1.2.2 Historia da democracia
A historia da democracia remóntase ao século V antes de Cristo en Atenas. Filósofos gregos como Platón e Aristóteles estudárona especialmente.
Segundo Aristóteles, democracia é aquela en que a maioría goberna en beneficio do interese xeral. En Atenas, todos os cidadáns, reunidos en asemblea, participaban no goberno da “cousa pública”. Isto era posible polo reducido número de cidadáns, pois quedaban excluídos os escravos e as mulleres.
As primeiras declaracións dos dereitos das persoas apareceron a finais do século XVII. Estes dereitos son a liberdade, a igualdade ante a lei e a garantía ante a opresión.
Nos séculos XIX e XX recoñécense outros dereitos que melloran a situación dos máis pobres: dereito ao traballo, á seguridade social… A comezos do século XX, estes últimos dereitos empezaron a ser recoñecidos nas constitucións dos distintos estados.
Actualmente é necesaria a representación: o pobo goberna indirectamente por medio dos seus representantes. O sistema democrático considérase na actualidade o máis perfecto; proclámase como fin supremo da vida política pola maioría dos estados.
-
Os cidadáns atenienses xuntábanse na ágora ou praza pública para falar de toda clase de asuntos e discutir sobre os problemas e o goberno da cidade ou pole.

A Revolución Inglesa de 1689, a Declaración de Independencia de Estados Unidos de América en 1776, e a Revolución Francesa en 1789, coa proclamación dos Dereitos do Home e do Cidadán, foron os fitos que marcaron o inicio do proceso de asentamento da democracia e do liberalismo. Nun primeiro momento, estes sistemas tiñan moitas limitacións. Por exemplo, nin as mulleres, nin os pobres, nin os criados tiñan dereito ao voto. O sufraxio era restrinxido, só os máis ricos podían votar.
-
A Constitución de Estados Unidos de Norteamérica é a máis antiga do mundo. Nela reflectíronse politicamente as ideas de democracia, liberdade e felicidade

-
Declaración dos dereitos do home e do cidadán. Este texto inspirou a Constitución francesa de 1791, que serviu de modelo para os demais países europeos.

Actividades propostas
S1. En sociedade.
-
Somos autosuficientes ou necesitamos dos demais?
-
Que convén facer para convivir pacificamente?
-
Escriba as actitudes favorecedoras da convivencia.
-
Como deben ser tratadas as minorías, segundo o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos?
S2. Pluralismo.
-
Que é unha sociedade pluralista?
-
Como se manifesta o pluralismo político?
-
Por que necesitamos organizarnos?
S3. Democracia.
-
Cal é a etimoloxía da palabra democracia?
-
Onde naceu a democracia?
-
Que valor ten o conxunto dos cidadáns e cidadás nunha democracia?
Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0