Saltar navegación

1.6.3 Relacións entre estados

Existen máis de 200 estados no mundo, entre os que se establecen complexas relacións políticas e económicas.

  • No ámbito político: as relacións internacionais actuais caracterízanse polos seguintes trazos:

    • Os Estados Unidos son unha grande potencia económica e militar, pero con menos capacidade para dirixir un espazo económico e político mundial que cada vez é máis complexo. As potencias políticas establecen acordos multilaterais.

    • O islamismo político introduciuse no panorama internacional como un fenómeno de grande importancia, nomeadamente en estados como Irán ou Afganistán, e cunha presenza significativa en moitos estados musulmáns.

    • O maior protagonismo dunha potencia emerxente, China, que cada vez ten máis peso económico e militar no mundo, o que xera certas inquedanzas e desconfianzas.

  • No ámbito económico: os países do mundo desenvolvido con más importancia e con economía máis dinámica son Canadá e os Estados Unidos, en Norteamérica; Xapón, en Asia; e os países da Unión Europea. Na actualidade, sofren todos unha profunda crise económica con grave repercusión mundial.

Podemos dividir o resto dos países nestes dous grandes grupos:

    • Países en desenvolvemento. Están situados en zonas moi activas economicamente e que ofrecen vantaxes á implantación das empresas estranxeiras, xa que proporcionan man de obra barata, escasa normativa de carácter ambiental e gobernos fortes: China, India e Corea do Sur.

En América Latina existe unha situación complexa. Nalgúns países estase dando un proceso de crecemento económico e de fortalecemento de réximes democráticos: Brasil e Chile.

Noutros casos, os intentos de saír do subdesenvolvemento mestúranse con procesos políticos vistos con desconfianza desde os países occidentais: Venezuela ou Bolivia.

    • Países pobres. Localizados na África subsahariana, sofren unha continua explotación dos seus recursos naturais por parte dos países desenvolvidos. Estes apoian os Gobernos corruptos que favorecen os intereses das grandes potencias. A pobreza obriga a moitas persoas a emigrar a Occidente.

A este grupo pertencen tamén os países esquecidos, que carecen de recursos e están sumidos en inacabables guerras: O Congo, Sudán, Somalia...

Declaracións e organismos internacionais

A globalización favoreceu o desenvolvemento das relacións entre estados como recurso para promover o crecemento xeral e solucionar problemas. Con este fin, os estados asinan tratados, convenios e declaracións internacionais de dereitos, e comprométense a actuar no control das armas, no cambio climático... Entre as declaracións internacionais de dereitos máis importantes están a Declaración Universal de Dereitos Humanos, a Declaración de Dereitos dos Nenos, e a da Eliminación da Discriminación da Muller.

Co mesmo fin, os estados crean organismos internacionais, de ámbito rexional e mundial. A organización de ámbito mundial máis importante son as Nacións Unidas (ONU).

Pero no mundo globalizado tamén medra a importancia dos espazos locais ou rexionais, que poden ser rexións moi consolidadas, como as comunidades autónomas españolas; ou cidades globais, como Nova York, Toquio ou Londres.

  • Organización das Nacións Unidas (ONU). É unha organización universal que propón a cooperación entre todos os países da comunidade internacional. Dela depende unha serie de organismos cunhas competencias específicas e que se ocupan da cooperación en ámbitos moi definidos. A Organización das Nacións Unidas creouse tras finalizar a II Guerra Mundial, en outubro de 1945, para favorecer o diálogo e o benestar internacional, e a solución pacífica dos conflitos, e evitar o recurso á guerra. Actualmente conta con 192 membros, é dicir, a práctica totalidade dos estados do planeta.

Os seus principios fundamentais son os seguintes:

    • Respecto á soberanía e á independencia de todos os países integrantes.

    • Defensa dos dereitos humanos.

    • Fomento da cooperación pacífica.

    • Prohibición do uso da forza nas relacións internacionais.

E estes son os seus obxectivos:

    • Mantemento da paz e da seguridade colectiva.

