2.3.1 Taxistas que fan de asistentas sociais

No rural hai 800 licenzas de taxi menos que hai 15 anos

Taxistas que fan de asistentas sociais

Afonso Eiré . No rural de Galiza perdéronse máis de 800 prazas de taxis nos últimos 15 anos, segundo o Instituto Nacional de Estatística. A causa é o descenso alarmante de poboación. Pero, para sobrevivir, a función dos taxistas e das taxistas tamén mudou moito. Algunhas convertéronse en autenticas asistentas sociais.

Ana María do Lixeiro leva de taxista desde que o seu home se puxo enfermo e ela tivo que coller o volante. Dez anos e xa non o deixou. O negocio funciona mellor con ela.

Ana María, taxista de Chantada, coma moitos do rural, non ten nada que ver cos taxistas das cidades.

Non só é puntual senón que cando queda para coller alguén nunha aldea, sempre aparece por adiantado. Eses cinco ou dez minutos son unha garantía para as persoas maiores, que dormen pouco e sempre están preocupadas. Sobre todo cando teñen que ir ao médico, ben ao ambulatorio, ben ao hospital, a maioría das súas carreiras.

Ademais non ten horarios. Sempre ten o seu móbil acendido e recibe a chamada co mesmo sorriso se lle piden que vaia buscar a alguén ás sete, ás nove ou ás 10 de mañá do día seguinte.

Até aquí tratariamos de profesionalidade e eficacia.

Pero Ana María (como outras taxistas) dá moito máis. Acompaña as persoas maiores até o médico e, se lles fai falta, en moitos casos, entra con elas. É a que sabe do diagnóstico e quen anota as citas cando teñen que volver ao médico e os chama para lembrarlles que tal día a tal hora teñen que ir ao hospital e que, se queren, vai buscalos.

E non van querer!

Se a cousa se pon fea, é ela quen chama os familiares para darlles conta do enfermo e do seu estado.

Os médicos e enfermeiras de Chantada e Monforte xa a coñecen case todos e danlle a ela as instrucións e os recados.

Na vila, “se vostede ten que mercar, voulle eu en canto poida á farmacia polas menciñas”. E se non as teñen todas “xa llas levarei eu cando me acerte pasar preto cunha viaxe e, se fai falta, vou de pé feito”.

Ana María, como tantos taxistas máis, tamén fai de confidente. Sabe dos médicos mellores, dos que teñen mal carácter e, aínda se sería mellor ir a un privado pois a vez que lle dan no hospital vai para alá de máis de seis meses.

A Ana María, logo de levalos ao medico, chama para saber como andan e se lles fai falta algunha cousa e vólvelles insistir en que teñen o seu teléfono e que non dubiden en chamala á hora que faga falta. Tanto que, moita xente se está mal, non dubidan en chamar antes unha taxista que unha ambulancia.

Pois Ana María, como moitas outras taxistas que traballan no rural, non é so unha transportista, senón que fai as funcións de asistenta social.

Ana María é só un exemplo, real.

Extraído de: http://anosaterra.org, 21-12-2010

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License