Saltar navegación

Particularidades

Exipto

A viaxe no tempo levouvos a Exipto, en concreto, ao Oasis de Siwa, dedicado ao deus Amón. Alí aprendestes varias cousas.

No Antigo Exipto


Pictograma sacerdoteOs sacerdotes e as sacerdotisas

 O saber e o coñecemento estaba nas súas mans. Tiñan moito poder e influencia xa que as persoas crían que tiñan poderes máxicos.

Pictograma xeroglíficoOs escribas

Eran funcionarios que se dedicaban a tarefas de administración. Para conseguir o seu posto tiveran que formarse e estudar moito, polo que eran moi valorados socialmente.

Pictograma NefertitiAs mulleres

As mulleres en Exipto non gozaban dunha situación de igualdade social coma os homes, pero tiñan certos dereitos que facían que a súa situación fose mellor que en calquera das outras sociedades antigas e que en moitas outras sociedades posteriores. Recordade que non todo avance no tempo significa progreso.

Eses dereitos eran:

- Posuír bens baixo o seu nome.

- Rexentar negocios.

- Divorciarse.

- Herdar bens.

Como consecuencia disto, houbo varias mulleres que exerceron por dereito propio o cargo de faraón: Sobeknefrure, Hatshepsut, Nefertiti ou a última faraona de Exipto antes de  ser conquistada polos romanos, Cleopatra.

Lectura facilitada

  • Antigo Exipto.
  • Os sacerdotes e sacerdotisas posuían o coñecemento, poder e influencia.
  • Os escribas dedicábanse a tarefas de administración, eran moi valorados socialmente.
  • As mulleres en Exipto tiñan unha situación social mellor que noutras sociedades antigas e tiñan varios dereitos (herdar, posuír bens, divorciarse...).
  • Houbo mulleres que exerceron o cargo de faraón: Sobeknefrure, Hatshepsut, Nefertiti ou Cleopatra.

Mesopotamia

Que sorte! Na vosa viaxe a Mesopotamia puidestes coñecer a Enheduana e aprendestes moito sobre a orixe das leis.

Mesopotamia

Pictograma princesaEnheduana

Filla do rei Sargón I. Foi a primeira escritora da Historia que coñecemos polo seu nome, escribiu moitos poemas e oracións e foi unha sacerdotisa moi poderosa. Se queres saber algo máis sobre ela, preme aquí.

Pictograma xustizaA orixe das leis

Mesopotamia estivo formada por grandes cidades que albergaban a moitas persoas o que facía que houbese conflitos entre elas a diario, isto deu lugar á  invención das leis que se puideron rexistrar por escrito por primeira vez na Historia. O conxunto de leis máis antigo foi o de Ur-Nammu, rei de Ur, que solucionaba case todas as situacións co pago de prata ou coa pena de morte. Tempo despois, en Babilonia, o rei Hammurabi, quixo asegurarse que se trataba a todo o mundo con xustiza e mandou elaborar un novo código legal -o código de Hammurabi-, onde se especificaba moitas situación diferentes e o proceder que había que seguir ante cada unha. O código de Hammurabi é o conxunto de leis escritas máis antigo conservado no mundo (1750 a. C.). Podes atopalo no museo  Louvre.

Lectura facilitada

Mesopotamia:

  • Enheduana, filla do rei Sargón I. Foi a primeira escritora da Historia que coñecemos polo seu nome, escribiu moitos poemas e oracións e foi unha sacerdotisa moi poderosa.
  • En Mesopotamia naceron as leis.
  • O código de Hammurabi é o conxunto de leis escritas máis antigo conservado no mundo (1750 a.C.).

India

Na India estableceuse unha división social baseada no sistema de castas, que ten a súa orixe na relixión hindú. Existen catro castas xerarquizadas en canto a pureza:

Sistema de castas:

Pictograma ShivaOs brahmans

Os sacerdotes, o seu papel social é o máis importante.

Pictograma sableOs chatrias

Nobreza e persoas guerreiras, poder político.

Pictograma ganadoOs vaishyas

Comerciantes, persoas gandeiras, artesás...

