Saltar navegación

1.1.1 Convivencia

 A convivencia entre persoas non sempre é unha realidade: no contorno planetario vemos odios, guerras, violencia, explotación; imponse a lei do máis forte: o grande ataca o pequeno, a maioría maltrata a minoría, os listos enganan os crédulos…

Con todo, na sociedade actual tamén se dan actitudes e valores moi positivos e favorecedores da convivencia. Un dos obxectivos de toda sociedade é convivir pacificamente:

  • Tolerando e respectando as formas diferentes de pensar e de comportarse.

  • Participando na vida da comunidade: eleccións, asociacións…

Actitudes positivas para a convivencia

Condición indispensable para que a convivencia sexa posible é a existencia dunhas actitudes persoais de:

  • Tolerancia. Tolerancia para aceptarmos formas de pensar diferentes á nosa. Pola contra, a intolerancia, o non admitir o punto de vista dos demais, é causa habitual de conflitos.

A democracia implica un compromiso coa tolerancia. A tolerancia supón convivir con quen non esteamos de acordo; aceptalo e valoralo como persoa. O verdadeiro demócrata acepta e tolera a quen defenda outras ideas e outros intereses. Os gobernantes, pola súa parte, teñen a obriga de atender as minorías.

Ata que punto se debe ser tolerante cos intolerantes? A democracia debe aceptar a existencia de grupos que defenden ideas pouco tolerantes, e mesmo debe darlles facilidades para poderen defendelas, se non atentan contra os principios da democracia.

  • Civismo. O civismo é unha actitude persoal que fai máis agradable a vida do grupo. O civismo é a primeira condición para que exista convivencia pacífica.

Esta actitude tense que manifestar sempre: na familia, no traballo, no centro de ensino, nos lugares de lecer, na rúa..., respectando as instalacións de servizo público e mantendo limpa a natureza.

Unha forma extremada de incivismo é a violencia, primeiro atranco para unha convi-vencia pacífica. Pódense dar moitas manifestacións de violencia, desde a violencia civilizada imposta polos grupos económicos, políticos e sociais poderosos, ata a violencia exhibida polos grupos sociais marxinados da sociedade. A violencia que atenta contra a vida das persoas é a delincuencia e o terrorismo, diferentes nas causas, pero coincidentes nos resultados.

  • Igualdade. Todos somos esencialmente iguais e temos os mesmos dereitos fundamentais, pero non as mesmas oportunidades: mentres uns son moi ricos, outros son moi pobres; mentres uns poden chegar facilmente á cultura, outros quedan analfabetos por falta de medios; mentres uns teñen traballo, outros están en paro.

Nunha democracia todos somos iguais: gozamos dos mesmos dereitos e temos acceso aos bens necesarios para unha vida digna. Todas as persoas debemos ser tratadas en igualdade de condicións na xustiza, na educación, na asistencia médica...

  • Pluralismo. Non se poden rexeitar formas de pensar ou estilos de vida polo feito de seren diferentes aos nosos. Nisto consiste o pluralismo; nunha sociedade tan diversificada como a actual é imposible a uniformidade entre todos os seus membros. O pluralismo resulta enriquecedor. Circunstancias de raza, relixión, nacionalidade… orixinan comportamentos diferentes, pero non rexeitables.

A desigualdade e a intolerancia traen fame, paro, racismo, emigración forzada e xenofobia.

  • Diálogo. O diálogo, a comunicación entre persoas, é fundamental para a convivencia. Normalmente estamos xordos á opinión do veciño, ao problema do próximo, porque nos escoitamos a nós mesmos. O diálogo debe empezar na familia. Casos de adicción e de inadaptación social poden nacer na falta de diálogo.

 

Nos estados onde existan minorías étnicas, relixiosas ou lingüísticas, non se lles negará ás persoas que pertenzan a tales minorías o dereito que lles corresponde:

  • Ter a súa propia vida cultural.

  • Profesar e practicar a súa relixión.

  • Empregar o seu idioma propio.

Pacto internacional dos dereitos civís e políticos. ONU

 

 

   

As actitudes persoais de tolerancia, civismo, igualdade e diálogo son indispensables para a convivencia

 

 

O berro, cadro do pintor noruegués Edvard Munch (1863-1944).

 

 

 

 

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0