Algunha destas é a vosa dúbida?

Aquí tedes unha serie de preguntas frecuentes que, ao longo de máis de 25 anos, me foron facendo grupos de alumnos e alumnas que traballaban en proxectos de investigación, tanto na ESO como no Bacharelato, en centros educativos de Salas de los Infantes (Burgos), Lalín (Pontevedra), Pontevedra, Viana do Bolo (Ourense), Bogotá (Colombia) e Baiona (Pontevedra). Moitas veces estas preguntas repetíanse, polo que, quizais, as vosas cuestións tamén estean aquí. De non estaren, o voso profesor ou profesora vos axudará.
PREGUNTAS FRECUENTES
- Darános tempo?
Seguro que si, porque no proxecto xa o tiñades planificado e o tiñamos revisado xuntos. Dividide o traballo en tarefas específicas, asignade responsabilidades e establecede datas límite para cada unha. Podedes usar ferramentas como listas de tarefas para organizarvos mellor.
- Como podemos asegurarnos de que os nosos datos están ben tomados (sexan precisos e fiables)?
Boa pregunta, xa que a precisión é fundamental para que o traballo resulte científico e de calidade. Tomade múltiples medicións, evitade erros humanos seguindo procedementos estandarizados (que seguro, definistes xa no proxecto) e revisade os datos coidadosamente.
- Podemos ir gardando os datos para ir avanzando?
Claro que si. Por exemplo, podedes ir gardando datos nunha taboa de Excel ou Google Sheets.
- Podemos facer cambios no deseño do proxecto agora que estamos a desenvolvelo?
Si, sempre que xustifiquedes os cambios e estes melloren o proxecto sen comprometer o obxectivo principal. Pero antes, falade do asunto co voso profesor ou a vosa profesora.
- Temos algún problema no grupo. Que estratexias podemos usar para mellorar a comunicación dentro do equipo?
Facede reunións regulares, asignade un ou unha líder ou persoa coordinadora que centralice a información e usade ferramentas colaborativas como Google Docs ou un foro na aula virtual.
- Como podemos relacionar os nosos achados, incluso datos non previstos, co tema principal do proxecto?
Destacade como os resultados responden á pregunta inicial e que implicacións teñen no contexto do tema. Se un dato non era esperado (dato anómalo) tamén resulta moi interesante. Anotádeo.
- Que debemos facer se os resultados non coinciden coas nosas hipóteses?
Non pasa nada! Interpretádeos e explicade posibles razóns, como variables non controladas ou limitacións no deseño. A ciencia é así.
- Cales son os erros máis comúns nesta fase e como podedes evitalos? (Está máis ben é unha reflexión docente)
Non tomar datos cando corresponde, falta de revisión progresiva dos datos, non documentar os cambios ou omitir fontes e problemas. Recomendación: revisade todo minuciosamente.
- Que pasos debemos seguir se atopamos un problema técnico cos nosos experimentos?
Os problemas e imprevistos son normais na ciencia. Ás veces, dun problema técnico, como a contaminación dunha placa de crecemento de bacterias, descubriuse un antibiótico. Documentade o problema, analizade as causas e buscade alternativas ou consultade co docente ou coa docente.
- Podemos facer un ensaio da experimentación antes de tomar datos?
Absolutamente. Chámase estudo piloto. Recoméndase facelo, antes de comezar a rexistar resultados.
- Como podemos relacionar o proxecto coa vida cotiá ou a comunidade?
Relacionádeo con situacións reais, como problemas ambientais locais ou globais, sociais ou tecnolóxicos que o proxecto poida axudar a resolver. En todo caso, non todos os proxectos, teñen porque ter unha relación inmediata con algo práctico, sendo o que se coñece como ciencia básica.
- Unha persoa do grupo non traballa. Que facemos?
Primeiro, reunide o grupo e falade con esa persoa. Se non funciona, volvede falar con ela coa presenza do profesor ou profesora. O obxectivo é mellorar a coordinación e que todos traballedes en conxunto. Non se trata de acusar, senón de mellorar a situación.