    • Fomento do progreso económico e social no mundo.

    • Defensa dos dereitos humanos e respecto pola libre determinación dos pobos.

Principais órganos das Nacións Unidas

  • Asemblea Xeral.

  • Consello de Seguridade.

  • Consello Económico e Social.

  • Tribunal Internacional de Xustiza.

  • Alto Comisionado de Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR).

  • Fondo Internacional das Nacións Unidas para o Socorro á Infancia (UNICEF).

 

Algunhas institucións especializadas das Nacións Unidas

  • Banco Mundial.

  • Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO).

  • Fondo Monetario Internacional (FMI).

 

Outros organismos internacionais

  • Tribunal Penal Internacional.

  • Fondo Mundial para a Natureza (WWF).

  • Organización Meteorolóxica Mundial.

  • Consello de Europa.

  • Organización de Estados Americanos (OEA).

 

Declaración Universal de Dereitos Humanos

10 de decembro de 1948, Asemblea Xeral das Nacións Unidas

Dereito:

  • Á liberdade e á igualdade en dignidade e dereitos.

  • A non sufrir ningún tipo de discriminación.

  • Á vida, á liberdade e á seguridade.

  • A non ser sometido a escravitude nin a servidume.

  • A non ser sometido a tortura, penas ou tratos crueis, inhumanos ou degradantes.

  • Ao recoñecemento da personalidade xurídica.

  • Á igualdade fronte a lei.

  • A un recurso efectivo contra os actos que violen os dereitos fundamentais.

  • A non ser arrestado, detido ou desterrado arbitrariamente.

  • A un xuízo independente e imparcial.

  • Á presunción de inocencia.

  • Á non inxerencia arbitraria na vida privada.

  • Á libre circulación e elección de residencia.

  • Ao asilo.

  • A unha nacionalidade.

  • A casar e fundar unha familia con pleno e libre consentimento dos futuros esposos.

  • Á propiedade.

  • Á liberdade de pensamento, conciencia e relixión.

  • Á liberdade de opinión e expresión.

  • Á liberdade de reunión e asociación.

  • A participar no goberno do país.

  • Á seguridade social.

  • Ao traballo.

  • Ao descanso e á disposición do tempo de lecer.

  • A un nivel de vida que asegure a saúde e o benestar propios e da familia.

  • Á educación.

  • A tomar parte libremente na vida cultural da comunidade.

  • A unha orde social que garanta os dereitos desta Declaración.

  • A uns deberes cara á comunidade e ás limitacións establecidas pola lei para asegurar o recoñecemento e respecto dos dereitos e liberdades alleos.

  • A que ningunha disposición da Declaración poida interpretarse de xeito que un Estado, grupo ou individuo poida destruír algún dereito.

 

A Organización Internacional do Traballo (OIT) prohibe a contratación laboral de menores de 15 anos. Estímase en 250 millóns o número total de traballadores infantís no mundo, distribuídos así: 60 % en Asia, 32 % en África, 7 % en Latinoamérica e 1 % no resto do mundo.

O persoal infantil é preferido por ter mans pequenas para a recolleita nocturna de flores de xasmín destinadas a elaborar perfumes, para confeccionar alfombras ou para fabricar balóns de fútbol.

Tamén se aproveitan da explotación infantil a industria metalúrxica, a pirotecnia, as fábricas de mistos, de vidro ou de ladrillos.

A explotación infantil eiva o desenvolvemento natural das persoas por malnutrición, doenzas, lesións, amputacións, torturas e analfabetismo, entre outras desgrazas que propician a delincuencia e a degradación.

A Unicef recomenda que os países adopten o principio de “máxima prioridade para a infancia”: dedicación prioritaria dos recursos sociais á protección do desenvolvemento físico e psíquico de nenos e nenas.

Grandes empresas comerciais e industriais recuaron na contratación de menores para as súas factorías do sueste asiático, pola presión da cidadanía europea e norteamericana, que consome os seus artigos.

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0