2.5.4 Normas ortográficas: uso do b e do v

O b e o v representan en galego un son único. Isto quere dicir que se pronuncian da mesma maneira as sílabas ba/va; be/ve; bi/vi, etc.

No galego actual, como non hai esa distinción de son, as palabras escríbense con b ou v seguindo normalmente o criterio etimolóxico, é dicir, de acordo coa orixe de cada palabra.

Usos do b

  • Os verbos rematados en -bir e as formas que deles se derivan. Exemplos: escribir, percibir, recibir, prohibir, sucumbir, concibir... Son excepcións desta regra os verbos vivir e servir, que se escriben con v.

  • Todos os verbos rematados en -buír e as formas que deles se derivan. Exemplos: atribuír, contribuír, imbuír, distribuír, retribuír...

  • Os verbos beber, caber, deber, haber, saber, sorber, e todas as formas que deles se derivan.

  • As terminacións do copretérito dos verbos da primeira conxugación: -ba, -bas, -ba, -bamos, -bades, -ban. Exemplos: andaban, bailabamos, camiñabades, cantabas, choraba, falabamos...

  • As palabras que comezan con prefixos bi- e -bis. Exemplos: bicicleta, bienio, bifocal, bilateral, bilingüismo, bimembre, bisavó, bisneto...

  • As palabras rematadas en -bundo, -bunda e -bilidade. Exemplos: furibunda, meditabunda, moribundo, vagabundo, amabilidade, sensibilidade, contabilidade, habilidade...

  • As palabras comezadas por bu-, bure bus-. Exemplos: bucal, bufanda, bulir, burato, burbulla, burla, buscar, busto...

  • Escríbese b cando este son vai seguido de calquera outra consoante. Exemplos: abstracto, blasfemia, bloque, blusa, branco, breve, brisa, cable, moble, obstáculo, obstruír, obxecto, público... Hai algunhas excepcións a esta regra, como a palabra ávrego.

  • Tamén se escriben con b moitas palabras por fidelidade etimolóxica, isto é, porque así se escribían en latín ou na lingua a través da que entraron no galego. Exemplos: abelá, automóbil, baldeiro, bolboreta, inmóbil, marabilla, móbil, rebentar, trobador... Loxicamente, tamén se escriben con b todas as palabras derivadas das anteriores.

Usos do v

  • Os verbos rematados en -ver e os seus derivados. Exemplos: ferver, mover, volver, absolver, ver... Son excepcións desta regra os verbos: beber, caber, deber, haber, saber, sorber e lamber.

  • Os verbos rematados en -servar e -versar. Exemplos: conservar, conversar, malversar, reservar, observar...

  • As formas dos verbos ter e estar que levan este son. Exemplos: tivo, tivera, tivemos, tivese, estivo, estivera, estivemos, estiveches... Como excepción lembre que o copretérito do verbo estar, como todos os da primeira conxugación, se escribe con b).

  • As palabras rematadas en -ava, -avo, -eve, -evo, -eva, -ivo e -iva. Exemplos: cativo, conflictiva, escravo, leve, lonxeva, oitava, suevo... Son excepción árabe e sílaba.

  •   As palabras rematadas en -ívoro e -ívora. Exemplos: carnívora, granívora, herbívoro, insectívoro... É excepción a esta regra a palabra víbora.
  • Tamén se escriben con v moitas palabras por fidelidade etimolóxica, isto é, porque así se escribían en latín ou na lingua a través da que entraron no galego. Exemplos: avó, avogado, chuvasco, covarde, esvarar, esvelto, garavanzo, gravar, pavillón, varrer, vasoira, verniz, voda, vulto... Loxicamente, tamén se escriben con v todas as palabras derivadas das anteriores.

 

 

Actividades propostas

S15 Escriba tres palabras que pertenzan a cada un dos verbos seguintes. Fíxese neste exemplo. Recibir: recibía, recibiremos, recibiches.

Prohibir – Servir – Atribuír – Contribuír – Ferver – Conversar - Atrever

Actividade proposta

S16 Escriba unha frase con cada unha das palabras seguintes:

Observador – Marabilla – Adversario – Envolver – Baldeiro – Esvelto – Verniz -Albanel

S17 Complete as palabras das frases seguintes escribido b ou v segundo corrresponda.

    • O a ogado con idounos á súa oda.

    • O automó il do icerreitor esta a aparcado diante do pa illón.

    • O meu isa ó é un home moi lonxe o.

    • Esti en arrendo a cociña cunha asoira ella.

    • Cando fer a a auga ota os gara anzos e ol e a tapar a pota.

    • O porco é una animal omní oro, come de todo.

    • Ti emos que facer un tra allo re e sobre o ciclo vital das olboretas.

    • Era un home altivo, pero co arde.

    • Eses papeis a ultan moito, an re entar a caixa.

  

Poderá realizar un exercicio interactivo sobre o uso do b e do v (con autoavaliación) nesta ligazón, na ventá de ortografía:

[http://centros.edu.xunta.es/iesoteropedrayo.ourense/dptos/gal/exercicios.htm].

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License