Materiais e métodos
Este apartado é moi importante porque aquí estades especificando que ides facer, paso a paso. Hai un criterio sinxelo para saber se esta parte está ben elaborada: coa información que proporcionades, calquera persoa que o lea debería poder reproducir o experimento nas mesmas ou similares condicións.
Materiais e Métodos no voso proxecto é onde se detalla como se levará a cabo o traballo experimental e que ferramentas se empregarán. O apartado ten dous obxectivos principais: explicar o proceso de investigación de forma clara e, como xa avanzamos, permitir que outras persoas poidan repetir o experimento para comprobar os resultados.
- Materiais: aquí listamos todo o que precisamos para realizar o proxecto, como instrumentos, reactivos, equipos, ou mesmo aplicacións tecnolóxicas. Por exemplo, se investigades a erosión, poderiades necesitar: terra, auga, recipientes, cronómetro e unha regra. Tamén podemos indicar espazos que imos precisar, por exemplo, o laboratorio do instituto ou o xardín.
- Métodos: descríbese, paso a paso, como se realizará o experimento ou estudo, asegurando que sexa claro e preciso. Indícase como se usarán os materiais, como se medirán as variables e cal será o deseño experimental. Por exemplo: "Engadir un litro de auga á terra inclinada e medir o tempo que tarda en erosionarse."
Este apartado debe ser detallado, pero sinxelo de entender, garantindo que alguén máis poida seguir o mesmo proceso con éxito.
Un bo exemplo
Pregunta de investigación: cal é o efecto da luz na taxa de fotosíntese de plantas acuáticas cultivadas lo laboratorio do centro?.
Materiais:
- Plantas acuáticas (como Elodea).
- Frascos transparentes con auga.
- Bicarbonato de sodio (fonte de CO₂).
- Lámpadas con distintas intensidades de luz.
- Luxómetro (para medir a intensidade luminosa).
- Cronómetro.
- Conta-burbullas (ou outro método para medir a produción de osíxeno).
Método:
- Encher tres frascos transparentes con auga e engadir unha culler pequena de bicarbonato de sodio a cada un.
- Colocar un anaco igual de planta acuática dentro de cada frasco.
- Situar os frascos baixo lámpadas con diferentes intensidades de luz (por exemplo, 100 lux, 500 lux, e 1000 lux).
- Deixar que as plantas se aclimaten durante 5 minutos.
- Durante 10 minutos, contar o número de burbullas que a planta produce en cada frasco (indicando o osíxeno liberado durante a fotosíntese).
- Repetir o experimento dúas veces máis para garantir a fiabilidade dos resultados.
Un mal exemplo
Materiais:
- Algunhas plantas acuáticas.
- Uns frascos.
- Algo para engadir CO₂.
- Unhas lámpadas.
- Un cronómetro.
Método :
- Poñer plantas en frascos con auga.
- Colocalos baixo lámpadas con diferentes luces.
- Contar as burbullas que saen durante un anaco.
- Comparar os resultados para ver que pasa.
Está ben claro que, no segundo caso, non temos información para reproducir o experimento porque nin sabemos que planta utilizar, ni cuanto tempo contar burbullas, nin que fonte de luz usar. É unha descrición vaga, moi pouco precisa.
Lembrade escribir no cadro azul. O verde é para que o profesor ou a profesora faga os comentarios de avaliación e mellora das versións, ate chegar a versión final.