1.5 A responsabilidade cidadá
Os impostos
Os impostos son contribucións económicas que os cidadáns fan ao Estado e ás institucións para organizaren a vida social, contribuíren a soster os servizos públicos do Estado e responderen ás necesidades de todos os membros da sociedade. A través dos impostos distribúense os recursos e os bens entre a cidadanía, para garantir a igualdade de oportunidades e a protección dos membros máis débiles da sociedade.
Tipos de impostos
-
Directos: gravan os ingresos e as propiedades das persoas. Establécense sobre unha base de porcentaxes progresivas sobre o nivel de renda de cada individuo.
-
O imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) é un imposto persoal e directo sobre a renda obtida polas persoas residentes en España nun ano. A renda pode proceder dos rendementos de traballo, do capital mobiliario e do inmobiliario, dos rendementos das actividades económicas, e das ganancias e perdas patrimoniais.
-
O imposto de sociedades (IS) é o que recae sobre os beneficios das empresas.
-
Indirectos:o imposto sobre o valor engadido (IVE) é un imposto que afecta a quen adquira ou reciba un ben ou servizo. Existen outros impostos indirectos sobre o consumo de determinados produtos, como a gasolina, o alcohol ou o tabaco.
En España, a Axencia Tributaria recada os impostos; depende do Ministerio de Economía e Facenda. Parte desa recadación é xestionada polas comunidades autónomas. Os concellos e as comunidades autónomas teñen e xestionan, ademais, impostos propios.
Todas as persoas de nacionalidade española cun traballo remunerado teñen a obriga de pagar impostos e facer a declaración da renda anual, onde se teñen que declarar os bens persoais, as ganancias recibidas e os impostos pagados no ano. Págase en proporción ao que se gaña. Na declaración da renda pódense desgravar as contribucións ás organizacións humanitarias.
-
Os nosos impostos serven para:
-
Soster a seguridade social e garantir a atención médica a todos.
-
Pagar as pensións aos xubilados e as prestacións por desemprego ás persoas en paro.
-
Facilitar a educación gratuíta a todos.
-
Construír vivendas sociais e de protección oficial para as persoas sen vivenda ou máis necesitadas.
-
Construír e xestionar estradas e ferrocarrís, e mellorar os sistemas de transportes do Estado.
-
Construír hospitais, escolas, centros sociais, museos e centros de lecer.
-
Manter as forzas de seguridade do Estado: a policía, a garda civil e o exército.
-
Desenvolver políticas de benestar social para os grupos máis desfavorecidos.
-
Recollida de lixos, abastecemento de auga potable.
-
Orzamentos xerais do Estado
Os Gobernos presentan cada ano os orzamentos xerais do Estado ao Parlamento encargado de aprobalos.
Nos orzamentos aparece, por capítulos e actividades, a previsión de gastos do Estado para ese ano e, ao mesmo tempo, reflíctense os ingresos necesarios facer fronte a eses gastos.
Bens de uso común
Son os camiños, as canles, os ríos, os portos, as pontes, as praias, os parques e os edificios públicos: escolas, universidades, bibliotecas... Os recursos naturais e os bens de uso común son de libre acceso para todos. Non se pode prohibir o seu uso pero si pode limitarse.
O Estado pode intervir para favorecer a súa conservación e o seu mantemento, e para evitar o abuso ou os atentados contra eles.
Servizos públicos
Son os que lles ofrece o Estado aos cidadáns a través das administracións e que teñen como fin mellorar a vida en comunidade e facer efectivos os dereitos fundamentais desa cidadanía. Algúns servizos son:
-
Xustiza: lévana a cabo xuíces e maxistrados.
-
Educación pública: o Estado ofrece educación obrigatoria gratuíta a todos os nenos e nenas, constrúe e mantén escolas e institutos, paga e forma o profesorado.
-
Sanidade pública: en España a súa cobertura é universal, e a súa calidade é envexada en moitos países do mundo.
-
Seguridade pública, a través dos corpos de seguridade como a Policía Nacional, a Garda Civil, as policías autonómicas e locais.
-
Investigación, axuda ao desenvolvemento científico e tecnolóxico.
-
Transportes públicos e rede de estradas e ferrocarrís públicos.
Responsabilidades cívicas
A pertenza a unha comunidade política democrática permítenos, como cidadáns e cidadás, desenvolver un xeito de vida máis acorde coa nosa dignidade de persoas. Pero iso esixe un compromiso individual coa comunidade, a responsabilidade cara aos demais membros desa comunidade e cara aos bens comúns que compartimos e que debemos coidar.
Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0