Tarefa

Traballade en grupos de investigación
Lede, con calma, os textos A, B, C e D.
------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------
TEXTO A
Se eu mirase un carballo centenario na miña vila de Ribadavía nunha tarde de maio, diría que é unha testemuña muda do tempo. As súas pólas, coma brazos estendidos cara ao ceo, semellan soster os soños e as lembranzas do vento. Se o sol bailase entre as súas follas verdes e fráxiles, faría xogar luces e sombras no chan, un lenzo vivo de cores cambiantes, a veces, tenebroso. A súa cortiza rugosa, que lembra un rostro ancián, contaría historias de tormentas e calmadas noites estreladas. Quizais, se as raíces falasen, relatarían segredos do corazón da terra e do sentir galego.
TEXTO B
O carballo (Quercus robur), moi semellante ao rebolo (Quercus pyrenaica) é unha árbore caducifolia característica dos bosques templados e moi presente en Galicia. Pode acadar alturas de ata 40 metros e unha lonxevidade superior aos 500 anos. As súas follas teñen forma lobulada, presentan unha disposición alterna e son de cor verde intensa. A cortiza, grosa e rugosa, actúa como protección contra factores externos, mentres que o sistema radicular profundo permite captar nutrientes en solos pobres. É unha especie clave para o ecosistema, proporcionando hábitat e alimento para numerosas especies de fauna.
TEXTO C
As auroras boreais son fenómenos luminosos que se producen nas rexións polares cando partículas cargadas do vento solar interactúan coa atmosfera terrestre. Estas partículas, principalmente electróns e protóns, chocan co osíxeno e nitróxeno das capas altas da atmosfera, creando luces que se poden ver a simple vista. As cores máis comúns son o verde, causado polo osíxeno a uns 100 km de altura, e o violeta, xerado polo nitróxeno. Estes fenómenos adoitan aparecer en forma de arcos ou cortinas ondulantes, e a súa intensidade varía segundo a actividade solar.
TEXTO D
Se tivese a sorte de ver unha aurora boreal, sentiría como se o ceo se vestise cun manto máxico de luces danzantes. Os tons verdes e violetas, que parecen respirar e moverse como as ondas do mar, encherían o horizonte cun espectáculo etéreo. Se o vento frío do Ártico murmurase entre as montañas, acompañaría esa danza celestial cunha música invisible. As estrelas, pequenas testemuñas silenciosas, quedarían envoltas pola maxia das cores que iluminan a escuridade. Quizais, se as auroras falasen, contarían segredos dos ventos solares que viaxan polo universo.
--------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------
Tarefa
- Que textos pensades que son científicos e cales literarios?
- Indicade, cando menos, 3 aspectos que diferencian os textos.
Logo de rematar, podedes revisar a retroalimentación.
Os textos A e D son literarios e os textos B e C son científicos.
Algunhas diferenzas importantes entre os textos:
-
Obxectividade e subxectividade: o texto literario (A,D) busca transmitir emocións e sensacións, mentres que o texto científico (B,C) dá información clara e verdadeira, sen expresar sentimentos.
-
Linguaxe: no texto literario (A,D) úsanse palabras que fan imaxinar, como comparacións ou metáforas. No texto científico (B,C), empréganse palabras técnicas e explicativas para describir exactamente o que se quere contar.
-
Finalidade: o texto literario (A,D) quere emocionar ou facer pensar ao lector ou lectora, mentres que o texto científico (B,C) quere ensinar algo de forma precisa para que todos o entendan igual.
-
Estrutura: o texto literario (A,D) é máis libre, como unha historia que flúe, mentres que o texto científico (B,C) segue unha orde clara, como pasos para describir ou explicar algo, usando frases claras e sinxelas.