Os rexistros
As variedades contextuais ou rexistros son debidos a diversas causas; entre outras, ás seguintes:
- a relación entre as persoas que falan: dúas persoas amigas falan entre si de xeito distinto a como o farían se estivesen entre xente descoñecida; se falamos na casa, cos nosos familiares directos, non o facemos igual ca se estamos na consulta do médico ou no despacho da directora.
- o tema de que se fala: segundo sexa o tema usamos distintas palabras máis precisas ou máis xenéricas; se falamos dunha dor que temos no ventre diremos que nos doe a "barriga"; pola contra nunha lección de ciencias sobre o corpo humano falaremos de "abdome".
- o uso da lingua oral ou da lingua escrita: esta adoita ser máis coidada e elaborada que a lingua oral, máis espontánea.
Tendo en conta estes e outros factores distinguimos dous rexistros:
| Formal |
Coloquial ou Informal |
| Pronuncia máis coidada |
Pronuncia máis espontánea, por exemplo con supresión de fonemas: en lugar de "para" úsase pa; en lugar de imos para adiante > imos pa diante. |
|
Vocabulario preciso e variado Uso de termos técnicos |
Léxico menos variado. Uso frecuente de frases feitas Uso de palabras "comodín", é dicir, que adquiren diversos significados segundo o caso: cousa, chisme, aquelar... |
| Pronunciación de acordo coa lingua común ou estándar |
Pronunciacións e formas dialectais: seseo, formas rematadas en -ao en palabras como irmao etc. |
| Emprégase nas clases, nos medios de comunicación, en moitos traballos etc. | Úsase nas conversas de familia e de amizade; en xeral, cando se fala con persoas de confianza e en grupos reducidos. |
Lembra: debes saber alternar os dous rexistros segundo a situación na que esteas.
Actividade de lectura 1
Actividade de lectura 2
"HOUBO entre os beduínos de Arabia un gran señor, un sayyid, que salientou pola súa bondade e pola súa xenerosidade. O home, que gobernaba a tribo dos Banû 'Amir, era respectado como un califa entre os seus. Malia a súa riqueza, non lograba ser feliz porque había algo do que se sentia privado: desexaba un filio herdeiro que perpetuase a súa estirpe. Logo de moitos rogos, Alá satisfixo o seu desexo cun precioso neno a quen chamou Quays.
O rapaz, fermoso como a lúa chea, medrou nun ambiente de luxo e comodidade. Gustáballe extraordinariamente o estudo e axiña se converteu nun dos mellores discípulos do seu mestre. A aprendizaxe era rápida e fecunda ata que algo máis poderoso que os libros absorbeu toda a súa atención. Ela chamábase Layla. Era unha rapariga esvelta coma un ciprés. Os seus ollos de gacela poderían traspasar mil corazóns cunha soa ollada e cun só pestanexo daria aniquilado a todo un exército. A sombra escura do pelo non agochaba a beleza dun rostro que irradiaba luz ata cegar aos mais escépticos espectadores. Quays e Layla namoraron perdidamente..."
Rosa Aneiros: Ás de bolboreta
1. Como clasificas este texto, no rexistro coloquial ou no formal?
2. Localiza expresións do texto que xustifiquen a túa resposta.
3. Poderías dar algunha equivalencia desas mesmas expresións no outro rexistro?
Se precisas axuda para comezar preme no botón seguinte.