1.5.1 A participación cidadá nos estados democráticos
Nos réximes democráticos podemos agruparnos segundo opinións, crenzas ou sistemas de valores. Esta é a orixe das asociacións voluntarias de persoas que actúan como intermediarios entre a cidadanía e o Estado. A cidadanía pode participar activamente no propio centro educativo, nas asociacións veciñais, nas decisións políticas locais, ou nas de carácter autonómico, estatal e europeo.
En Galicia tivemos exemplos claros de participación e de cidadanía activa, como o caso do Prestige e as mobilizacións que orixinaron o movemento Nunca Máis. Outros exemplos de mobilización cidadá foron o movemento contra a guerra de Iraq e as mobilizacións e acampadas do 15-M, no que milleiros de persoas, especialmente mozos e mozas, pedían cambios radicais na situación laboral do país e unha rexeneración do sistema democrático.
Tipos de asociacións voluntarias
-
Partidos políticos. Son asociacións voluntarias de persoas, perdurables no tempo, dotadas dos seus programas de goberno da sociedade e que canalizan os intereses dos seus representados mediante a súa concorrencia aos procesos electorais. Cada partido presenta os seus candidatos ás eleccións. Cada partido ten a súa ideoloxía, que se reflicte nun programa político propio. Entre as súas funcións destacan:
-
Ser instrumentos de participación política.
-
Mobilizar a opinión pública.
-
Canalizar as correntes de opinión ou ideoloxía: dereita, centro e esquerda.
-
Representar o pobo durante un período determinado entanto que exercen o goberno ou están na oposición. Segundo os votos obtidos, cada partido político ha conseguir un número determinado de parlamentarios, que defenderán os puntos de vista do seu partido no Parlamento.
-
Os partidos preséntanlle á cidadanía os seus programas, nos que recollen os obxectivos que se propoñen alcanzar se acceden ao poder, así como os candidatos e as candidatas que concorren ás eleccións.
-
Sindicatos de traballadores. Son organizacións de traballadores que se asocian para mellorar as condicións laborais e o salario. Nas primeiras décadas do século XIX xurdiu o sindicalismo ou asociacionismo obreiro. Entre as súas funcións están:
-
Representar os intereses dos seus afiliados.
-
Fixar xunto cos empresarios os salarios e as condicións laborais mediante a negociación colectiva.
-
Convocar folga como presión laboral. Manifestación das reivindicacións obreiras.
-
Asociacións profesionais: colexios de avogados, médicos, farmacéuticos…
-
Asociacións de base: asociacións de veciños, de barrio, de estudantes...
-
Organizacións non gobernamentais (ONG). Son entidades de carácter privado e independentes dos estados e dos partidos políticos. Desenvolven un labor humanitario e ecolóxico fundamental, xa que complementan xeralmente o labor e as accións dos estados e dos organismos internacionais.
Ante a situación dalgúns estados con gobernos incapaces de atender as necesidades máis elementais da poboación, desde a década de 1970 fundáronse ONG, como organizacións nacionais ou internacionais constituídas por voluntarios. Para lograren os seus obxectivos, financian proxectos propios e mobilizan a conciencia da opinión pública, para obrigar así os Gobernos a aplicar políticas que resolvan os graves problemas dos países do Terceiro Mundo.
As ONG preséntanse como unha vía alternativa que evitan a burocracia que tan frecuentemente paraliza a acción dos Gobernos. Fináncianse coas contribucións dos seus socios (particulares, empresas ou asociacións). Desde finais do século XX a influencia das ONG foi medrando, e aumentaron o seu campo de acción e os seus proxectos.
Hai ONG de diversos tipos:
-
As que promoven accións humanitarias (prevención ante a fame ou catástrofes naturais): Cruz Vermella, Mans Unidas, Intermón-Oxfam, Médicos sen Fronteiras...
-
As que promoven os dereitos humanos: Amnistía Internacional.
-
As que traballan para protexer a natureza e o medio natural: Greenpeace, WWF...
O poder de convocatoria e a influencia das ONG está a medrar, xa que asumen as funcións que son propias dos estados alí onde os gobernos se desentenden ou non as poden asumir nin cumprir adecuadamente:
-
Solucionan problemas de urxencia (acción humanitaria).
-
Afrontan o desenvolvemento integral das persoas (saúde, cultura e tecnoloxía).
-
Conciencian a cidadanía respecto ás causas que hai que defender.
-
Exercen presión sobre os gobernos e empresas.
-
A organización de axuda aos presos Amnistía Internacional utilizou este cartel para chamar a atención sobre a existencia de torturas en moitos países. Esta expresión de violencia é resultado moitas veces de ideas racistas ou integristas.

Actividades propostas
S20. Impostos:
-
Como poden ser os impostos?
-
Para que serven os nosos impostos?
S21. Orzamentos:
-
Que aparece nos orzamentos de cada ano?
-
Que son bens de uso común?
-
Escriba o nome dalgún servizo público.
S22. Participación cidadá
-
Como poden participar os cidadáns nunha democracia?
-
Escriba os nomes de partidos políticos, sindicatos e ONG que coñeza.
-
Partidos políticos
Sindicatos
ONG
Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0