Descrición técnica
|
A descrición aparece con frecuencia en textos de carácter técnico e científico:
Coa descrición técnica preténdese dar a coñecer as características reais de persoas, de obxectos, de lugares etc. Neste tipo de descrición procúrase a obxectividade, é dicir, represéntanse as cousas tal como as ve todo o mundo, prescindindo das opinións persoais de quen fai a descrición. Utilízase unha linguaxe denotativa, é dicir, unha linguaxe na que as palabras están tomadas co seu sentido recto. Son abundantes os termos técnicos e os adxectivos especificativos. Presenta unha ordenación lóxica, describíndose primeiro o máis xeral e indo despois ao particular, ou o que está máis próximo para seguir co máis afastado etc. As súas finalidades son:
|
|
Actividade
|
Texto 1
Peirao: 1 sm Plataforma alongada construída á beira do mar ou dun río navegable que serve para facilitar o embarque e desembarque de persoas e mercadorías e de refuxio das naves. xunta.digalego.com
Que información nos dá este texto ademais da descrición dun peirao? |
Texto 2
Piorno: O hórreo tipo palleira ou piorno [...] É de pequeno tamaño. Ten unha cámara máis ben ancha e non moi alta que descansa sobre esteos de pedra de altura media con rateiras individuais, e só en excepcións vese sobre cepas de cachotería ou ten rateiras dobres. O teito é de tella a dúas augas, pero en zonas montañosas pode ser de xisto e mesmo de palla. Ten bastante beiril, especialmente sobre os costais. Non leva terminais, salvo excepcións. Polo xeral ten unha soa porta, que pode ir nun penal o no centro dun costal, e non hai escaleira de fábrica que dea acceso a ela. gl.wikipedia.org
Este texto pertence a unha enciclopedia e o anterior a un dicionario. Serías quen de explicar que diferenzas cres que hai entre enciclopedias e dicionarios? |
|
Texto 3
Venus É o segundo planeta do Sistema Solar e o máis semellante á Terra polo seu tamaño, masa, densidade e volume. Os dous formáronse na mesma época e a partir da mesma nebulosa. Sen embargo, é diferente da Terra. Non ten océanos e a súa densa atmosfera provoca un efecto invernadoiro que eleva a temperatura ata os 480 ºC. É abrasante. www.edugaliza.org
Este texto é dun material para uso escolar; a que materia pertence? Que palabras do texto cres que son vocabulario desa materia? Serías quen de explicar por que Sistema Solar e Terra aparecen con maiúsculas? |
Texto 4
As áreas de estancia destinadas á realización de actividades que requiran a presenza de espectadores deben dispoñer dunha praza reservada a persoas con mobilidade reducida por cada corenta prazas ou fracción, que estarán debidamente sinalizadas. Estas prazas terán unha dimensión mínima de 1,50 m. de lonxitude e 1,00 m. de ancho e estarán ubicadas onda o itinerario peonil accesible. BOE (Decreto sobre condicións de accesibilidade aos espazos públicos, adaptación)
Localiza no dicionario todas as palabras que non coñezas deste texto e anota o seu significado. |
|
Texto 5
A magnetita Coñecida na antigüidade como pedra imán, é un mineral do grupo dos óxidos, moi denso, fráxil, duro e con propiedades ferromagnéticas, é capaz de atraer ao ferro e ao aceiro xunto con outros metais. A súa cor é parda tirando a negra, con brillo metálico. Crese que foi atopada por primeira vez na rexión de Asia Menor coñecida co nome de Magnesia. O primeiro en sinalar as súas propiedades foi Tales de Mileto (século VI a. de C.). A gran aplicación práctica da pedra magnética foi a imantación de barras metálicas a partir das que se construíron os compases que chegaron a Europa a través dos árabes. museovirtual.csic.es (adaptación)
(Luis Pérez, www.flickr.com/photos/pe5pe/)
