1.2.2 A gandaría
Actividade económica agraria baseada na cría de animais para obter alimentos: carne, leite, ovos, ou materias primas: la e coiro. Os animais proporcionan forza para o traballo.
O gando vacún é o de maior importancia económica en todo o mundo; seguen o de la, o porcino, o cabalar e as explotacións avícolas. Os principais produtos gandeiros son: leite e derivados, carne, graxas, ovos, las, pelicas e coiros.
A gandaría, unha das actividades económicas máis antigas, incrementouse nas últimas décadas a causa do desprazamento das actividades agrícolas: moitas terras de cultivo dedícanse agora a pasto; aproximadamente o 38% da produción mundial de cereais, especialmente millo, cebada, sorgo e avea, úsase na mantenza de animais.
A demanda actual de carne nos países ricos xa non pode ser satisfeita cos sistemas tradicionais de produción que integraban agricultura e gandaría. Hoxe a produción gandeira, nomeadamente de carne, desenvólvese en modernas instalacións industriais.
Explotacións gandeiras segundo a produción
-
Gandaría intensiva estabulada. Animais que se crían en granxas ou en explotacións pechadas e se alimentan con pensos compostos. Dedícanse á produción intensiva de carne e leite, no menor tempo posible. Requiren investimentos importantes nas instalacións, na tecnoloxía e nos pensos.
-
Gandaría extensiva. Animais que se crían en grandes extensións de terreo e se alimentan fundamentalmente de pastos naturais, producidos de acordo co ritmo natural das estacións do ano. Deles obtense carne, leite, coiro e la. Dentro dela pódese incluír a gandaría sustentable, aquela que non prexudica o medio natural.
-
Gandaría nómade. Desenvólvese nas estepas. O gando desprázase arreo na procura de pastos.
-
Explotacións gandeiras mixtas. Granxas vacúas modernas onde se seleccionan as razas para producir carne e leite.
Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0