Saltar navegación

2.7 Técnicas de separación de mesturas

Como podemos separar as substancias que forman unha mestura? Moitas veces separámolas usando procedementos físicos, dependendo das propiedades das substancias mesturadas. Vexamos estas técnicas.

  • Peneiradura. É útil para separar sólidos mesturados que teñan grans de distinto tamaño. Por exemplo, podemos separar a area fina mesturada con grava, o café da borra, ou o zume de laranxa da polpa.
  • Filtraxe. Úsase para separar un sólido insoluble mesturado cun líquido; as partículas sólidas quedan retidas no filtro e o líquido pasa a través del.
  • Decantación. Se un sólido é insoluble no líquido e está depositado no fondo do recipiente, podémolos separar inclinando o vaso e derramando o líquido noutro recipiente; os sólidos quedarán no vaso orixinal. Podemos así separar, por exemplo, auga e area, ou sal de limaduras de ferro se antes disolvemos o sal.

A decantación tamén se usa para separar dous líquidos inmiscibles (que non se mesturan entre si), como auga e aceite. Faise cun funil de decantación, como o da figura de abaixo.

  • Cristalización. Esta técnica é adecuada cando un sólido se disolveu nun líquido; evaporando o líquido o sólido quedará no fondo do recipiente. Se a evaporación é lenta o sólido formará cristais con formas xeométricas. Este procedemento úsase, por exemplo, para extraer o sal da auga do mar.
  • Destilación. Permite separar os líquidos dunha mestura se ferven a temperaturas bastante diferentes. Ao quentar a mestura evapórase antes a substancia que ferve a temperatura máis baixa. O vapor desprendido arrefríase, condensa a líquido e recóllese aparte. Observe como se fai na figura que se xunta abaixo.

Cristalización 

Cristalización

Peneiradura 

Peneiradura

 Funil de decantación

Funil de decantación

Destilación 

Destilación

  • Cromatografía. Cando os líquidos dunha mestura teñen diferente solubilidade nun disolvente ou afinidade por un substrato, podemos separalos mediante cromatografía. Hainas de varios tipos: en papel, en columna ... Aquí veremos a máis sinxela: a cromatografía en papel, nunha das actividades seguintes.
  • Separación magnética. Está indicada cando un dos compoñentes da mestura é un metal ferromagnético (ferro, cobalto, níquel, etc.). Pódense separar estes metais simplemente pasando un imán pola mestura. Por exemplo, podemos separar así limaduras de ferro mesturadas con limaduras de aluminio.

 

 

Actividades prácticas

  • Filtraxe. Mesture terra e auga nun vaso, remexa e espere a que decanten os grans máis grosos. Logo filtre o líquido cun papel del filtro (vale o das cafeteiras).
  • Cristalización. Disolva 150 g de sulfato de cobre pentahidrato, CuSO4.5H2O, en 150 mL de auga moi quente. Se non se disolve todo o sulfato, decante o líquido nun vaso de boca ancha. Déixeo en repouso e agarde a que vaia evaporando a auga (levará horas ou días). No fondo irán formándose cristais azuis de sulfato de cobre.
  • Cromatografía en papel. Nunha tira de papel de filtro de 5 cm x10 cm aproximadamente debuxe un punto groso (un círculo) cun rotulador negro. Meta a tira de papel dentro dun vaso cunha disolución de auga e etanol de xeito que se molle só a parte inferior do papel; o punto negro debe quedar por riba do líquido. A disolución subirá por capilaridade polo papel e arrastrará aos compoñentes da tinta do rotulador, separándoos xa que uns avanzarán máis que outros.
 

 

 

Actividade proposta

S20. Que métodos empregaría para separar as substancias compoñentes nas mesturas seguintes:

  • Gasolina e auga

 

  • Aceite e limaduras de ferro

 

  • Cloruro sódico (sal) disolvido en auga

 
  • A polpa do limón logo de preparar un zume

 
  • O alcohol do viño tinto

 
  • Sal e fariña

 

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0