1.3.1 Materias primas e fontes de enerxía
Materias primas
No proceso industrial, para elaborar un produto, precísanse materias primas para a súa transformación.
-
Vexetais: liño, algodón, caucho, madeira, cortiza, resina...
-
Animais: da gandaría (leite, ovos, coiro...) ou da pesca (peixes, mariscos, algas...).
-
Minerais: metálicos: ferro, aluminio, cobre, zinc... e non metálicos: (usados para extraer metais): sal, xofre, lousa, arxilas ...
-
Semielaboradas. As que sufriron algunha transformación: a madeira tratada, os tecidos, o caucho sintético…
Fontes de enerxía
Son os recursos naturais que, mediante un proceso de transformación, permiten xerar movementos, luz, forza ou calor para o funcionamento das industrias e dos transportes. As fontes de enerxía adoitan clasificarse en:
-
Renovables. Son inesgotables e o seu impacto ambiental é baixo: sol, vento, auga…
-
Biomasa. Materia vexetal ou animal que pode converterse en combustible, para producir enerxía eléctrica e obter biogás enerxético.
-
Hidroeléctrica. As centrais hidroeléctricas aproveitan a enerxía potencial da auga, facéndoa descender por gravidade para que pase por unha turbina que impulsa un xerador de electricidade.
-
Maremotriz. As correntes mariñas, as mareas ou as fortes ondadas utilízanse para producir enerxía mediante instalacións construídas preto do litoral.
-
Solar. A enerxía do Sol maniféstase en forma de luz e calor. Aprovéitase con pilas, baterías, paneis, cociñas e nas centrais fotovoltaicas para producir electricidade. Transforma directamente a enerxía luminosa en enerxía eléctrica.
-
Xeotérmica. Utilización da calor interna da Terra, ben como auga quente ou para producir electricidade.
-
Eólica. Empréganse aeroxeradores para producir electricidade a partir da forza dos ventos.
-
Non renovables. Son limitadas no planeta e as súas reservas diminúen ao seren consumidas: leña, carbón, petróleo, uranio… Son os máis aproveitados actualmente.
As fontes de enerxía renovables tamén se chaman alternativas, porque deberían usarse máis, no canto das non renovables.
-
Carbón. A súa enerxía aprovéitase para fundir mineral de ferro nos altos fornos, para alimentar caldeiras de calefacción e para producir electricidade nas centrais térmicas.
-
Petróleo. O petróleo transfórmase nas refinarías para obter gas butano para cociñas e quentadores; fuel para calefaccións; gasolina para automóbiles; queroseno para avións; gasóleo para tractores, camións, trens e barcos; e asfalto para firme de estradas. O carbón e o petróleo son fontes de enerxía que contaminan moito.
-
Gas natural. Está substituíndo o petróleo en cociñas, calefaccións e industrias. Transpórtase por medio de gasodutos.
-
Nuclear. Procede da enerxía almacenada no núcleo de átomos de elementos como o uranio. Utilízase nas centrais nucleares para producir electricidade. É rendible pero moi perigosa.

Centrais nucleares españolas
Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0