Concordancia e colocación
Concordancia
O adxectivo presenta o mesmo xénero e número que o substantivo ao que modifica; dicimos por iso que o adxectivo concorda co substantivo:
- un día frío (día: masculino singular > frío: masculino singular) / unha noite fría (noite: feminino singular > fría: feminino singular
- unha mazá asada
- uns rapaces barulleiros
- unhas saborosas filloas
Hai veces en que un único adxectivo se refire a máis dun substantivo. Nese caso as normas de concordancia son as seguintes:
a) en canto ao xénero:
- o adxectivo aparece en feminino cando todos os substantivos son femininos:
plantas e flores fermosas
- o adxectivo aparece en masculino cando:
- todos os substantivos son masculinos
vales e montes desertos
- algún(s) substantivo(s) son masculinos e outro(s) feminino(s):
árbores e arbustos frondosos
b) en canto ao número:
- o adxectivo aparece en plural aínda que cada un dos substantivos sexan singulares
púxolle á bicicleta un piñón e unha cadea novos
- cando o adxectivo vai antes dos substantivos, concorda co máis próximo en xénero e número:
púxolle á bicicleta unha nova cadea e pedais
- nestes casos tamén se dá frecuentemente a repetición do adxectivo:
púxolle á bicicleta unha nova cadea e uns novos pedais
Colocación
Na maior parte dos casos o adxectivo vai despois do substantivo ao que modifica:
- a herba verde
- a folla seca
Os adxectivos cualificativos poden ir antes do substantivo; cando o adxectivo antecede aos substantivo destaca máis a cualidade expresada por el: o mar inmenso / o inmenso mar
Nalgúns casos hai unha clara diferenza de significado segundo o adxectivo vaia antes ou despois do substantivo:
- unha muller grande = de grande tamaño // unha gran muller = moi importante, de moita valía
- un home pobre = que non ten diñeiro // un pobre home = un home infeliz
- mercou un novo ordenador = outro máis // mercou un ordenador novo = que non fora usado antes