Os conflitos forman parte da investigación

A vida é conflito

Ocultar

Imaxe IA creada por Luis Fernández Lopez empregando ChatGPT -4, versión 2.. Conflicto y diálogo (CC BY-SA)

A vida, como se amosa nas viñetas anteriores, caracterizase, enmtre outras cousas,  por unha sucesión de conflitos e diálogo entre persoas. É importante comoq ueremos vivir as diferenzas.  

A visión positiva do conflito é un enfoque moito máis construtivo para afrontar problemas que velo como algo negativo. Todos os ámbitos da vida humana están rodeados de conflitos, entendendo estes como un desacordo motivado pola percepción diferente dunha situación por parte das persoas ou grupos, cunha implicación emocional asociada. Non pode existir a vida sen conflitos; de feito, estes axúdannos a medrar e mellorar. O verdadeiro problema xorde cando non os resolvemos de forma pacífica ou dialogada, optando, no seu lugar, por calquera tipo de violencia ou agresividade.

Moitos educadores, como o galego Xesús R. Jares, teñen apostado por aproveitar os conflitos que xorden na escola como unha oportunidade para ensinar e, polo tanto, aprender a resolvelos.

Se traballades en equipo no grupo de investigación, é normal que xurdan conflitos que podedes resolver. Deste xeito, non só estaredes aprendendo a investigar, senón que tamén estaredes adquirindo unha das competencias máis importantes para a vida: resolver problemas de maneira colaborativa.

Non hai que ter medo aos conflitos, nin tapalos ou ocultalos. Debemos afrontalos con serenidade e construtividade.

A ciencia en conflito

Ocultar

A ciencia, como outros campos do coñecemento humano, é un ámbito onde os conflitos son frecuentes. En todos os grupos de investigación, poden xurdir problemas de diversa índole. A historia da ciencia, ademais de grandes descubrimentos, está chea de intensos conflitos entre científicos e científicas, institucións e ideoloxías (relixiosas, filosóficas, económicas, políticas). 

Imaxe IA creada por Luis Fernández Lopez empregando ChatGPT -4, versión 2.. Competitividade na ciencia

Aquí tedes algúns exemplos sonados:

  • Galileo Galilei e a Igrexa Católica
    Un dos conflitos máis emblemáticos foi o de Galileo Galilei contra a Igrexa Católica. Galileo defendía o modelo heliocéntrico, que postula que a Terra xira arredor do Sol, en lugar do modelo xeocéntrico dominante, que situaba a Terra como o centro do universo. Esta postura científica levouno a un enfrontamento frontal coa Igrexa, que o acusou de herexía e o obrigou a retractarse en 1633. A pesar da súa condena, as súas ideas abriron o camiño para a ciencia moderna.
  • Isaac Newton e Robert Hooke
    Isaac Newton e Robert Hooke, dous destacados científicos ingleses, protagonizaron unha das rivalidades máis coñecidas da historia da ciencia. Hooke acusou Newton de non recoñecer a súa contribución á teoría da gravitación. Newton, pola súa banda, desprezaba a Hooke e evitaba mencionar o seu nome nos seus traballos. Este conflito é un exemplo de como o ego pode interferir no recoñecemento do traballo científico.
  • A "Guerra das Correntes" entre Nikola Tesla e Thomas Edison
    A finais do século XIX, Nikola Tesla e Thomas Edison lideraron un conflito coñecido como a "Guerra das Correntes". Edison defendía o uso da corrente continua (DC), mentres que Tesla impulsaba a corrente alterna (AC). Este enfrontamento, con importantes implicacións económicas e tecnolóxicas, acabou coa adopción da corrente alterna como estándar mundial, grazas á súa maior eficiencia para transportar electricidade a longas distancias.
  • Rosalind Franklin e o descubrimento do ADN
    O descubrimento da estrutura do ADN, un dos maiores fitos da bioloxía, estivo marcado pola controversia. Rosalind Franklin, unha científica  que utilizou a cristalografía de raios X para obter imaxes importantes, nunca foi recoñecida de forma adecuada no seu tempo. James Watson e Francis Crick empregaron os seus datos sen o seu consentimento para construír o modelo do ADN, xerando un debate ético que persiste ata hoxe. O Premio Nóbel foi para eles. 

    Os conflitos na ciencia non son só obstáculos; moitas veces son o motor do progreso, igual que na vida. Afrontar e resolver estas discrepancias de maneira construtiva é parte fundamental do desenvolvemento científico e humano. Nos vosos grupos é normal que poidan xurdir diferenzas. 

Os problemas principais

Ocultar

PASA A MIÚDO

Da experiencia en dirixir grupos de investigación en secundaria, podo contarvos cales son os principais problemas que adoitan xurdir:

  1. Falta de implicación: cando un membro do grupo non se implica e non cumpre coas súas responsabilidades, o resto do equipo pode sentirse mal e frustrado.
  2. Falta de puntualidade: cando alguén non é puntual, especialmente en momentos clave, como para tomar datos ou cumprir prazos, dificúltase o avance do traballo.
  3. Imposición de ideas: cando un membro do grupo intenta impoñer as súas ideas sen escoitar as dos demais, xéranse tensións e dificúltase a colaboración.
  4. Sentirse atacado/a: cando un membro do grupo se sente atacado ou atacada porque alguén non está de acordo coas súas ideas, pode haber conflitos que afectan a dinámica do equipo.

    Identificar e abordar estes problemas a tempo é fundamental para que o grupo funcione ben. O diálogo, a organización clara e o respecto mutuo son claves para superar estas situacións. 

Mediación para o diálogo

Ocultar

Imaxe IA creada por Luis Fernández Lopez empregando ChatGPT -4, versión 2.. Mediación no grupo de investigación (CC BY-SA)

Se tedes algún problema no grupo de investigación, a mediación dunha terceira persoa pode ser unha boa idea. Moitos institutos e colexios contan con alumnado mediador formado. Algunhas experiencias, como a do IES Carlos Casares de Viana do Bolo, son recoñecidas tanto en España como noutros países. Se o voso centro dispón de mediadores e mediadoras, podedes acudir a este servizo.

E se non hai equipo de mediación no centro?

Outra persoa do grupo de investigación, ou da clase,  pode axudar a que o diálogo funcione entre as partes en conflito. Para iso, lembramos algúns principios que facilitan a mediación e tamén aquelas prácticas que deben evitarse.

O que DEBE facer unha persoa mediadora nun conflito:

  • Facilitar e promover o diálogo entre as partes.
  • Facer preguntas abertas ás persoas en conflito, como: que pasou?, como te sentiches?, cComo te sentirías se el ou ela fixese o mesmo?
  • Escoitar activamente cando se explica o problema, mostrando atención e empatía.

O que NON DEBE facer unha persoa mediadora:

  • Dar ou insinuar unha solución ao problema. A solución debe saír das partes en conflito. 
  • Dar consellos.
  • Xulgar ás persoas implicadas no conflito.
  • Amosar desinterese ou falta de implicación no problema.
  • Apoiar unha das partes.

É fundamental procurar un lugar adecuado para falar que garanta a confidencialidade e proporcione un ambiente cómodo para todas as partes.

As partes poden rematar asinando un acordo.