Esta é a imaxe dun compás: describe con detalle en que consiste ese instrumento. |
Texto 6
Lector de código de barras parlante para persoas cegas e con discapacidade visual Este aparello, presentado nunha bolsa de transporte, consta de dúas partes principais: A) Unha caixa de aluminio que alberga os compoñentes electrónicos precisos para o seu funcionamento e na que están aloxados os mandos e conectores e B) un escáner mans libres, omnidireccional, de lectura láser de códigos de barras con cable fixo que permite a súa conexión coa caixa principal, a través dun porto USB. Atópase ademais un cable alimentador que conecta esta última á rede eléctrica. Imos describir seguidamente cada unha das partes. A) A caixa de aluminio de 25 x 13 x 10 cms, de cor branca marfil, ten forma de prisma, sendo a súa base de apoio rectangular e o seu peso aproximado de 1.730 gr. Exposta de modo que a cara principal se mostre cara arriba encontraremos os seguintes elementos: situado no centro da parte máis afastada atópase un botón de cor amarela e á súa dereita catro pequenas entradas que se corresponden co micrófono (...) utlai.retinosis.org/speak.pdf (adaptación)
Serías quen de dicir a partir do texto para que serve ese aparello? E como cres que funciona? |
|
Texto 7
O taller de Ana Piñeiro en Santiago de Compostela é un auténtico espazo artesán. Grande e luminoso, cheo de materiais coidadosamente ordenados en caixas repartidas por toda a habitación. Ana é a persoa que está detrás de Sago, a marca que comercializa unhas bonecas cheas de detalle e encanto, que ela mesma crea e compón. Xela Cuñarro, en www.dioivo.eu
Dioivo é un medio de comunicación dixital. Accede á súa páxina, observa que seccións ten e toma nota do que precises para despois describir oralmente como é ese xornal dixital. |
Texto 8
FANTÁSTICA VIVENDA IDEAL PARA PARELLAS NOVAS CON FILLOS Véndese FANTÁSTICA vivenda na inmellorable zona da Urbanización Mariñamansa, a 700 m. da saída da autoestrada e a 4 min. da parada de autobús urbano. En 500 m. arredor disponse de todos os servizos: parques, colexio, biblioteca, piscina, polideportivo, campo de fútbol, pistas de tenis, oficina de correos, ambulatorio, bancos, zonas de ocio e grandes superficies comerciais. A vivenda, construída con materiais de alta calidade, consta de soto para 3 vehículos; planta baixa con cociña, dormitorio, salón independente, baño e patio traseiro; primeiro andar con 3 dormitorios, 2 baños e distribuidor; ático con lavadoiro e estancia con acceso á terraza. Ademais conta con 2 terrazas máis independentes. (Anuncio en internet, adaptación)
Redacta un texto similar para poñeres á venda unha bicicleta.
|
|
Texto 9
Ofrécese posto de traballo en
tenda. Funcións: Atención ao público, reposición, mantemento e limpeza. Valorarase: dispoñibilidade e flexibilidade horaria, coñecementos de dietética e nutrición, coñecementos de ofimática, experiencia en atención ao público e experiencia en sectores de actividade similares ao da cooperativa. As persoas interesadas poden escribir a tenda@cooperativa.org www.cooperativaxoaninha.org (adaptación)
Redacta un texto no que contestes a esta oferta de traballo, explicando que cumpres as condicións que se piden (podes inventar e explicar as túas experiencias en postos anteriores para conseguir che dean o traballo).
|
Texto 10
Por cambio de domicilio vendemos moble de salón artesanal, de madeira de piñeiro, vernizado a pistola, como novo, con só seis meses de uso. Ten 3 metros de longo, por 50 cm de ancho e 80 cm de altura. Soporta grandes pesos. Totalmente sólido e elegante. Recollida transporte por cargo do comprador. www.segundamano.es/ (adaptación)
Que información se dá neste texto ademais da descrición do produto.
|