Pictograma agriculturaOs shudras

Dedicados a servir o resto das castas, a maioría dedícanse á agricultura.

As persoas que non pertencen a ningunha casta

Pictograma soloOs dálit

As persoas oprimidas, as “impuras” e chamadas de forma pexorativa “intocables”. Estas persoas sufrían moita marxinación e discriminación.

Pictograma ohO sistema de castas aínda está moi presente na India. Houbo que esperar a 1949 para que a constitución do país considerase ilegal a discriminación por motivo de casta, pero a súa pervivencia social chega ata os nosos días. Se queres saber algo máis desta milenaria e complexa organización social, preme aquí.

Lectura facilitada

  • Na India a sociedade estaba organizada no sistema de castas,  que ten a súa orixe na relixión hindú. Existen catro castas xerarquizadas en canto a pureza:
    • Os sacerdotes, o seu papel social é o máis importante.
    • Nobreza e persoas guerreiras, poder político.
    • Comerciantes, persoas gandeiras, artesás...
    • Dedicadas a servir o resto das castas, a maioría dedícanse á agricultura.
  • As persoas que non pertencen a ningunha casta son as “impuras” e chamadas de forma pexorativa “intocables”. Estas persoas sufrían moita marxinación e discriminación.
  • Agora o sistema de castas aínda é causa de discriminacións na India.

China

En torno ao ano 130 a. C., a dinastía Han de China, quixo establecer vías de comercio continuo con occidente para coñecer todo o que esas afastadas terras podían ofrecer. 

Ruta da seda

Pictograma sedaA seda

Así, o principal produto que viaxa dende China era a seda, o que fixo que ao longo dos séculos se lle acabase chamando a estas vías a “Ruta da Seda”.

Pictograma unirConectaba oriente con occidente

En realidade, aproveitábanse rutas comercias establecidas xa antes pola poboación persa e a ruta conectaba oriente con occidente, dende China, pasando por India, Mesopotamia, baixando a Exipto e chegando a Europa.

Pictograma finEstivo activa ata 1453

Esta ruta estivo activa ata que en 1453 a poboación turca otomá conquistou Constantinopla, o que motivou a creación de novas rutas mariñas que acabaron favorecendo a chegada das persoas europeas a América.

Lectura facilitada

  • En China, en torno ao ano 130 a. C., a dinastía Han, comezou a establecer vías de comercio con occidente.
  • Como o principal produto que viaxaba dende China era a seda, chamóuselle Ruta da Seda.
  • Esta ruta conectaba oriente con occidente.
  • Estivo activa ata o 1453.
  • A súa interrupción motivou a busca de novas vías para chegar a Asia e as persoas europeas acabaron chegando a América.

Tarefa

Pictograma exameAgora tes que incorporar os aspectos máis relevantes de cada cultura ou civilización nos correspondentes recadros de "Particularidades" na túa ficha descargada.

Con isto irás ampliando os coñecementos que necesitas para a realización do reto.

Pregunta Verdadeiro-Falso

Le con atención as seguintes oracións e determina se son verdadeiras ou falsas.

Pregunta 1

No Antigo Exipto os escribas eran moi valorados socialmente.

Pregunta 2

Os sacerdotes e as sacerdotisas do Antigo Exipto vivían de forma moi humilde e non eran valorados e valoradas socialmente.

Pregunta 3

Houbo mulleres que exerceron o cargo de faraón e desafiaron as leis e os roles de xénero establecidos.

Pregunta 4

As mulleres do Antigo Exipto tiñan máis dereitos que noutras civilizacións Antigas e incluso actuais.

Pregunta 5

O conxunto de leis escritas máis antigas do mundo atopouse en Exipto.

Pregunta 6

A invención das leis axudoulle ás persoas a solucionar e previr conflitos.

Pregunta 7

O código de Hammurabi é o conxunto de leis máis antigas conservadas do mundo.

Pregunta 8

O sistema de castas é propio da sociedade mesopotámica.

Pregunta 9

Hoxe en día, aínda que non é legal, aínda está presente o sistema de castas.

Pregunta 10

A Ruta da Seda conectaba oriente e occidente.

Pregunta 11

A Ruta da Seda estivo activa ata 1492.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)