1.3.2 A industria
O sector secundario ou industrial transforma as riquezas naturais ou materias primas, procedentes do sector primario, e elabora produtos manufacturados, dirixidos ao consumidor.
Tipos de industrias
As industrias clasifícanse en función da fonte das materias primas empregadas e do mercado ao que se dirixen os produtos:
- Industrias básicas, de base ou pesadas: as que transforman as materias primas en produtos semielaborados para outras industrias.
-
Química pesada: enerxía, combustibles-refinarías, extractivas...
-
Metalúrxica: transforma minerais metálicos en elementos básicos, como a siderúrxica (altos fornos, que transforman o mineral de ferro en ferro ou aceiro).
- Industrias de bens de equipamento: transforman os produtos semielaborados, obtidos na industria de base.
-
De construción: vivendas, encoros, estradas, autoestradas, , pontes...
-
De transformación: ferramenta industrial, materiais para transporte pesado (naval e ferroviario), automóbiles, avións e material agrícola; fabricación material eléctrico.
- Industrias lixeiras ou de consumo:
-
Electrónica. Produtos de alta tecnoloxía: electrodomésticos, telefonía móbil, audiovisuais…
-
Automobilística: fabricación de coches, vehículos industriais (camións, autocares), motocicletas...
-
Alimentaria. Transforma os produtos da agricultura, gandaría e pesca en produtos para o consumo: conservas, conxelados, uperización ou UHT e liofilización.
-
Téxtil: prendas e artigos de vestir con materias primas naturais (liño, algodón,...) ou fibras sintéticas artificiais (nailon, raión, poliéster e tecidos acrílicos).
-
Química lixeira: medicamentos, cosméticos, insecticidas, plásticos.
Empresas industriais
As industrias organízanse comercialmente en empresas con fins lucrativos e que poñen no mercado os produtos da industria. Poden clasificarse segundo estes criterios:
- Polo tamaño: microempresas, e pequenas, medianas ou grandes empresas.
-
Polo capital: públicas, privadas ou de capital mixto.
-
Pola organización: individuais, sociedades (anónimas ou limitadas); cooperativas...
A industria actual
As industrias actuais tratan de producir moito a prezos baixos para que o maior número posible de consumidores poida mercar as manufacturas. Fabrican en serie mediante cadeas de produción: cada traballador está especializado nunha tarefa dentro do proceso de fabricación; hai, pois, división do traballo.
Os utensilios empregados nas factorías modernízanse cada vez máis. Chégase mesmo á automatización: utilización de máquinas-ferramenta que, asistidas por só uns cantos técnicos, realizan todo o proceso de fabricación.
Non obstante, o artesanado, asentado principalmente en explotacións de tipo familiar, ten aínda grande importancia, xa que os seus produtos son moi apreciados pola calidade e, ás veces, polo valor artístico. Tal ocorre na ourivaría, alta costura, encaixes, tapizarías, maquinaria, olaría…
Localización das industrias
A localización dos complexos industriais depende principalmente de:
- Abundancia de fontes de enerxía ou de materias primas. Cando estas últimas se importan, as industrias sitúanse nos puntos de entrada das mercadorías, case sempre en zonas portuarias.
-
Dispoñibilidade de man de obra barata.
-
Acceso fácil aos mercados e posibilidade de promover os artigos.
-
Presenza doutros complexos industriais, pois a industria atrae máis industria.
-
Existencia de infraestruturas: rede viaria e servizos públicos e técnicos, como electricidade, auga, rede de sumidoiros e teléfono.
-
Incentivos políticos e sociais: subvencións das institucións ou políticas de desenvolvemento económico ou social dun territorio.

Zonas industriais no mundo
Industrias mundiais
-
Siderúrxica. Producen ferro e aceiro.
-
Mecánicas. Construción de medios de transporte e pequena metalurxia: máquinas domésticas e de oficina, reloxos, ferramentas, utensilios…
-
De máquinas-ferramenta e instrumentos de precisión. Fabricación de máquinas agrícolas e téxtiles, material fotográfico, electrónico, informático, óptico e electrónico.
-
Química. Produción de ácidos, gasóleo, superfosfatos, fertilizantes nitroxenados, produtos químicos orgánicos (colorantes, fibras téxtiles, caucho sintético…), produtos farmacéuticos, perfumaría, papel.
-
Alimentaria. Fariñas, viños, salga de peixe, conservas, conxelados, pratos precociñados, zumes…
Actividades propostas
S23 Sector secundario:
-
- Que actividades abrangue o sector secundario?
-
Clasifique as materias primas que transforma o sector secundario.
-
Que necesita a industria para transformar as materias primas?
-
Como poden ser as fontes de enerxía?
S24 As materias primas poden ter distinta orixe. Insira no cadro, onde corresponda, estes termos:
liño, cortiza, carne, ovos, petróleo, xofre, tabaco, cacao, conservas, titanio, carbón, algodón, seda, fosfatos, chumbo, granito, mármore, remolacha azucreira.
Tipos de industrias: alimentaria, téxtil, papeleira, construción, química, petroquímica, siderúrxica, transporte, electrodomésticos.
|
|
Orixe animal |
Orixe vexetal |
Orixe mineral |
|
|
Non enerxéticos |
Enerxéticos |
|||
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
S25 Elabore un esquema coas fontes de enerxía renovables e non renovables.
S26. Industria
-
Observe o mapa das rexións industriais do mundo. Que continente concentra máis actividade industrial? Que motivos fan atraentes estes países para os investidores?
-
En que continentes apenas hai actividade industrial? Que problemas xorden por esta carencia? É a mesma explicación para todos os continentes? Por que?
-
Hai maior concentración industrial nas costas dos continentes ou no interior? Por que? En que océano hai unha maior concentración industrial?
S27. Investigue se as seguintes afirmacións son verdadeiras ou falsas. Neste último caso reformúleas.
-
As fábricas caracterízanse por usar maquinaria, man de obra especializada e grandes investimentos.
-
As industrias clasifícanse (pola función das materias primas e do mercado ao que se dirixen) en industrias de base, de bens de equipamento e lixeiras.
-
A industria de base transforma materias primas en produtos semielaborados: industria química pesada, metalúrxica (siderúrxica, industria do automóbil)...
-
A industria de bens de equipamento transforma produtos da industria base en maquinaria e aparellos. Están en complexos industriais. Man de obra cualificada e grandes investimentos (construción, electromecánica, aeronáutica, minaría, naval, telecomunicacións, aeroespacial, altos fornos).
-
A industria lixeira transforma materias primas ou produtos semielaborados en obxectos para o consumo: electrónica, automobilística, química, editorial, téxtil, confección, ....
-
Os teléfonos móbiles, os computadores, as consolas de xogo, a televisión ... son produtos da industria de base.
-
A empresa encárgase de organizar o capital. Organízanse por tamaño (grandes, medianas e pequenas); polo capital (público, privado ou mixto) e pola súa organización (sociedades anónimas e limitadas).
-
Os polígonos industriais son espazos amplos e ben comunicados para a situación de empresas e industrias.
-
Os parques tecnolóxicos son espazos onde se asentan as industrias de base.
Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0