1.2.5 A pesca
A pesca é a actividade de captura e extracción dos recursos que o mar ofrece: peixes, crustáceos e moluscos. Podemos distinguir entre pesca fluvial, que se desenvolve nos ríos, e pesca mariña, que ten lugar nos mares e océanos.
Condicións xeográficas e biolóxicas
A existencia de peixes nos mares depende de certas condicións xeográficas, especialmente das topográficas e das climáticas. As máis propicias son:
- Zócolos continentais con menos de 200 metros de profundidade, que rodean as costas.
-
Costas recortadas e grandes plataformas litorais.
-
Capas acuáticas temperadas polo sol e de salinidade apropiada, que favorecen o desenvolvemento do fitoplancto, base alimenticia dos peixes.
-
Zonas de contacto entre correntes mariñas cálidas e frías.
-
Afloramentos de augas profundas que arrastran nutrientes depositados nos fondos.
-
Nas zonas de augas frías e baixa salinidade dos mares abunda o plancto, polo que hai numerosas especies.
Zonas pesqueiras
Non todas as zonas dos mares e océanos son ricas en recursos pesqueiros. A pesca concéntrase en diversos lugares do planeta, coñecidos como caladoiros. Estas zonas son:
- As plataformas continentais.
-
As zonas de contacto das correntes mariñas frías e cálidas.
-
As zonas litorais ou costeiras.
Ademais, desde o punto de vista pesqueiro, débese ter en conta a temperatura dos mares:
- Mares mornos: a pesca extraída neles é a primeira do mundo. Só o Atlántico norte produce máis da cuarta parte do volume total mundial. Sardiñas, bacallaus, bonitos, pescadas e arenques son as especies máis capturadas.
- Mares quentes:ata hai pouco a pesca tiña escasa importancia. Actualmente adquiriu gran desenvolvemento, grazas á aplicación de novas técnicas. A maior parte da produción transfórmase en fariña de peixe. Nestes mares hai bonitos, pescadas e bocareos.
-
Mares fríos:destaca a caza ou pesca de baleas. Foron tan acurralados estes mamíferos que hoxe están en perigo de desaparición.
-
As especies migrantes, como sardiñas, xurelos, xardas e bocareos desprázanse en grandes bancos superficiais



Xurelo ou chicharro
Bocarte ou bocareo
Rabada ou peixe sapo
Caladoiros mundiais
- Atlántico norte europeo. Esténdese desde o mar Cantábrico ata o mar Branco. É unha zona pouco profunda e de fondo areoso. Especies capturadas: bacallau, arenque, pescada, bonito e sardiña. Augas mornas.
-
Atlántico norteamericano. Comprende desde a península do Labrador ata o cabo Hatteras. Nesta zona pescan grandes flotas da Europa occidental bacallau, xarda, pescada e fletán negro. Augas mornas.
-
Asia oriental. Os peixes abundan nas costas de Corea, illas Curiles e Sajalín, sobre todo arenques, pescadas, bacallaus e atúns. Augas mornas.
-
Mares dos Polos:baleas, focas e morsas son as especies máis capturadas. A importancia pesqueira destes animais descendeu moito, pois empezan a escasear.
-
Mares tropicais: as grandes profundidades, a escaseza de plancto e as altas temperaturas das augas fan estas zonas pouco rendibles en pesca. Nalgunhas zonas abundan bonitos, pescadas e bocareos. Destes mares extráense esponxas, perlas e corais.

