Saltar navegación

1.2.6 A pesca en Galicia

Condicións xeográficas

 Galicia é a primeira zona pesqueira española, polo volume de pesca que anualmente desembarca, polo número de barcos e polo número de persoas ocupadas no sector. As condicións xeográfico-biolóxicas que propician o desenvolvemento pesqueiro en Galicia son:

  •  A situación na zona pesqueira máis rica do mundo, o Atlántico norte.
  • A gran lonxitude das súas recortadas costas.

  • A riqueza das rías, lugar ideal para o crecemento de moitas especies.

  • A abundancia de plancto.

  • A influencia beneficiosa das correntes mariñas.

 A costa galega, como a do resto atlántico da península Ibérica, está baixo a influencia do gran xiro anticiclónico do Atlántico norte, concretamente na rama descendente que forma a corrente noratlántica e logo a de Canarias.

 No verán nótase moito o efecto beneficioso porque produce un afloramento das augas profundas en toda a costa, e penetra nas rías. Esta auga que aflora desde 100 ou 200 m de profundidade, máis fría e cunha concentración tres veces superior ao normal de sales nutrientes, produce unha riqueza excepcional nas rías.

 A plataforma continental galega é moi estreita, negativa para a produtividade pesqueira. Con todo, a amplitude das rías e as condicións excepcionais para o desenvolvemento da pesca determinan a abundancia e variedade de especies.

Caladoiros da costa galega

 

Caladoiros da costa galega

 bancos de pesca

 Algúns bancos e caladoiros onde traballan os pesqueiros galegos

  

Algunhas artes de pesca

 

Volanta

 

Corricán

 

Xeito

Volanta.

Arte usada para capturar pescada, ollomol,...

Corricán.

Utilízase para a pesca de bonito

Xeito.

Para a pesca de sardiña, bocareo, etc. Cálase suspendido de boias para que os peixes enmallen

 

 

Traíña ou cerco de xareta.

 

Medio mundo.

 

Parella

Traíña ou cerco de xareta.

Os barcos que as utilizan chámanse traiñeiras

Medio mundo.

Desde botes, gamelas ou chalanas empréganse para capturar xurelos, panchos, crustáceos ...

Parella.

Para pescar especies de fondo: pescada, rodaballo, congro, linguado...

 

 O marisqueo

 O marisqueo ou extracción de marisco ocupa milleiros de persoas case todo o ano. O sector do marisqueo a pé, co 95% de mulleres, é a forma máis sinxela e artesanal de pescar.

 Estes son algúns dos problemas do sector:

  •  Excesivo número de mariscadores e mariscadoras.
  • Incumprimento das vedas.

  • Eivas da lexislación para regular o emprego racional dos procedementos de extracción.

  • Progresiva contaminación das augas.

  • Extraccións masivas e incontroladas.

  • Inaxeitados sistemas de comercialización.

 Algunhas especies non son capturadas nas rías nin nas costas galegas, senón en caladoiros afastados, como a lagosta, a pota, a lura e o choco, que xa veñen conxelados desde os bancos das illas Canarias, do mar Céltico ou de Terra Nova.

 Algúns mariscos son máis apreciados noutros países que aquí, de aí a súa relativa abundancia por non estaren sometidos a continuas extraccións. Tal é o caso do carneiro e do ourizo.

Nasas. Artes de marisqueo utilizadas para capturar lagostas e nécoras. Tamén para algúns peixes: anguías, congros e mariolas.

Artes de marisqueo

 

 

Biografía

Xosé A. Cornide Saavedra (1734 – 1803)

Ilustrado galego. Estudou Humanidades na universidade de Santiago. Foi un dos fundadores da Sociedade Económica de Santiago, realizou investigacións históricas e escribiu obras xeográficas, libros de viaxes, tratados e informes.

A súa obra máis importante é Ensayo para una historia de los peces y otras producciones marítimas de las costas de Galicia. Algúns dos contidos: montepío dos mariñeiros, descrición da costa galega, especies de peixes e de cetáceos, métodos de pesca, redes e aparellos que se empregaban na época.

 

Lectura

Comercialización do peixe

O peixe desembarcado nos portos galegos, logo de clasificado por especies, tamaños e calidades, véndese en lotes nas lonxas polo sistema de poxa á baixa.

A poxa á baixa é un mecanismo de formación de prezos baseado na lei da oferta e da demanda. Pártese duns prezos iniciais máximos que van minguando ata que algún comprador asistente avisa de que quere o lote.

Este sistema de poxa beneficia aos compradores, pois o mariñeiro non sabe canto lle van pagar polo produto. Se hai moito peixe, os prezos baixan; se hai pouco, soben.

 

 

 

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0