2.5 Estados de agregación da materia
Se observamos arredor de nós atopamos que a materia pode estar en tres estados: sólido, líquido e gasoso. Estas tres formas de presentarse a materia chamámolas estados de agregación da materia. A razón do termo "agregación" verémola na seguinte unidade didáctica.
En cada un destes estados a materia posúe propiedades diferentes; revisamos deseguido algunhas delas.
- Sólido. A maioría dos obxectos que utilizamos son sólidos: ferramentas, moblaxe, libros, roupa, electrodomésticos, etc. Teñen forma fixa, aínda que facendo forza neles poidan deformarse; se os comprimimos case non diminúen de volume (agás que teñan ocos ou poros con aire no seu interior). Non se difunden e non poden fluír.
- Líquido. Non teñen forma fixa, adáptanse á forma do recipiente onde estean metidos (vaso, botella, etc.). Non son compresibles: se os comprimimos case non diminúen de volume. Son fluídos, é dicir, poden esvarar sobre unha superficie ou moverse facilmente polo interior de tubos. Tampouco se difunden.
- Gasoso. Non teñen forma fixa nin volume constante. Os gases espállanse por todo o volume do recipiente que os contén: difúndense. Tamén son fluídos como os líquidos.
No cadro seguinte recollemos as propiedades dos gases, sólidos e líquidos.
-
Estados de agregación da materia
Sólido
Líquido
Gasoso
-
Volume
Fixo
Fixo
Variable
-
Forma
Teñen forma propia
Non teñen forma propia
Non teñen forma propia
-
Comprensibilidade
Non diminúen de volume
Non diminúen de volume
Cambian de volume
-
Difusión
Non se difunden
Non se difunden
Difúndense
-
Actividades propostas
S17. Podemos atopar moitas substancias nos tres estados: a auga é o caso máis coñecido, xa que pode ser sólida (xeo ou neve), líquida e gasosa (vapor). Coñece outras substancias que poidan estar en dous ou tres estados de agregación?
S18. Diga se son verdadeiras ou falsas estas afirmacións. Explique as súas respostas.
a) Como un sólido ten forma fixa, daquela non pode cambiar de forma.
b) Os líquidos e os gases móvense con dificultade polo interior dos tubos.
c) Os líquidos e os gases difúndense polo recipiente no que están contidos.
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0