Saltar navegación

2.10 Recuncho de lectura

Unha mestura perigosa: o tabaco

O tabaco é un produto vexetal obtido das follas de varias plantas do xénero Nicotiana, en concreto Nicotiana tabacum. O tabaco está composto polo alcaloide nicotina, que está na folla da planta en proporcións variables, entre o 1 % e o 12 %. O resto é o alcatrán, substancia escura e resinosa composta por varias substancias químicas, moitas delas xeradas pola combustión do cigarro, como cianuro de hidróxeno, monóxido de carbono, dióxido de carbono, óxido de nitróxeno, amoníaco, etc.

Segundo a OMS (Organización Mundial da Saúde) hai no mundo máis de 1.100 millóns de fumadores e fumadoras, que consomen unha media diaria de 14 cigarros, o que representa un total de 5.6 billóns de cigarros cada ano.

Actualmente o xeito de consumo máis habitual é a inhalación dos produtos de combustión do tabaco. No extremo do cigarro que se está a queimar alcánzanse temperaturas altísimas.

Os cigarros modernos teñen moito máis que tabaco. Conteñen nicotina, que é unha droga altamente aditiva, e ademais mestúranse centos de aditivos que van desde adozantes ata compostos amoniacais. Aínda que as compañías tabaqueiras xeralmente alegan que moitos dos aditivos que usan están aprobados para o consumo humano, as súas propiedades químicas altéranse cando son sometidos ás altas temperaturas que se alcanzan no extremo, facéndoos potencialmente tóxicos ou activos farmacoloxicamente.

Aditivos como o amoníaco elevan o nivel do pH do fume do cigarro, xerando altos niveis de nicotina "libre" que se absorbe máis rapidamente no organismo humano. Engádense edulcorantes e sabores artificiais que enmascaran o desagradable sabor do tabaco facéndoo máis agradable para os nenos e para os que se inician no seu consumo. O mentol e outros úsanse coa finalidade de adormecer a gorxa de xeito que os fumadores non sintan os efectos irritantes do fume.

Recentemente as industrias tabaqueiras foron obrigadas a publicar os ingredientes dos cigarros. Esas interminables listaxes (http://www.altadis.com/es/corporate/documents/20061231-Ingtab_07_RYO-ES.pdf) evidencian os aditivos que se lles engaden ás máis de vinte substancias tóxicas e canceríxenas que se liberan de forma natural ao queimar o cigarro.

Algúns ingredientes perigosos son:

  • Acetaldehido. Traballa en sinerxía coa nicotina co fin de incrementar a adicción.

  • Acetona. Disolvente tóxico.

  • Amoníaco. Facilita a absorción da nicotina.

  • Cadmio. Canceríxeno.

  • Monóxido de carbono. Tóxico, impide a chegada de osíxeno ao sangue.

  • Cacao. Adozante e broncodilatador, permite inhalar o fume máis profundamente.

  • Formaldehido. Posible canceríxeno.

  • Nitrosaminas. Canceríxenas.

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0