2.3.2 Entrevista a Teresa Moure
-
Teresa Moure: A globalización traerá empobrecemento cultural e lingüístico sen retorno
Manuel Villar - SANTIAGO DE COMPOSTELA - 15-06-2009
Teresa Moure (Monforte, 1969) é narradora, dramaturga e ensaista. E moito máis. Activista contra a homoxeneización cultural e do movemento contra a globalización...

Teresa Moure vai por libre nunha vida que escapa de marcas e etiquetas; esa procura constante da liberdade non é meditada, nin forzada; é tan natural coma a súa ansia por comunicar. Licenciada en Filoloxía na Universidade de Santiago de Compostela, douorouse en Lingüística Xeral cunha tese na que investigaba a indefinición das fronteiras nas categorías lingüísticas. Das bancadas pasou ao estrado e exerce a docencia nas facultades de Filoloxía e Filosofía. Alumnos seus din que é unha profesora diferente, que achega algo que outros non ofrecen. Hai conexión e reciprocidade; para Teresa Moure, os seus alumnos son ‘un grupo de seres alucinantes, que teiman en facer de min un ser que ame a linguaxe’. […].
Nun texto autobiográfico asegura que non lle gusta mirar cara a atrás porque non sempre se recoñece no que foi pasando na súa vida. Por que? Non ten pinta de ser das persoas que se arrepintan.
— Todas as persoas arrastramos as cicatrices da existencia. Cando me instaron a escribir unha autobiografía non puiden deixar de pensar nos espazos irrecuperábeis dos que xa non están, do que non volverá ser... Por suposto que hai algo de arrepentimento... E de morriña.
Oque máis lle gusta, segundo di, é poñer o mundo patas arriba. Cando foi a última vez que o fixo (o de poñer o mundo patas arriba)? De onde lle vén esa vocación de rebeldía?
— A frase, fóra de contexto, soa grandilocuente. En realidade, eu síntoa dun xeito máis humilde. Entre todos, colectivamente, poñemos o mundo patas arriba cada vez que revisamos as nosas rutinas, cando nos negamos a aceptar convencións opresoras, por minúsculas que sexan, na nosa vida diaria. A rebeldía nace do pensamento; noutro caso sería pura arroutada. Neste momento histórico sermos rebeldes é resultado da identificación cos oprimidos, que son lexión.
Atopa na creación literaria a mellor canle para expresar o seu pensamento alternativo?
— Cando menos nesta tempada da miña vida está a ser unha das canles máis efectivas. Non sei se a mellor mais, desde logo, non a única. Tamén me expreso moi profundamente nas aulas, por exemplo. […]
Escribir... e recoller premios. Ten un estilo complexo pero que goza do apoio de crítica e público. Cal é o motivo polo que, baixo o seu punto de vista, hai tan boa conexión cos lectores e lectoras?
— Xa lle dixen antes que non comento a miña obra. O meu cometido é escribila; os demais están en mellor disposición para a comentar. […]
En Galicia, creouse un problema onde non existía en materia lingüística?
— Non se creou porque xa estaba. Non é unha novidade a existencia de conflito lingüístico. O problema radica en que, tal é como se está a xestionar politicamente, se está abrindo unha fenda que secciona a nosa sociedade en dous grupos irreconciliábeis, o cal xa é desestruturador.
Está en perigo o galego?
— Está. Coas tendencias xerais que se dan no mundo da globalización capitalista, o galego precisa unha política de protección e promoción que é todo o contrario do que se está a propor desde o actual goberno, onde se intenta presentar o tempo dedicado a perfeccionar o coñecemento do noso idioma nacional como unha pexa que impedise abrir a mente ao universo. Están a dicir que a nosa cultura limita... Ningunha cultura limita porque non existen os nativos da internacionalidade: ao contrario, só recoñecéndonos como galegos e galegas poderemos ser universais.
Que lle parece que a Xunta estude a posibilidade de separar os rapaces en función do idioma?
— Un proxecto abominábel, que demostra unha absoluta ignorancia en materia lingüística mais tamén en habilidades sociais, de creación de redes e solución de conflitos.
Extraído da edición dixital de Atlántico Diario, http://www.atlantico.net/noticia.php?id=80838)
Actividades propostas
S5 Supoñamos que os textos anteriores (2.4 e 2.5) son a información que atopou en internet para enviarlla á amiga pero primeiro, debe saber ben de que fala cada un deles; polo tanto, realice as seguintes cuestións.
-
Diga o tema principal dos textos 2.4 e 2.5.
-
Busque noutras páxinas de internet ou en xornais e enciclopedias información sobre os problemas concretos do avellentamento da poboación en Galicia e sobre quen é Teresa Moure, a súa obra, premios recibidos… para, deste xeito, complementar a información dos dous textos.
-
Deseguido, colla un folio en branco e escriba nel (máximo unha cara) coas súas palabras o máis importante das informacións lidas (respectiva aos textos 2.4 e 2.5 e á información complementaria). Lembre que a información que poña ten que ser precisa e clara para que a súa amiga entenda o texto e os temas dos que fala con claridade, pois non está familiarizada con eles.
S6 Agora que ten todo listo e organizado, faga o seguinte:
-
Acceda a Gmail ou Hotmail e redacte un novo correo electrónico que conteña a información que escribiu no folio en branco na actividade anterior. De ser posible, debe procurar aínda resumila máis, pois esa información pretende servir de guía e, xa que logo, non ten que ser exhaustiva.
-
Cando acabe de escribir o correo escriba no cadro de asunto o seguinte: “Proposta de traballo”. Se quere, envíelle o correo a algún coñecido seu ou a si mesmo para ver o resultado final. Imprímao.
Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License