1.2.4 Ideas clave da democracia
A soberanía
Nos estados democráticos a soberanía, o exercicio do poder, reside no pobo, porque os seus cidadáns elixen os seus gobernantes e posúen vías para participar na política.
O sufraxio
Nunha democracia, as opinións de todas as persoas contan igual. Por iso se usa un procedemento para expresar a vontade popular:o voto de todos os cidadáns e de todas as cidadás, coñecido como sufraxio universal.
As eleccións democráticas deben ser:
-
Libres: calquera cidadán e cidadá pode presentar a súa candidatura a esas eleccións.
-
Plurais: os electores poden votar diferentes opcións ou partidos políticos.
-
Por sufraxio universal: todas as persoas maiores de idade poden votar sen ningún tipo de discriminación.
-
Periódicas: as eleccións repítense cada certo tempo (establecido pola lei).
Estas son as etapas na historia do sufraxio:
-
Sufraxio restrinxido ou censatario: só votaban os homes con certo nivel de riqueza
-
Sufraxio universal masculino: só votaban os homes.
-
Sufraxio universal: votan todas as mulleres e todos os homes.
A Constitución
Nunha democracia todas as persoas, nomeadamente as que teñen o poder, deben respectar a Constitución, que é unha lei ou un conxunto de leis básicas aprobadas por votación que rexen un país. Estas leis indican a forma de goberno, os dereitos e os deberes da cidadanía, e o funcionamento xeral do Estado.
-
En 1812 promulgouse en Cádiz a primeira Constitución española

Maiorías e minorías
A soberanía popular maniféstase mediante o voto. A decisión maioritaria adóptase como vontade xeral, como criterio para tomar decisións que afectan a todas as persoas. Isto é básico na democracia. Podemos estar en desacordo coa decisión da maioría pero debemos aceptar que é lexítima e respectala. Tamén se deben respectar os intereses xerais das minorías para evitar a ditadura das maiorías.
Representación e participación
Nas democracias representativas, coa elección dos representantes políticos non finaliza a nosa responsabilidade. O voto é un xeito de participar na vida pública, quizá o máis importante, mais non o único. Pénsase, ás veces, que o noso papel é votar, e que lles corresponde aos políticos resolver os problemas. Pero facernos responsables da marcha da sociedade, como cidadáns activos, implica tamén contribuírmos a impulsala e a mellorala. Podemos mover e mellorar entre todos a sociedade de moitas maneiras; por exemplo, participando nas asociacións veciñais ou xuvenís, colaborando con organizacións non gobernamentais…
A nosa participación na construción da sociedade é un xeito efectivo de crear democracia.
A liberdade
A liberdade e a igualdade son dous piares dunha sociedade democrática. A verdadeira democracia fundaméntase no respecto ás persoas. Respectar as opinións e os intereses de todos significa loitar pola liberdade de expresión, de opinión, de conciencia e de crenzas.
Os partidos políticos
Un sistema democrático baséase no pluralismo político. Os partidos políticospresentan os seus programas e as súas candidaturas ás eleccións; son as canles polas que a cidadanía participa na vida política.
Os partidos presentan os seusprogramas, onde recollen os obxectivos que queren alcanzar e as persoas candidatas ás eleccións. Serán os cidadáns e as cidadás, co seu voto, quen elixan entre as opcións políticas que se presentan ás eleccións. Segundo os votos obtidos, cada partido político terá un número determinado de representantes, que defenderán os puntos de vista do seu partido na cámara correspondente.
-
Os partidos políticos naceron en Europa a finais do século XVIII.
-
En España existen distintos partidos, con representación nos Parlamentos español e autonómicos e nos concellos.
-
Os partidos políticos deben organizarse e funcionar democraticamente.
A división de poderes
En todos os estados existen tres poderes:
-
Lexislativo, coa función de discutir e aprobar as leis.
-
Executivo, para aplicar esas leis e dirixir a política xeral.
-
Xudicial, que se encarga de ditar sentenzas cando se infrinxan as leis.
En todos os sistemas democráticos existe división de poderes, para que ningunha institución ou persoa os acapare:
-
Parlamento: ten a función lexislativa.
-
Goberno: ten función executiva.
-
Tribunais: desempeñan a función xudicial.
-
O barón de Montesquieu (1689-1755) na súa obra O Espírito das leis foi un grande defensor da separación ou división de poderes

-
Nos últimos 250 anos viuse como moitas certezas políticas eran guindadas- a monarquía ou o dereito dun país a colonizar a outro- e substituídos por outras. A liberdade de expresión, raro privilexio noutros tempos, considérase agora como un dereito humano universal . A democracia, se se basea en eleccións libres e se pode elixir de verdade entre partidos políticos, é preferible á ditadura, por benigna que esta sexa . As mulleres e as minorías étnicas deben ter dereito a voto. Os pobres deben ter unha voz política.
Robert Stewart
-
Mitin feminino en París a mediados do século XIX.
En Europa e nos EEUU, durante o século XIX e parte do XX, as mulleres, tiveron a súa particular loita: o sufraguismo, é dicir, conquistar o dereito ao voto en igualdade de condicións ao home. Tamén lograron a súa introdución no mundo do traballo, da ciencia, da cultura e da política.

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0