Saltar navegación

1.4.1 O comercio

 

Comercio é o conxunto de actividades relacionadas co intercambio de bens e servizos, baseado na lei da oferta e da demanda. O sistema máis antigo de comercio é o troco ou intercambio de produtos; máis tarde foi substituído polo uso do diñeiro e a aparición de mercados ou lugares para o intercambio.

  • Comercio interior. Desenvólvese dentro das fronteiras dun Estado, e realízase en mercados fixos, grandes superficies (supermercados ou hipermercados), mercados centrais de abastecemento, pequenos comercios, feiras de mostras ou comercio ambulante.

  • Comercio exterior. O comercio exterior é o intercambio de bens ou servizos entre un país e os demais, alén das súas fronteiras. Existen dous indicadores para medir o nivel comercial dun Estado:

    • Balanza comercial: é a relación entre o valor do que se vende (exportacións) e o que se compra (importacións). A balanza é positiva se é maior o valor das exportacións; é negativa se é superior o valor das importacións.

    • Balanza de pagamentos: documento no que se rexistran as operacións comerciais, servizos ou movementos de capitais entre os habitantes dun país cos do resto do mundo. É o resultado da combinación da balanza comercial, a de servizos (seguros e turismo), capitais e transferencias (actividades financeiras).

Políticas comerciais

  • Proteccionismo: os estados establecen aranceis (impostos) fronteirizos para protexer os produtos nacionais fronte aos da competencia procedentes do estranxeiro.

  • Librecambismo: política económica sen barreiras no intercambio comercial cos demais países.

  • Sistema mixto: cando se practica unha política de librecambismo cun bloque de países e de proteccionismo cos outros.

Intercambios comerciais

Os países producen en exceso determinados artigos ou servizos, mentres precisan doutros. O grao de excedentes ou de déficits determina a cantidade, o destino e a frecuencia dos intercambios comerciais entre unhas e outras rexións do mundo.

 Actualmente, o comercio ten enorme importancia pola constante demanda de produtos e polo desenvolvemento dos medios de transporte e comunicación.

Os produtos que se comercializan seguen unhas canles que os encarecen. Así, os intermediarios obteñen ganancias polo seu traballo e elevan o prezo final do produto.

A patente é o privilexio de explotación ou fabricación dalgún invento, produto ou proceso industrial. A nación ou empresa posuidora dalgunha patente pode vendela ou concedela a outro país ou organismo en usufruto: licenza.

As moedas estranxeiras que entran nun país son as divisas. O prezo que se paga polas divisas é a cotización ou cambio.

 

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0