Saltar navegación

1.1. Un reto difícil

Un reto difícil, pero non imposible!

O voso reto como viaxeiros e viaxeiras ao pasado é o seguinte: teredes que aprender todo o que poidades sobre as civilizacións da Antigüidade para volver ao presente e comunicarlle todos eses coñecementos ao resto do alumnado! Para facelo tedes varias opcións: unha presentación, un vídeo ou unha maqueta que represente a cada unha das catro civilizacións.

Difícil? De certo que non é doado, pero podedes conseguilo! A polo reto!

Lectura facilitada

O voso reto

Como viaxeiros e viaxeiras ao pasado, debedes aprender todo sobre as civilizacións da Antigüidade.

Logo, no presente, compartiredes eses coñecementos co resto do alumnado.

Podedes escoller entre:

Facer unha presentación.
Crear un vídeo.
Construír unha maqueta sobre as catro civilizacións.

Non será fácil, pero podedes conseguilo.

A polo reto!

Antes de partir, reflexionamos

Antes de comezar calquera viaxe é preciso planificar con coidado que materiais van ser de utilidade, que rutas tomar e onde descansar. Imaxina canto máis importante será cando planeamos unha viaxe no espazo-tempo! Para levar conta de todo o acontecido empregaremos o diario de aprendizaxe, unha especie de caderno de bitácora onde anotaremos o que vaiamos aprendendo, así como o que consideremos oportuno do proceso de ensino-aprendizaxe.

As civilizacións que imos estudar chámanse "civilizacións fluviais" porque xurdiron ao carón de importantes ríos. O primeiro que vas facer é ver un pequeno vídeo sobre a importancia da auga para despois facer unha reflexión individual no diario de aprendizaxe na que recollas o que che pareceu máis importante e se consideras que na actualidade se fai un consumo e tratamento responsable das augas do planeta.

Despois, poñeredes as vosas reflexións en común a través dunha reunión de grupo.

Lectura facilitada

Preparando a viaxe no espazo-tempo

Antes de viaxar, é importante planificar que materiais precisamos,

que rutas seguiremos e onde descansaremos.

Para organizar todo, usaremos o diario de aprendizaxe,

onde anotaremos o que aprendamos e as nosas ideas sobre o proceso.

As civilizacións que estudaremos chámanse civilizacións fluviais

porque naceron preto de grandes ríos.

Primeiro, verás un vídeo sobre a importancia da auga.

Logo, farás unha reflexión no diario de aprendizaxe sobre:

O que che pareceu máis importante.

Se cres que hoxe en día usamos e tratamos a auga de forma responsable.

Por último, compartiredes as vosas reflexións nunha reunión de grupo.

Cuestións para o diario de aprendizaxe:

Que podemos facer hoxe para usar a auga de forma responsable?

Como afecta o cambio climático á dispoñibilidade de auga no mundo?

Que ensinanzas nos deixan as civilizacións antigas sobre o uso responsable da auga?

Empeza o teu diario de aprendizaxe

Antes de seguir, respondede as seguintes preguntas no voso diario de aprendizaxe:

Icona do diario

  • Que medidas poderiamos empregar na actualidade para facer un uso responsable da auga?
  • Como cres que afecta o cambio climático á dispoñibilidade da auga no mundo?
  • Que podemos aprender das civilizacións da antigüidade sobre o uso responsable da auga?

É moi importante que o cubras porque para aprender... hai que reflexionar!

Lembra:

Pregunta ao teu profesor ou profesora se o encherás en papel ou no computador.
Se o cubres no computador, non te esquezas de gardalo no teu equipo cando a termines!
Ánimo, que o farás xenial!

Feito con eXeLearning (Nova xanela)