2.3.1 Redondeo dun número decimal
Medimos cunha regra a lonxitude dunha barra de ferro e resulta ter 427 milímetros. A cantidade máis pequena que pode medir esa regra é dun milímetro. Se agora cortamos a barra en tres partes iguais, canto mide cada unha delas? Semella fácil sabelo, non? Pois mide 427:3 = 142,33333... milímetros. Isto é o que aparece na pantalla da calculadora, se o fai con ela, pero... podemos aceptar isto como resultado? Non podemos; estariamos dicindo que cada parte mide 142 milímetros e 3 décimas e 3 centésimas e 3 milésimas de milímetro e 3... Pero é falso, a nosa regra non é capaz de medir nin décimas nin centésimas de milímetro! Xa que logo, hai que redondear (truncar) o resultado. Neste exemplo, o correcto é escribir que un terzo da barra mide 142 milímetros. Estas son as cifras significativas: as cifras que podemos afirmar que son correctas.
Cando redondeamos un número decimal cómpre fixarse no primeiro decimal que se rexeita. Se é un 4 ou menor, truncamos o número tal como está; se é 5 ou maior, engadimos 1 ao último decimal que collemos. Fíxese como se fai nos exemplos seguintes:
3,1825 → 3,18
2,93549 → 2,94
2,93549 → 2,9
2,93549 → 2,935
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0