Saltar navegación

1.4.4 Organización interna do Estado

O Estado organízase territorialmente para cumprir as súas funcións. Todos os estados posúen niveis de administración que van desde o Goberno central ata os gobernos locais ou concellos. Cada un destes niveis ten determinadas competencias.

Existen varias formas de organización interna dun Estado:

Xeitos de organización interna do Estado

  • Estado unitario centralizado

  • Ten unha administración central que controla todo o territorio.

  • Poden existir divisións internas en provincias ou departamentos, pero os funcionarios ou gobernos locais que dirixen cada provincia ou departamento dependen da administración central (por exemplo, o Estado francés).

  • Estado unitario descentralizado

  • Existe unha lei suprema, a Constitución, un conxunto de leis comúns para todo o Estado e unha administración central cunhas competencias definidas.

  • Unha parte das competencias transfírense a outro tipo de divisións administrativas que administran o seu territorio sen interferir nas leis do conxunto do Estado. É o caso de España: a Constitución de 1978 establece un modelo de Estado unitario e descentralizado, cun Goberno central e unha división administrativa en dezasete comunidades autónomas e dúas cidades autónomas. Cada unha delas posúe un Estatuto de Autonomía que establece a relación co conxunto do Estado e unha administración autonómica que ten unha serie de competencias.

  • Estado federal

  • Está composto á súa vez por varios estados. Pero todos eles respectan unha mesma lei suprema común, a Constitución.

  • Existe unha administración central que non interfire na Administración federal. A Administración central ten o máximo poder nalgunhas materias: política exterior, defensa, seguridade común, impostos.

  • Cada Estado federal ten a súa propia administración, o seu Goberno e leis propias nas que a administración central non pode intervir. É o caso dos Estados Unidos, Suíza, Alemaña, México e Brasil.

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0