Saltar navegación

1.2.1 Necesitamos organizarnos

Se vivimos en sociedade necesitamos organizarnos para que os dereitos que cada un cre ter non reduzan os dereitos dos demais.

Un xeito de organizar a convivencia é a democracia, o mellor dos sistemas políticos coñecidos. A democracia é unha forma de goberno en que o pobo é o titular do poder e se goberna a si mesmo. En frase de Lincoln, é o “goberno do pobo, polo pobo e para o pobo”.

Unha situación democrática esixe máis de todos os compoñentes da sociedade; é unha actitude ante a vida; e os principios de respecto, tolerancia e participación teñen que impregnar todas as relacións humanas.

O pobo é o titular do poder: con esta frase quérese dicir que a comunidade ten unha decisiva influencia no exercicio do poder político. Pero o pobo non exerce realmente o poder, pois o goberno é asumido por unha minoría.

A democracia fundaméntase no consentimento dos gobernados. Este consentimento fundamenta a lexitimidade dos poderes constituídos.

Na orixe da palabra "democracia" está demos "pobo" e cratos "soberanía". Unha democracia debe apoiarse na igualdade ante a lei: igualdade de opción para os cargos públicos, igualdade de sufraxio e igualdade nos impostos.

As persoas somos o centro da sociedade. As sociedades organízanse para defender os dereitos dos seus membros.

 

 

Abraham Lincoln (1809-1865), presidente dos Estados Unidos de Norteamérica.

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0