1.3.3 O sector secundario en España
A industria española
A industria química de base produce ácido sulfúrico a partir da pirita amarela, amoníaco, cloro, carbonato sódico… procedentes de materias primas inorgánicas (sal, cal, auga, minerais), tamén hidrocarburos, alcohois, ácidos...
A industria química de produtos intermedios fabrica carburantes e lubricantes, obtidos en refinarías; fertilizantes, vernices, tinguiduras, fibras artificiais e sintéticas, manufacturados de plástico, produtos farmacéuticos…
O cemento é importante material de construción e aglomerante. Como a industria da construción estaba moi desenvolvida en España, o consumo de cemento era moi alto ata hai pouco. Factores que inflúen nas instalacións cementeiras son a dispoñibilidade de materias primas (arxilas e calcarias), acceso a grandes vías de comunicación e a centros urbanos e dispoñibilidade de fontes de enerxía
A industria do papel baséase no aproveitamento de árbores (eucaliptos e coníferas) e na existencia de auga abundante. Repoboacións masivas de piñeiros e eucaliptos abastecen as factorías de pasta de papel.
A industria do automóbil dispón de importantes factorías e dunha industria auxiliar que vai desde talleres metalúrxicos ata a industria do caucho e a reloxaría. Estímase que o 42 % do valor de produción do sector corresponde ao subsector do automóbil; o 60 % restante, á industria auxiliar.

Principais zonas industriais españolas
As fontes de enerxía en Galicia
A fonte de enerxía máis importante de Galicia é a hulla branca ou hidroeléctrica. A enerxía obtida nos saltos de auga destínase a producir enerxía eléctrica.
Galicia ten enerxía suficiente para abastecer a propia demanda e exportar a metade da súa produción. A enerxía eléctrica de orixe térmica obtida nas centrais que queiman carbón é proporcionalmente pequena comparada coa hidráulica.
As dispoñibilidades en enerxías alternativas son moi grandes: o vento en toda a costa noroccidental, a biomasa e as radiacións solares no sur.
|
Mapa enerxético de Galicia |
Localización dos parques eólicos en funcionamento |
A industria galega
Galicia está pouco industrializada, xa que segue sendo un país con economía agrícola e pesqueira. Non se obteñen, agás raros casos, produtos derivados do sector primario mediante transformación industrial. As industrias galegas máis importantes, polo seu volume de produción e man de obra empregada, son:
-
A construción naval, cos principais estaleiros nas rías de Vigo e Ferrol.
-
As conservas de peixe, distribuídas por toda a costa.
-
A enerxía eléctrica, principalmente de orixe hidráulica.
-
A refinación de petróleo, na Coruña.
-
A obtención de alúmina-aluminio, na costa cantábrica.
-
As cerámicas e de materiais de construción.
-
A fabricación de automóbiles, en Vigo.
-
Os matadoiros industriais.
-
A madeireira, estendida por todo o país.
Existen tamén industrias de confección, carburos metálicos, fertilizantes e praguicidas, aluminio, celulosa, produtos químicos e farmacéuticos, artes gráficas e, actualmente, as de alta tecnoloxía e de telecomunicacións.

Zonas de localización da industria galega
-
Biografía
Antonio Raimundo Ibáñez, marqués de Sargadelos (1749 – 1809)
Foi o grande empresario industrial galego da Ilustración. Montou fábricas de fundición de ferro en Sargadelos (Cervo), onde producía olas, potes do caldo e outros utensilios cotiáns. Foron, ademais, as primeiras factorías de ferramentas e munición para o exército español. Levantou un alto forno e dentro dese complexo industrial creou a fábrica de louza e cerámica, que competía coas mellores de España, Inglaterra, Francia e Alemaña.
Ibáñez proxectaba instalar unha fábrica de tecidos, pero morreu asasinado antes de conseguilo.
-
Lectura
O Sol
O Sol subministra case toda a enerxía utilizada polos seres humanos, enerxía que está almacenada nas plantas, nos océanos, nos combustibles fósiles (carbón e petróleo).
A inesgotable fonte de enerxía que é o Sol non se aproveitou sistemática e directamente ata agora. Os invernadoiros son exemplos de aproveitamento da calor solar de forma artificial.
Xa existen alambiques solares para destilar auga doce a partir da salgada, quentadores solares de auga e dispositivos de calefacción para usos domésticos..
As baterías solares subministran enerxía eléctrica a automóbiles e grupos de vivendas. Probablemente, pronto se poderá converter a luz solar en electricidade para alimentar industrias.

Factoría de Sargadelos. Gravado de 1851
Actividades propostas
S27 Industria española:
-
- Observe o mapa das zonas industriais españolas.
-
Cite as zonas industriais máis importantes.
S28 Fontes de enerxía:
-
- Cal é a fonte de enerxía máis abundante de Galicia?
-
Observe o mapa de encoros e centrais térmicas. Tamén o de parques eólicos.
-
Cales son as industrias máis importantes de Galicia?
Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0

