Como elaborar unha descrición
1º paso
- Debemos observar detalladamente as características e os trazos definitorios do elemento que imos describir. Atenderemos especialmente ás características físicas (de que partes está composto, de que material está feito...), o lugar onde e sitúa, para que se usa ou que función ten...
2º paso
- Escoller o punto de vista que debemos ou queiramos adoptar: obxectivo ou subxectivo, segundo a función do texto que teñamos que redactar: por exemplo, se imos facer un retrato dun personaxe forzosamente debemos ser obxectivos; pola contra se queremos ridiculizar ese mesmo personaxe facendo unha caricatura del adoptaremos un punto de vista subxectivo.
3º paso
- Despois da observación e tendo en conta o punto de vista adoptado, seleccionaremos as características que mellor definen o obxecto que imos describir e que o diferencian doutros da súa especie ou similares a el.
- A descrición non pode ser exhaustiva (non ten sentido dicir absolutamente todo o que se ve nun obxecto, nunha persoa ou nun lugar) senón que se limita aos elementos máis característicos ou interesantes.
- Non se trata polo tanto de “copiar” con palabras os obxectos reais, senón que ao describilos interpretámolos e seleccionamos de entre todas as súas calidades, aquelas que consideremos máis características. A partir dun mesmo obxecto real dúas persoas farán dúas descricións distintas porque seguramente tamén será diferente a maneira de velo, por exemplo porque a unha persoa lle interesarán aspectos que tal vez á outra lle pasen desapercibidos.
4º paso
- Ao elaborar finalmente a descrición seguiremos unha orde determinada: podemos comezar facendo unha panorámica xeral do que describimos e a continuación imos describindo cada unha das súas partes; ou describindo o continente ou exterior e a continuación o contido ou interior. Esa ordenación dependerá do obxecto descrito e do noso criterio persoal, mais os datos deberán estar sempre ordenados, non se pode dar a impresión de saltar dunha parte a outra sen seguir ningunha orde.
Observación para describir un obxecto
Vas facer unha descrición dunha casa. Debes facelo coa precisión suficiente para que as demais persoas da clase poidan identificar que casa estás describindo de entre as dunha serie delas que teñen á vista.
Como exemplo, antes de comezar a pensar na túa descrición, imos observar detidamente a seguinte casa:
Fíxate nos seguintes aspectos:
Actividade
Agora debes facer a descrición oral dunha das casas que aparecen na galería de imaxes seguinte.
Previamente realizarase a asignación de imaxes na aula e a continuación cada persoa observa con detalle a imaxe que lle tocou e toma notas, como mínimo de todos os aspectos destacados no exemplo anterior. Esas notas poden consultarse no momento de facer a descrición pero non está permitido ler a descrición completa.
Despois de 15 minutos para facer a observación e tomar notas, comézanse a facer as descricións oralmente. O resto do alumnado debe ir observando todas as imaxes para descubrir de que casa se trata. Cando remate cada descrición entre toda a clase coméntanse os aspectos que a persoa que falaba non describiu correctamente e os que mellor describiu.
Unha vez rematada esa actividade, asígnanse de novo as imaxes e cada persoa debe elaborar un anuncio para poñer á venda a casa que lle tocou agora. Interesa vendela, polo tanto deben destacarse os seus aspectos máis atractivos.