4.1 Contidos en lingua galega
Bloque de comunicación oral
-
Aprendemos a recoñecer as características dos textos orais de instrución.
-
Aprendemos a diferenciar os textos de instrución de carácter oral ou audiovisual e os escritos.
Bloque de comunicación escrita: os textos de instrución
-
Textos de instrución: son os que teñen como obxectivo ensinar ao receptor a maneira de realizar un proceso para obter un resultado concreto.
-
Están presentes na nosa vida cotiá e os seus tipos son moi variados: receitas de cociña, leis e regulamentos, instrucións para o manexo de distintos aparatos...
-
Indican os pasos a realizar seguindo unha orde lóxica (causa-efecto) ou cronolóxica, para o que empregan a numeración ou os marcadores temporais.
-
A súa linguaxe caracterízase polo uso de oracións sinxelas, léxico preciso, formas verbais como o imperativo, infinitivo, futuro apelativo, ou formas impersoais. Poden ir acompañados de imaxes ou ilustracións.
Bloque de coñecemento da lingua: os pronomes persoais; mecanismos de referencia interna; normas ortográficas: uso do b e do v
-
Pronomes: son unha clase de palabras ou categoría gramatical que nos permiten referirnos ás persoas ou ás cousas sen nomealas directamente.
-
Pronomes persoais: son os que sinalan as tres persoas gramaticais que interveñen na conversa: eu, nós, o falante/s; ti, vós, vostede/s o oínte/s; el, ela, eles, elas, aquel ou aquilo do que se fala. Posúen diferentes formas segundo a función que desempeñen na oración, que serán as propias dun sintagma nominal. Segundo esta función, os pronomes poden ser tónicos ou átonos. As formas átonas seguen unhas regras para a súa colocación na oración e, ademais, poden contraer entre si: díxencho (che + o).
-
Mecanismos de referencia interna. Son os mecanismos que se empregan para mellorar a claridade do texto e facilitar a súa lectura. Os principais son:
-
Repetición: repetición da mesma palabra ou expresión en distintos lugares do texto.
-
Uso de pronomes: permítennos referirnos ás persoas ou ás cousas sen nomealas directamente, evitando así a repetición dos nomes.
-
Hiperónimos: consiste en utilizar a palabra xeral dunha clase, o hiperónimo, (roupa) e os seus hipónimos, palabras dentro desa clase que teñen un significado máis específico (saia, chaqueta…), para evitar as repeticións.
-
Sinónimos: son aquelas palabras que se escriben e pronuncian de maneira diferente pero que teñen o mesmo ou moi parecido significado.
-
Elipse: consiste en suprimir palabras que non son necesarias para a comprensión dun texto.
-
Normas ortográficas:
-
Escríbense con b:
-
Os verbos rematados en -bir (excepto vivir e servir), -buír e os verbos beber, caber, deber, haber, saber, sorber e as formas que deles se derivan.
-
As terminacións do copretérito dos verbos da primeira conxugación: -ba, -bas, -ba, -bamos, -bades, -ban: andaban, bailabamos...
-
As palabras que comezan con prefixos bi- e –bis: bicicleta, bienio…; e as que comezan por bu-, bure bus- : bucal, bufanda bifocal…
-
As palabras rematadas en -bundo, -bunda e –bilidade: vagabundo, amabilidade…
-
Escríbese b cando este son vai seguido de calquera outra consoante: abstracto, blasfemia, branco, obstruír, obxecto, público....
-
Escríbense con b moitas palabras por fidelidade etimolóxica, isto é, porque así se escribían en latín: abelá, automóbil, baldeiro, bolboreta, inmóbil, marabilla…
-
Escríbense con v:
-
Os verbos rematados en –ver, (excepto beber, caber, deber, haber, saber, sorber e lamber) e -servar e -versar e os seus derivados: ferver, conversar, reservar…
-
As formas dos verbos ter e estar que levan este son, excepto o copretérito de estar (estaba).
-
As palabras rematadas en -ava, -avo, -eve, -evo, -eva, -ivo e –iva, excepto as palabras árabe e sílaba: (cativo, leve), e as rematadas en -ívoro e –ívora, excepto víbora.
-
Escríbense con v moitas palabras por fidelidade etimolóxica: avó, avogado, chuvasco, covarde, esvarar, esvelto, garavanzo, gravar, pavillón, varrer, vasoira, vasureiro...
Bloque de lingua e sociedade: linguas minorizadas
-
Lingua minorizada: calquera lingua que, compartindo espazo xeográfico con outra ou outras, ten usos restrinxidos.
-
A minorización lingüística pode ter causas predominantemente políticas, que se manifestan nas normas de uso lingüístico explícitas ou sociais. Esa situación pode impedir a normativización ou a codificación e o cultivo da lingua (caso do luxemburgués fronte ao francés, preferido pola clase alta).
-
A situación de minorización pode ser reversible como consecuencia da vontade firme dun pobo e das políticas dos seus gobernos (é o caso do finés, húngaro, islandés, noruegués, polaco e checo).
-
En España, son linguas de carácter oficial minorizadas o galego, o éuscaro, o catalán, o valenciano e o aranés.
Bloque de educación literaria: textos literarios en internet
-
Instrucións para acceder á Biblioteca Virtual Galega en internet e facer uso dos textos literarios en internet, nas versións de audio, video e simple lectura.
Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License