Descrición literaria
Na literatura a descrición aparece
frecuentemente alternando coa narración e supón unha pausa na
historia que se está a contar.
A descrición literaria cumpre as seguintes funcións:
- Presentar os lugares onde sucede a acción e os elementos que son importantes para a mesma: O lugar pode ser interior (unha casa, un cuarto, unha cova, unha igrexa...) ou exterior (o campo, unha montaña, o mar, unha fraga....).
- Presentar os personaxes que interveñen na historia que se conta.
- Anticipar, aclarar ou crear interese sobre a acción que se desenvolve ou se vai desenvolver (unha paisaxe triste ou sinistra anticipa frecuentemente accións negativas; a descrición da mirada dun personaxe pode indicar se está dicindo a verdade ou non). A descrición permite polo tanto comprender mellor a historia que se nos conta.
Entre as principais características da descrición literaria, destacamos as seguintes:
- A linguaxe é connotativa, é dicir, teñen moita importancia as sensacións ou sentimentos que nos evocan as palabras, non só o seu significado obxectivo.
- Abundan os adxectivos explicativos, é dicir, aqueles que resaltan determinadas cualidades dos substantivos.
- A descrición literaria pode ser obxectiva ou subxectiva.
- Utilízanse, entre outros, recursos literarios como
- a hipérbole: esaxeración dunha característica;
- a metáfora: substitución dun elemento por outro co que ten parecido;
- a comparación: establecemento de relación por semellanza ou parecido;
- a enumeración: acumulación de elementos.