante do equipo que leva máis tempo eliminado ou eliminada.

Indirecta

Xogadora realizando unha recepción indirecta

Acción que consiste en atrapar o balón procedente dun lanzamento do rival despois dun bote, dun impacto contra a parede ou dun contacto con outro xogador ou xogadora.

Aspectos tácticos

Todo deporte ten a súa táctica e, nun deporte colectivo, podemos definila como a elección correcta do xesto axeitado para unha situación de xogo concreta.

As situacións de xogo que se poden atopar son en ataque ou en defensa.

A continuación, poderedes coñecer a táctica en ataque e defensa que se emprega habitualmente xogando ao datchball.

Que facer en ataque?

Eliminar rivais

Estratexia ofensiva que é o obxectivo do xogo.

Como podedes eliminar rivais?

Xogadora realizando un lanzamento directo

Empregando lanzamentos.

Neste exemplo podedes ver como se emprega un lanzamento directo para darlle a unha rival. Ao impactar o balón no seu corpo e tocar o chan, quedaría eliminada.

Aire para eliminar xogadores

Cunha recepción directa, chamada "aire". A xogadora que lanzou quedaría eliminada porque a súa rival recepcionou a pelota facendo un "aire".

(Recordade que o "aire" supón salvar o integrante do equipo que leva máis tempo eliminado).

Roubar balóns

Xogadoraes intentando roubar balóns

Acción que ten por obxectivo alcanzar algún balón do equipo contrario sen tocar con ningunha parte do corpo a liña central divisoria nin o campo rival.

Kamikaze

Situación especial de ataque pola que un xogador ou xogadora salta ao campo contrario, disparándolle a un ou unha opoñente co obxectivo de eliminalo/a. O lanzamento tense que realizar antes de tocar o campo rival para que sexa válido. O rival será eliminado se o balón impacta nel e toca o chan.

Un kamikaze sempre supón a eliminación da persoa que o realiza xa que invade o campo contrario.

Que fago en defensa?

Esquivar

Esquivar rivais

Evitar con habilidade ser tocado por unha das pelotas co obxectivo de non ser eliminado ou eliminada.

Aire

Xogadora realizando un aire

Situación defensiva que consiste en atrapar o balón logo dun lanzamento directo sen que caia ao chan.

Implica poder salvar o ou a integrante do equipo que leva máis tempo eliminado/a.

Escudo

Escudo

Situación defensiva, empregando a pelota como protección, pola que se pode chegar a eliminar un ou unha opoñente se chegas a impactar nel ou nela e a pelota toca o chan.

Tamén pode supoñer a eliminación dun ou dunha integrante do mesmo equipo se, ao empregar o escudo, a pelota impacta contra el ou ela e cae ao chan.

Morte súbita

Situación na que queda un só xogador ou xogadora de cada equipo.

A persoa integrante de cada equipo que non resulta eliminada situarase na liña vermella do seu campo co balón a carón do seus pés.

A persoa encargada da arbitraxe situarase no centro do campo e dará o sinal de "morte súbita".

Logo do sinal, dispoñen de 10 segundos e dunha soa oportunidade para intentar eliminar o ou a opoñente.

Situacións a ter en conta:

- Se alguén fai aire gañará a partida.

- Se ambos/as disparan e non lle dan ao ou á rival, a partida será nula.

- Se un xogador ou xogadora toca a liña central ou a liña vermella quedará eliminado ou eliminada, gañando a persoa rival.

- Se un xogador ou xogadora opta por un kamikaze e alcanza o rival, quedarán empatados xa que ambos serían eliminados.

En grupo: experimentando co datchball

Poñede en práctica todos os coñecementos vistos sobre o datchball nas sesións motrices de Educación Física.

Realizaredes diferentes xogos e tarefas co voso mestre ou mestra.

Pensade que para crear o voso evento deberedes ter un certo dominio práctico dos xestos técnicos e tácticos.

Sesión 1

Obxectivo:

  • Coñecer o regulamento básico do datchball e practicar habilidades técnicas fundamentais: lanzar, recepcionar, esquivar.

Quecemento:

Exercicios de activación con mobilidade articular.

A continuación, faredes 3 círculos co mesmo número de persoas. Cada grupo terá un balón de espuma e, cando escoitedes o sinal, deberedes pasar o balón ao compañeiro ou á compañeira da dereita, sen saltar ningunha persoa do grupo. O obxectivo é pasar o balón o máis rápido posible (sen que caia ao chan) e que chegue á persoa que comezou. Unha vez chegue o balón ao inicio, esta persoa deberá apoialo no chan como mostra de que rematou. Farédelo diversas veces para mellorar a velocidade de reacción, os lanzamentos e as recepcións.

