|
Nos
dicionarios atopamos descricións elementais: para definir unha
palabra selecciónase tan só aquela ou aquelas características que
nos permiten identificar o seu significado; para atopar unha
descrición completa do mesmo concepto podemos recorrer a unha
enciclopedia.
Tomemos
como exemplo a bicicleta e vexamos a diferenza entre a información
que nos dan os dicionarios e a que aparece nas enciclopedias.
A
definición máis sinxela dun dicionario podería ser: “vehículo
de dúas rodas de igual diámetro, accionado por pedais”
|
|
|
Agora vexamos a descrición completa dese mesmo vehículo nunha enciclopedia, a que nos ofrece a Enciclopedia Galega Universal (http://www.egu.es/)
-
"Velocípede de dúas rodas de diámetro parecido, a anterior das cales é a directriz, e a posterior, accionada polo condutor mediante un sistema de pedais e transmisión por cadea, é a motriz. A bicicleta está formada, basicamente, polo cadro, a transmisión, a dirección e as rodas. Pódense considerar como elementos non esenciais a sela e os freos, e como elementos accesorios os gardalamas, a cobrecadea, as luces, etc. O cadro é o marco metálico tubular, xeralmente trapezoidal, que serve de ligadura e soporte de todos os outros elementos. A transmisión está constituída polos pedais, solidarios por medio de manivelas a unha, ás veces dúas, ou mesmo ata a tres coroas dentadas chamadas pratos; o piñón, engrenaxe sinxela ou múltiple unida á buxa da roda posterior xa sexa dun xeito fixo (piñón fixo), xa sexa mediante un mecanismo de trinquete que permita que a bicicleta corra sen pedalear (piñón libre), ou ben a través dun mecanismo epicicliodal de redución variable que se lle engade; e a cadea, nexo de unión entre o prato e o piñón. A dirección está constituída polo guiador, accionado polo condutor; a pinza da dirección (curvada cara a diante co fin de estabilizar a dirección e, grazas á súa capacidade de deformación elástica, axudar a amortecer as sacudidas producidas polas irregularidades do solo), que soporta a roda anterior, e a árbore de dirección, elemento de unión entre o guiador e a pinza. Cada roda consta do pneumático, que nas bicicletas de carreiras carece de cuberta (pneumáticos tubulares); a lamia (dunha soa peza e sen radios nalgunhas bicicletas de carreira en pista), os radios, arames finos que transmiten os esforzos entre a lamia e a buxa; e a buxa, especie de tubo con arandelas que recolle as cabezas dos radios e que, montado sobre dúas fileiras de bólas de coxinete equidistantes, xira libremente arredor do eixe da roda, fixado con femias á pinza da dirección (roda anterior) e da suspensión (roda posterior). [...]"
Ademais desta descrición completa da bicicleta e as partes que a compoñen ofrécesenos información sobre a súa historia e o distintos tipos de bicicletas que existen.
Se consultamos a Galipedia veremos que a información é máis completa aínda: http://gl.wikipedia.org/wiki/Portada.
Nas enciclopedias é frecuente que a información se complete con esquemas, debuxos ou fotos.
|
|