As campañas pesqueiras determinan tres tipos fundamentais de pesca
Tipos de pesca
- De grande altura.As campañas duran varios meses. Grandes flotas formadas por pesqueiros conxeladores capturan e conxelan o peixe, os buques-factoría transforman parte da pesca en subprodutos, como fariña de peixe.
-
De altura. As campañas duran varios días ou semanas. Os barcos adoitan ir en parellas a caladoiros non moi afastados das costas de orixe. Captúranse especies de fondo: congro, rodaballo, pescada, linguado…
-
De baixura ou costeira.Pequenas embarcacións preto da costa unhas horas ao día.
O bote de pesca
A actividade pesqueira
Esta actividade é moi importante para a economía alimentaria. Os recursos bióticos do mar son a despensa de moitos países, son unha fonte cuantiosa de alimentos. Cando non hai caladoiros importantes nas plataformas continentais propias, os países tradicionalmente pesqueiros vense obrigados a pescar en caladoiros afastados.
O desenvolvemento técnico incide no equipamento dos barcos, na modernización das flotas, na preparación das tripulacións e na investigación para coñecer mellor os recursos mariños.
O esforzo pesqueiroé o número de xornadas e horas de actividade pesqueira e o rendemento das capturas. Este esforzo varía en función dos mercados interiores e exteriores.
As 200 millas
Desde 1976 a Comunidade Económica Europea (hoxe Unión Europea) acordou que as augas xurisdicionais dos países membros eran as comprendidas desde a costa ata as 200 millas mar a dentro.
Evolución do sector pesqueiro
A extensión das zonas económicas exclusivas acabou coa explotación sen control dos caladoiros e dos bancos naturais nas plataformas pesqueiras alleas.
O problema non afecta só a explotación da pesca, senón o petróleo e outros minerais do fondo do mar.
Para racionalizar os recursos, moitos países cerran os seus caladoiros ás flotas estranxeiras ou, cando menos, intentan reducir o esforzo pesqueiro dos outros países que traballan no seu perímetro, mediante:
- Licenzas:permisos asinados mediante convenios bilaterais ou multinacionais para traballar en determinados caladoiros.
-
Cotas: límites de embarcacións e de captura de especies. Os organismos internacionais impoñen cotas de capturas por especies aos barcos, limitan o número destes e obrigan a empregar artes de pesca autorizadas.
Acuicultura ou piscicultura
Acuicultura é o cultivo controlado de especies animais e vexetais acuáticas (augas doces ou salgadas) en viveiros. Destacan especies como a troita, o salmón, a robaliza, o rodaballo, a dourada, as ostras e os mexillóns. Nas costas galegas estes moluscos son cultivados nas bateas.
A pesca de auga doce
Esta modalidade practícase en encoros, lagos e ríos. As zonas de pesca fluvial máis importantes do mundo localízanse nos cursos dos ríos que desembocan no Pacífico norte, nos ríos de Norteamérica e de Asia. O peixe capturado en maior proporción é o salmón, a terceira especie en importancia comercial do mundo, despois do bacallau e do arenque.
-


Pesqueira ou pesco
Nos ríos dalgunhas comarcas constrúense pesqueiras para capturar lampreas
Biturón
Rede de forma cónica entre as paredes da pesqueira
-
Lectura
En Galicia chámase mariñeiro o home do mar que traballa coas redes, e pescador o que soamente manexa liñós; aínda que hoxe, segundo Calo Lourido, estase a perder o matiz que diferenciaba ambas as palabras.
Os patróns dos barcos de baixura coñecen as zonas da nosa plataforma continental nas que abundan os peixes, é dicir, as postas. Para isto sérvense, amais da observación diaria e da memoria, dos chamados derroteiros, rudimentarias cartas mariñas nas que se sinalan as diversas postas. Cada posta queda delimitada no vértice dun ángulo; os seus lados precisan dous puntos (marcas) de referencia en terra.
Actividades propostas
S15. Pesca:
-
Que é a pesca?
-
De que depende a existencia de pesca nos mares?
-
Cales son as condicións máis favorables para os peixes?
S16 Zonas pesqueiras:
-
- Esquematice as zonas pesqueiras ou caladoiros.
-
Clasifique os mares pola temperatura, desde o punto de vista pesqueiro.
-
Distribúa en esquema os caladoiros mundiais.
-
Tipos de pesca.
S17 Actividade pesqueira:
-
- Por que son importantes os produtos mariños?
-
Que é o esforzo pesqueiro?
-
Cantas millas teñen as augas comerciais dos países da Unión Europea?
S18 Pesca e intereses:
-
Que intereses económicos hai na fixación das 200 millas?
-
Como racionalizan moitos países os seus recursos pesqueiros?
-
Que é a acuicultura ou piscicultura?
Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0