Parte principal:

Nesta primeira tarefa teredes o campo delimitado con conos ou liñas, coas zonas de xogo e eliminación ben marcadas. Haberá 3 zonas de práctica.

  • Zona 1: nesta zona traballaredes a precisión no lanzamento. Colocaranse aros ou outros símbolos de marcaxe a diferentes distancias e tamén con diferentes puntuacións. O obxectivo é realizar diferentes tipos de lanzamentos (por riba, por abaixo, lateral...) para mellorar esta habilidade. Usaredes balóns de espuma.
  • Zona 2: nesta zona traballaredes por parellas. Unha persoa da parella fai un lanzamento dende 3-4 metros e a outra persoa da parella intenta esquivar. Logo dun tempo de práctica, cámbiase o rol. Igual que na estación 1, tamén practicaredes con balóns de espuma.
  • Zona 3: por parellas, unha persoa lanza o balón de espuma e a outra debe recepcionalo.

Partidos condicionados:

Nestes partidos teredes as seguintes normas:

- 2 balóns en xogo.

- Se te tocan, saes.

Se un compañeiro ou compañeira fai unha recepción, o xogador ou xogadora que leva máis tempo eliminado/a volve ao xogo.

Volta á calma:

Estiramentos dos principais grupos musculares.

Sesión 2

Obxectivo:

  • Aprender a identificar roles ofensivos e defensivos e mellorar a cooperación táctica no xogo.

Quecemento:

"Cazadores e cazadores con balóns": os xogadores e xogadoras que pillan levan un balón na man. O obxectivos dos cazadores e cazadoras é eliminar o maior número de participantes posible. O profesor ou profesora indicará como debe ser o lanzamento (directo, con bote, raso...). A xogadora ou xogador que recibiu un impacto co balón debe quedar quieto ou quieta coas pernas abertas e un compañeiro ou compañeira poderá salvalo/a pasando por abaixo.

Parte principal:

Faise un repaso das regras fundamentais do datchball e, despois,realizaredes unha tarefa de roles. Divídese ao grupo en 3 grupos rotativos. Cada grupo practica un dos seguintes roles durante 4-5 minutos:

  • Atacantes: ides enfrontravos a un grupo pasivo e debedes lanzar para tocalos (sen rebote). Aquí desenvolveredes habilidades como a precisión, a toma de decisións e o desprazamento tras o lanzamento.
  • Defensores: enfocarédesvos en esquivar e atrapar. Cada vez que atrapedes de xeito válido, sumaredes puntos para o grupo.
  • Asistentes: ides movervos pola zona lateral. A vosa función é recoller balóns e entregalos aos atacantes ou defensores.

“Zona de salvación”: divídese ao grupo en dous e xogarase un partido con 5 balóns.

Este xogo ten as seguintes normas:

- Ao ser eliminado/a, o xogador ou a xogadora vai á zona lateral do seu equipo (zona de salvación).

- Se recibe un pase dende o campo e atrapa o balón, pode volver xogar.

Partidos condicionados:

Nestes partidos teredes as seguintes normas:

-Equipo de 5, 6 ou 7 persoas como máximo.

- 3 balóns en xogo.

- Se te tocan, saes.

- Se un compañeiro ou compañeira fai unha recepción, o xogador ou xogadora que leva máis tempo eliminado/a volve ao xogo.

Volta á calma:

Estiramentos dos principais grupos musculares.

Sesión 3

Obxectivos:

  • Participar activamente en situacións reais de xogo regulamentado.
  • Aplicar as habilidades e estratexias tácticas ofensivas e defensivas aprendidas.
  • Amosar actitudes de respecto, deportividade e cooperación.

Quecemento:

Exercicios de activación con mobilidade articular.

A continuación, faranse 4 círculos co mesmo número de persoas. Practicaredes o kamikaze.

Parte principal:

Nesta parte xogaredes un pequeno torneo. Repasaranse as normas básicas e formaranse 4 equipos mixtos.

Os partidos xogaranse de 5 minutos ou ata que un equipo quede sen xogadores e xogadoras.

Xogarase con balóns de goma.

Os partidos serán rotatorios.

Haberá 2 partidos á vez, polo que estaredes a xogar os 4 equipos.

Volta á calma:

Estiramentos e reflexión final. Que opinades deste deporte? Cales son as diferenzas cos vistos anteriormente?

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)