Tócavos a vós
O resto das unidades de "A investigar apréndese investigando" xiran arredor desta, que é na que todos e todas sodes as e os principais protagonistas, xa que estades traballando na idea de proxecto que tivestes e que, máis tarde, avaliaredes e comunicaredes á sociedade. Trátase da fase de facer realidade o que, ata agora, foi unha idea do grupo de investigación.
Esta unidade non segue a estrutura habitual das demais. Os contidos, as actividades e a avaliación céntranse exclusivamente no traballo que estades a realizar, que é moi variado e heteroxéneo.
E canto tempo durará esta fase?
Os proxectos de investigación en ciencias poden variar moito en canto á duración. Algunhas investigacións poden completarse en só dous ou tres días, mentres que outras poden levar un ou dous meses. Todo depende do tipo de investigación que se realice e do tempo necesario para obter resultados fiables.
Por exemplo:
- Investigar o cultivo de plantas para probar diferentes tipos de abonos: Este tipo de proxecto pode levar varias semanas ou meses, porque as plantas necesitan tempo para crecer e mostrar diferenzas dependendo do abono usado.
- Testar superficies de desprazamento dun modelo de coche: Aquí, o proxecto pode ser máis curto, quizais uns poucos días, porque implica montar un experimento e realizar probas inmediatas en diferentes tipos de superficies.
A clave está en adaptar o tempo dispoñible ao proxecto e organizarse ben. Non importa se o proxecto é curto ou longo; o importante é seguir o método científico que xa temos explicado en unidades anteriores, rexistrar os resultados e argumentar as conclusións.
Nun proxecto ben feito, aínda que sexa curto, podedes aprender tanto como un que leve máis tempo!
Que aporta esta aplicación na fase de investigación?
Ao longo de máis de 25 anos de experiencia do autor traballando con proxectos nas aulas de secundaria, teñen xurdido problemas semellantes. Como resultado da análise do traballo en moitas aulas , nesta unidade ofrecémosvos unha serie de ferramentas que poden solucionar ou, polo menos, axudar a abordar parte deses problemas que poidan xurdir.