Elementos gráficos para a feira
É o momento de preparares algúns dos elementos gráficos para a feira artística. Trátase de crear deseños que se utilizarán para informar ás persoas visitantes e tamén para anunciar a feira.
Que tes que facer?
Cada equipo debe encargarse de preparar un destes elementos gráficos que se utilizarán na feira:
- Cartel publicitario. Para informar sobre o lugar e horarios da feira artística.
- Tarxetas credenciais. Servirán para identificarvos como as persoas organizadoras da feira e tamén como as persoas responsables de axudar e explicar as obras de arte.
- Invitacións. Para pedir, ás persoas que decidades, a asistencia á feira artística.
- Rótulos. Para sinalar cada posto da feira.
Le, xunto co teu equipo, a información sobre o produto de deseño gráfico que tes que elaborar. Coa descrición vai unha lista coas partes que debe ter a obra.
Podes utilizar o programa informático que queiras. Se preferides traballar de forma cooperativa podes utilizar Excalidraw, que é unha plataforma de Internet que permite que varias persoas traballen xuntas no mesmo proxecto. Con Excalidraw non precisas o rexistro na plataforma.
Videotitoriais
Aquí podes ver videotitoriais de como usar Excalidraw ou LibreOffice Draw.
O exemplo é para un cartel que anuncia o Entroido pero pode aplicarse á creación do cartel da feira artística e aos outros produtos de deseño.
Excalidraw permite facelo de forma cooperativa. Se prefires traballar de forma individual podes utilizar o programa LibreOffice Draw.
Excalidraw
LibreOffice Draw
Cada produto debe levar unha imaxe que represente a Galicia.
- Cartel publicitario: un pano.
- Tarxetas credenciais: unha pandeireta.
- Invitacións: o debuxo do hórreo que creaches na tarefa anterior.
- Rótulos: unha cuncha de vieira.
Podes utilizar os debuxos que se recomendan na descrición de cada elemento gráfico ou ir á procura en Internet da imaxe que decida o teu equipo. Se prefires utilizar debuxos ou fotos de Internet, le o apartado seguinte.
Lectura facilitada
Tes que crear deseños que poidas utilizar na feira artística.
Cada equipo debe encargarse de preparar un destes produtos:
- Cartel publicitario.
- Tarxetas credenciais.
- Invitacións.
- Rótulos.
Nas seguintes páxinas explícase como se fai cada produto.
O teu grupo debe decidir se traballa de forma individual con LibreOffice Draw
ou de maneira cooperativa nun sitio de Internet como Excalidraw.
Cada produto debe levar unha imaxe que represente a Galicia.
- Cartel publicitario: un pano.
- Tarxetas credenciais: unha pandeireta.
- Invitacións: o debuxo do hórreo que creaches na tarefa anterior.
- Rótulos: unha cuncha de vieira.
Podes ir na procura de debuxos e fotos de Internet
ou poñer o debuxo que hai na explicación da tarefa.
No contido principal tes videotitoriais
para aprender a utilizar LibreOffice Draw
e Excalidraw.
